A Potencia sen control non serve de nada

A Potencia sen control non serve de nada

Era un anuncio de Pirelli, non si? Estes días, por unha razón ou outra, atopeime varias veces pensando nesa frase, que resume moi ben a miña actitude vital en moitos puntos. A pesar do hedonismo, da personalidade adictiva (ou precisamente por iso), son das que pensan que son importantes cousas como o autocontrol, o traballo, o esforzo, a disciplina, e outras palabras que soan igual de rancias.

Lendo o penúltimo post de Torredebabel, por exemplo, volvín pensalo. A construcción da propia identidade pasa por un traballo arduo, non é algo que nos veña dado sen mais, nin é mais sincera canto mais espontánea. Ás veces teño a sensación de que, cando mencionas algunha destas palabras (disciplina, traballo, esforzo, uf!) quedas como se foras unha auténtica fascista, ou alomenos un pouquiño reaccionaria. Semella que a personalidade debe ser “auténtica”, sen cortapisas. “Eu son así”, “te lo digo como lo pienso”, “yo es que soy muy sincera” e cousas polo estilo.

Eu penso que é exactamente ao contrario. As persoas mais auténticas son precisamente as que se tomaron o traballo de pensar sobre como son, como queren ser, os defectos que teñen e os que lles gustaría non ter. Coñécete a ti mesm@, como dixo o oráculo. O demáis adoita ser unha caixa de fogos de artificio. Hai moita xente que vai de superauténtica porque non se pon límites, e iso en xeral implica que tampouco che importa se molestas aos demáis ou non, se tes dereito ou non a dicir determinadas cousas, a traspasar determinadas barreiras.

Por outra banda, non se me ocorre nada que teña e que realmente valore que non sexa resultado dun esforzo, dun traballo que pode ser mais ou menos gratificante, pero que non deixa de ser traballo. Incluso as relacións hai que traballalas. “Good Lovin’ Ain’t Easy”, que cantaba o grande Marvin

12 comentarios en «A Potencia sen control non serve de nada»

  1. Empregaches a expresión: a construcción da propia identidade, velaí o quid da cuestión: implica unha vontade de perfeccionamento. A autenticidade/espontaneidade en realidade é un pretexto para tomar a decisión cómoda de deixarse levar no canto de comprometerse na causa da nosa propia existencia. E só imos ter unha oportunidade (quen fose gato!)

  2. Pois eu creo que o que é reaccionario é esa espontaneidade agresiva (non toda espontaneidade, obviamente), pola sinxela razón de que antepón un “eu” aos “eus” dos demais. Creo que a verdadeira arte da convivencia entre persoas é que cada quen faga o esforzo de poñerse no lugar dos outros. Naturalmente ten que ser algo mutuo, senón é servidume.

  3. Canta razón leva, Maxestade. O esforzo adicado ás cousas é o que logo as revaloriza, e isto vale tanto para relacións como para papiroflexia. Moito teño discutido sobre o concepto de “sinceridade” que teñen moitos… Concordo con Mario en que a clave está en facer un pequeno esforzo empático, senon mal andamos.

  4. Coñezo demasiada xente “sincera” e “espontánea” e moi pouca que diga o que de verdade pensa e non o primeiro que lle apetece no momento.
    Falando disto a min encántanme as imaxes; eu véxonos como unha enorme e impenetrábel selva, o que ten mérito é ir podando toda esa maleza, ir descubríndote a ti mesm@ e limpar o terreno das cousas das cousas que non gostas, se non as silvas acaban por comerte (a ti e aos demais). En fin, selva ou o que chamamos o subconsciente.

  5. Sosteño que o traballo por moi arduo que sexa pode ser extremadamente hedónico e gratificante se o fas convencido e implicado nel. Pola contra pode ser unha auténtica tortura (ver a etimoloxía de traballo [tripalium]) se é obrigado e imposto.

    As cousas ou se fan ben e a gusto ou o resultado non é bon

  6. Moi interesante, e (no básico) concordo con vostede sempre que esa construcción (eu diría mellora) da propia identidade non agoche unha domesticación da identidade primixenia, ou a suplantación por outra que nos abraie. Coñecerse a un mesmo tamén é apreciar iso que as maiorias poden chegar a rexeitar. Para min a verdadeira sinceridade e espotaneidade está en vivir sendo consecuente cun mesmo, o cual non é sinónimo de agresividade nin falta de empatía, todo o contrario, cando un se respecta a si mesmo tamén respecta aos demais aínda que lles leve a contra, ás veces.

  7. Pois qué queres que che diga? O caso é que levas toda a razón. A espontaneidade é simplemente a presada dos lugares comúns, das ideas gastadas, do acomodaticio. Consumo Fácil. O mellorarse é sempre un esforzo. O pensamento crítico é a crítica permanente, incluídos contra os principios mesmos da crítica. É perpetuum mobile, non durmirse nunca, que pa iso xa temos toda unha eternidade de silencio…
    Un desconfía de xeito natural do ‘sinxelo’ e do ‘espontáneo’ e do claro en todo (sobretodo no arte e nas relacións persoais). A realidade é complexa. Negalo o escondelo ten moitos nomes. Un deles, Ideoloxía.
    Concordo tamén co que dis do esforzo e da disciplina. Certo tópico vacuo de certa esquerda caviar e guay amósase incapaz de facer esforzos e defender valores. Retrotraendonos a aquela frase de Goethe, silabario do conservadorismo (‘Prefiro a inxustiza á desorde’) non basta con darlle a volta. Preferiremos a desorde, mais iso non convirte a desorde en boa… Quizais virtudes como ‘disciplina e ‘orde’ luxáronse da manipulación histórica da dereita (que as converte en ferramentes de sumisión irracional), o que non quitan que teñan o seu diamante de verdade e necesidade…

  8. Moitos anos da miña vida, moitos moitos, levei todos os días da semana esas mesmas zapatillas que se ven na foto. Horas e horas de disciplina e de rigor. Horas de matemática milimétrica traducida ao corpo. E sabedes para que? Para logo, chegado o momento, ser completamente libre mentres se baila presos dunha coreografía. Paradoxal pero certo.

  9. Concordo contigo Raíña, e fago unha digresión: véxase entón o valor do deporte, que inculca valores necesarios nos adestramentos (esforzo, disciplina, vontade) para obter a recompensa final. Dito o cal, tamén convén lembrar que o importante é o camiño, non a meta, e que o éxito a calquer prezo non é válido.

  10. Dacordo con vostede niso de que, ás veces, espetar a verdade sen máis, alegando sinceridade e espontaneidade é o fácil, o máis cómodo. Penso que, en ocasións non somos capaces de omitir certas cousas é iso vai en detrimento propio porque os ouvintes non teñen porque saber que ese malestar non é tan intenso como o presentamos. Tamén creo que a empatía xurde de xeito natural e é biunívoca. Se alguén non ten interese en nós por moitos esforzos que fagamos… De todos os xeitos a imperfección é a nosa esencia porque o verdadeiro coñecemento leva, penso eu, toda unha vida acadalo e, aínda así, morremos ignorantes, inxustos, egoístas,mesquiños… A pureza é un tesouro que fica soterrado no interior do subconsciente dende a noite dos tempos. Nós o que facemos sempre é comer,vivir,amar…
    Concluíndo: a perfección non existe pero podemos e debemos facer un esforciño por ser menos egoístas, menos distantes, menos criticóns. Unha aperta e bicos(valdeorosa)

  11. Pois é certo o de moldear con esforzo a personalidade pero tamén que a espontaneidade, a intuición e instinto creativo conforman máis a miña maneira de ser, andar a impulsos, deixarse mecer pola casualidade e a improvisación. En canto as relacións traballar non me parece o verbo idóneo para describir esa tensión, algo sentimental non require “esforzos” baixo a miña maneira de velo, igual que comer aínda que sexa unha gran enchenta non é traballo, o alimento do espíritu tampouco (que cursi me quedou)

  12. Lourixe: deches no cravo! Isto non é o ensaio xeral de nada, non vai haber unha oportunidade de facelo mellor, así que mais nos vale poñer toda a carne no asador e facernos conscientes e responsables dos nosos actos.

    Mario: pois un pouco reaccionario si que é, como nos réximes dictatoriais nos que o que vale é a opinión dn individuo polo feito de ser a del. Interesante reflexión… :p

    Arale: si, as trampas da sinceridade. Pois a min non me da a gana de que ninguén opine sobre se lle gustan ou non os meus zapatos, por moi sincero que sexa! 😉

    Arqueira: a idea de construirse é chegar a ser como realmente queres ser, e non creo que haxa nada mais auténtico ca iso. Pero para iso hai que coller a desbrozadora e quitar as silvas…

    Occam: pois si, a min polo menos gústame moito o meu:)

    Dra. Seymour: dacordo no básico, pero teño as miñas dúbidas sobre o da identidade primixenia. Hai unha identidade “auténtica” de cada un de nós? Ou son todo pedriñas que imos recollendo no camiño, como nos milladoiros de San Andrés?

    FraVernero: identificar a esquerda co “espontáneo” equivale a caer na trampa que nos tende a dereita: a esquerda non ten valores, os valores son os deles. Pois non, a esquerda ten valores e ten xente que traballa e que se esforza por conseguir cousas, o que pasa é que non son as mesmas que queren eles.

    Torre: a danza e a música son dous exemplos perfectos do que quería dicir, e alguén que fixo ballet clásico sábeo mellor ca ninguén: a espontaneidade resultado dunha disciplina férrea que che permite sacar o mellor de ti mesma, expresar o que doutro xeito sería imposible. A alguén se lle ocorrería tocar un instrumento “espontaneamente”? Outra cousa é que, trasmoito esforzo, a interpretación final sexa libre e sinxela, pero hai que ver todo o que hai detrás:)

    Bouzafría: o deporte tamén é un bo exemplo. E a min tamén me gustan mais as Odiseas que as Ítacas;)

    Valdeorosa: a perfección non existe, pero non podemos subbstraernos tampouco do desexo de mellorar, que debería ser o que nos fai ir cara adiante:)

    Roi: si pero con matices;) O instinto e a enerxía creadora (cousas ambas que aprecio moito) tamén se aprenden, moldéanse,púlense. Sen aprendizaxe (esforzo, autodisciplina…) non hai creación. Volvo ao exemplo do músico: só podes ser espontáneo e creativo unha vez que dominas á perfección a técnica, tras moitos anos de traballo.

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.