Armas químicas

Armas químicas

Estes días son un foco de infección andante, unha arma química camuflada de rapaza corrente. Procurei non saír moito á rúa para non desencadear un Hiroshima gripal, pero aínda así témome que vai haber baixas. Se se puidera contaxiar selectivamente sería outra cousa, pero claro, sempre caen os teus seres queridos.

A parte boa é que puiden facer esas cousas que podemos facer cando estás enferma: quedar na cama ata tarde, chamar ao curro e dicir que non vas ir ( e que aínda por riba te compadezan) ver os programas rosas da tele sen sentirte culpable… A sensación de estar moderadamente griposa está moi próxima á pura e simple vagancia. Só o termómetro sinala a diferenza, que se sitúa en torno aos 37 graos. 37,5: enferma. 36,5: vagancia.

Ademáis, os virus son desacougantemente semellantes a extraterrestres invasores, con púas que se enganchan na superfice das células e arpóns que inxectan o seu maligno ADN para que se replique. Como Alien, que grima. E todo iso está pasando sen que eu me decate!! O meu organismo está librando unha batalla a vida ou morte ( ben, a moco ou morte) pero eu só percibo os danos colaterais. As células olfatorias que morren pola causa e a temperatura xenocida-virus. E os mocos.

O mais inquedante dos virus é que están na estreita liña que separa aos seres vivos das estruturas químicas. Un virus é un organismo? En esencia, non, porque non pode alimentarse nin reproducirse por si mesmo, só é un cascarón con ADN dentro. Pero algo tan diabólico non pode ser un simple conglomerado proteico. Algo que persegue activamente a súa propia perpetuación non é un ser vivo? Se cadra habería que mudar a definición para incluír aos virus (e de paso excluír a algunhas persoas) na lista dos organismos. Claro que aínda mais abaixo no nivel de complexidade están os prións, que nin sequera teñen ADN e tamén se autorreplican colonizando células, e son aínda mais inquedantes e marcianos.

Sen quitarlle o mérito a Aristóteles, a idea de facer caixiñas e meter nelas toda a natureza resulta cada vez mais inadecuada. Supoño que en parte as clasificacións son necesarias para adquirir e transmitir o coñecemento, pero chega un momento que é necesario abandonalas. Incluso a mais sinxela das distincións, entre “vivo” e “inerte” fai augas nas súas marxes.

Sería mellor tratar de representar a natureza como unha liña, un continuum sen fronteiras nin límites definidos. Un pouco mais complicado de comprender, pero mais útil.

15 comentarios en «Armas químicas»

  1. Si, si! Abaixo as categorias fechadas!! Non era os electrons, que se representan agora por zonas de probabilidade con formas suxerentes? Ainda hai pouco tiven que ler a uns politologos que insistien en que as ciencias sociais deberian tomar exemplo das taxonomizacions das ciencias puras… medo me da! Coido que ainda non oiron falar da relatividade…
    En fins, recuperese axinha maxestade, ou se o prefire, faga como James Bond e controle a sua temperatura corporal e tomese uns dias de vacacions 😉

  2. Aí falou, Maxestade.

    Ah, a ver cando fai un post dando unha lista das xentes as que envirusaría e prionizaría…

    Un (reverente) bico e que se poña pronto boa (dentro das súas posibilidades)

  3. Meu deus que estragos fan as enfermidades, perobueno, mentres sexa unha gripe, vostede non é vaga, só está enfermiña, así que a disfrutalo porque non se pode facer outra cousa.

  4. Delicioso, fráncamente delicioso este post. Como ben saberá, maxestade, esta reflexión sobre o que se considera vivo ou non ven ben de lonxe, e, curiosamente, o revés do que cabería supor, na mediada que vanse coñecendo novos sistemas, a complexidade na solución o problema plantexado aumenta.

    Por certo, empeza pronto a tempada das gripes, nonsi?

    Animo

  5. ¿O que é vida e o que non o é, depende dunha definición?, é dicir ¿dun concordo entre persoas? A vida ¡¿é unha construción social?!…pero… a ver si ó final ti es postmodernista. ¿Canta temperatura dixeches que tiñas?

    É broma … a mellorarse

  6. acabo de ter um flash bak deses a facultade,é iso que so ia a clase cando tinha fiebre, e aos atracons taxonomico microbioloxicos, longa vida os virus bacterias e hongos sen esquencer os meus bos amigos parasitos….
    desfruta dos frenadoles termalgines etc etc e a porse bem.

  7. Eu si creo que o concepto de vida, como o de xénero biolóxico, é unha construción social baseada en diferenzas irrelevantes. En que se diferencia unha pranta dunha pedra para dicir que esta viva? Que a pranta medra? Anda…

  8. si, oh, tes razón. É como iso de dicir que os humanos somos animais intelixentes para distinguirnos dos outros… que non é tal nin de broma.
    Aínda que sexa algo noxento, esperemos que moco gañe a morte 😀

  9. O mellor para evitar que caian os seres queridos é non telos fora de un mesmo…. e cun mesmo até basta unha relación cordial, de ola e adeus.
    Na loita épica contra esas criaturas microcapullas sei que sairás vitoriosa; te ergueras triunfante sobre montañas de microcorpos inimigos coa espada vingadora do metal na man e…. bueno, iso, que te coides. (Ben moi ben o viking metal para calquera batalla, anque pode producir en exceso algúnha pequena ida de olla…. nada grave).

  10. Mario, a principal propriedade que caracteriza a VIDA como fenómeno natural e que a posuen sistemas capaces de transmitir información.

    Otra característica tamén importante é que a VIDA é adaptativa, é dicir a transmisión non sempre é fiel e conservativa.

    A min estas duas ideas non me parecen nada, pero que nada irrelevantes. Ben ó contrario son de unha profunda transcendencia e implicacións

  11. Ai que especializarse niso do contaxio selectivo.
    Recorda que a Alien ao final impedíalle atacar con algo así coma nitróxeno líquido.

  12. a vida, mellor a idea da vida, vai mudando segundo muda de mans o poder, o coñecemento e os seus donos, e a liberdade de facer co corpo o que cada quen quere. Neste recanto do mundo, na idea de vida moito pesa ainda a Igrexa.

  13. Boas, Raíña… xa estou de volta, e a ver se me poño ao día coas entradas… vou lendo. Ía meterche algo na entrada anterior, pero xa vexo que bota fume dabondo… xD

    Canto aos virus, a especie humana representa tamén ese vicio de autoperpetuarse absolutamente estúpido e irracional. Ser e Autoperpetuarse non son, vistos en perspectiva, elementos meritorios e bos, anque por preguiza nos acostumemos a eles, e por instinto e ignorancia fuximos das súas antíteses.
    Ten coidado co teu autoemprego como arma biolóxica, a ver se che van a fichar os yankees e levarche para alá…

  14. Arale: sempre é mellor a insinuación estatística que o plano curto do determinismo, non si? Hai que deixar algo á imaxinación, que se non perde a graza…

    R.R: tería que ser unha lista moi longa. Ademáis, tería que especificar a quen quero contaxiar e de que, que non é o mesmo unha modesta gripe que un ébola que lo flipas.

    Fada: a verdade é que si que o desfrutei, afundinme e revolqueime na compaixón propia e allea e recuperei horas de sono, que nunca veñen mal…

    Occam: Moitas grazas, pero é un pouco estraño que che pareza delicioso un post que fala de mocos :p Coido que isto foi mais ben unha pre-estrea gripal, a tempada de verdade aínda está por vir

    Antonio: a suficiente, polo que parece :p Non diría tanto construcción social como manía do cerebro humano, que se empeña en clasificar, agrupar, categorizar… Non sei se é de moi bo gusto autocitarme, pero falei diso hai xa algún tempo, nun post titulado “Maduración de Ostwald”

    AK: vaia, un habitante do planeta Bioloxía nas nosas filas. Os meus favoritos eran os miriápodos, e xa na carreira, eses okupas celulares coñecidos como mitocondrias.

    Mario: de feito, ás veces é difícil distinguir se o ser que che fala pertence ao reino animal ou mineral. En calquera caso, perfiro algunhas pedras:)

    Arqueira: gañou moco, pero debeu de haber moitísimas baixas, a xulgar pola cantidade de kleenex que gastei.

    Moucho: eu imaxinábao mais ben en plan Star Wars, cos meus cazas rebeldes-anticorpos atacando á Estrela da Morte gripal. Pero con orcovirus e espadas do metal forxadas polos elfos escuros do sistema inmune tamén queda chulo;)

    Gato: nitróxeno líquido????????? Un pouco excesivo para unha gripe, non? Polo de agora seguirei co frenadol, pero tomo nota:)

    Torre: conceptos como vida intelixente ou dereito á vida préstanse moito á demagoxia. Aínda lembro cando a Igrexa se opuxo á declaración d edereitos dos grandes simios. Podes experimentar con seres cos que compartes un 98% do ADN, pero non con células. Quen os entenda que os merque, que se di por estas latitudes.

    FraVernero: benvido a este recuncho suroccidental, xa ve que sigue todo mais ou menos coma sempre. En canto á manía de autorreplicarnos, se nos guiamos por iso, a especie humana debera figura no categoría virus.

  15. Ten coidado cos ecoloxistas de Canarias, que por menos p�enche unha demanda.

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.