J.D. o ADN e o C.I.

J.D. o ADN e o C.I.

Flipei un pouco, a verdade, coas declaracións do Dr. Watson (que mágoa, xa só por chamarse así caíame simpático) sobre este tema da intelixencia dos negros e tal, porque cometía o erro de supoñer que o tipo que descubriu a cousa máis incrible da bioloxía debía ser unha persoa excepcional. Cometín ese erro, a pesar de estar farta de saber que o individuo concreto ao que lle dan o Nobel por algo así importa mais ben pouco, porque o descubrimento está aí, a piques de saír do forno, e só é cuestión de tempo que alguén poña unha luva e o saque.

Pensando un pouco mais, o que pasa é que J.D. debe de ser o típico avó cebolleta, contando as súas historias de cando fixo a mili en África e como venceu el só a tódolos compañeiros de batallón botando pulsos. É dicir, sobrevalora a súa obra. Vale que o ADN é un pedazo descubrimento, pero de aí a crer que se pode predicir polo teu código xenético se vas ser de kas laranxa ou de kas limón, se vas preferir os tíos ou as tías, paréceme un exceso.

Ademáis, está claro que J.D. non pillou o concepto de intelixencia tal e como hoxe se entende, comezando polo seu. Pensar que a intelixencia é un número que resulta dun test obxectivo semella case tan simplón como o do ADN gay. A tía co C.I. mais alto do mundo parece ser que vive recluída na súa casa vendo pelis dos anos corenta e sen case contacto humano. Así contado, semella mais unha tara que unha avantaxe. Non sei cal será o número máxico de J.D. (alto, supoño, ou non tiraría pedras contra o seu propio tellado) pero hai científicos brillantes polos mundos do señor con CIs normaliños. A intelixencia executiva, ou matemática, ou a capacidade memorística facilítannos a vida, pero non son “a” intelixencia, nin sequera a parte mais importante dela. Por outra banda, eu non me fiaría moito de que un test creado por brancos, señores de mediana idade na súa maior parte, sexa moi obxectivo nese sentido. Claro que como J.D. é casualmente un señor branco (xa non de mediana idade, e polo de hetero non poñería a man no lume) pois o concepto de C.I. acáelle como unha chaqueta de cara feita a medida.

O Dr. Watson non se enterou de que se descubrira outra cousa flipante en ciencia, e mais concretamente nas ciencias naturais: a estatística. Dende hai xa tempo abandonamos o determinismo para botarnos nos cálidos brazos da probabilidade, e o ADN non só non se libra, senón que é o primeiro afectado. O noso xenotipo determina susceptibilidades, frecuencias, posibilidades, non feitos. E para moitas cousas, nin iso. Independientemente do que avancemos, a estatística pono moi clariño: o 100% é unha cuestión relixiosa, e como J.D. é tan ateo coma min, debería revisarse, porque coido que lle está entrando o perigoso virus da fe.

15 comentarios en «J.D. o ADN e o C.I.»

  1. É vergonzoso. E o peor é que os argumentos (científicos??) do tal dr.watson imolos ver repetidos por moita xente nos vindeiros anos como base das súas ideoloxías racistas. Crédito non ten ningún, pero aí quedou, nas portadas de todos os medios

  2. O tema é o de sempre. Que sacariamos nós nun test de intelixencia deseñado por aborixes australianos organizados nunha sociedade de recolectores? Posibelmente moi pouco. O que subxace no que di este home é a teoría de Durán i LLeida: que hai culturas superiores e inferiores, e que as primeiras poden e deben xulgar ás segundas.
    E ademais vaia cara que ten, parece tirado dun filme de terror.

  3. Eu cos premios Nobel, como que me deixo un comodo e case transoceanico marxe de escepticismo. Abonda lembrar que Kissinger ten o Nobel da Paz…
    Xa indo a cuestion dos deterministas, coido que nas filas cientificas son moitos mais dos que deberan. Irritame moitisimo ver como gorecendose nunha caste de “dogma cientifico”, moitos autores tratan de darlle infalibilidade e certeza a meras hipoteses, que han de ser testadas e non dogmatizadas por intervencion divina.
    No caso de Watson e Crick, tenholles unha certa carraxe, precisamente por eses egos enchidos dos que falas. E sobretodo se consideramos que eles foron os que lle puxeron a guinda ao pastel, pero que foi o traballo de moitos outros cientificos, entre eles o da frecuentemente esquecida Rosalind Franklin e a sua descuberta da estrutura helicoidal do ADN, o que conduciu ao “grande” descubrimento.
    En fins, namentres haxa netos contestatarios, non deberia haber demasiado problema co avo Watson, seran os anos…

  4. Aínda que creo que o Dr. Watson está equivocado, que a súa opinión pode ser empregada como arma por grupos que contribúen nefastamente á sociedade, que non todas as ideas teñen o mesmo valor independemente de quen as diga e que (si) é moi feo, hai que ter coidado en tratar de rebatir as súas argumentacións, no fondo científicas, con contraargumentos non científicos. (Como de feito xa fixeron os ilustres comentaristas deste blogue).

    Os científicos están para facer os seus propios camiños e para provocar á sociedade de cando en vez. Desde Darwin os xenófobos, racistas e deterministas levan empregando a xenética a favor dos seus propios intereses. Só un paso inequívoco da ciencia para demostrar o igual nivel intelectual de toda a humanidade (ou a creación dun baremo que sirva para os recolectores de Tanzania e os físicos do CERN) sen distinción de raza pode pechar o debate. Acaso alguén discute hoxe que a Terra non é plana?

    A Ciencia baséase na refutación e Watson ten todo o dereito a propoñer calquera idea por estúpida que sexa (como o estudio que demostra que as ratas a veces non distinguen entre o xaponés e o holandés cando as personas falan esas línguas ao revés)http://www.infobae.com/contenidos/341513-100439-0-Los-inventos-m%C3%A1s-extra%C3%B1os-recibieron-el-Antinobel

    Quizais nós temos a obriga de demostrar que se equivoca.

  5. Pode parecer presuntuoso criticar a parte científica do exposto por un prémio nóbel, e dende logo non podería eu entrar a rebatir o exposto por el nesa clave.
    O que sí supoño é que haberá outros tantos tan cualificados coma el que sí poidan facelo, e quero supoñer e supoño que os seus p´roprios prexuízos socials enturbian o seu xúízo científico da mesma maneira que no caso dos científicos católicos.
    ai, que mundo este…

  6. Claro que ten dereito a dicir ideas tan estúpidas como facer declaracións tabernarias infravalorando a negros ou a homosexuais…tamén desprezou á muller en outras declaracións…non se trate só de ser politicamente incorrecto senón de lanzar sentenzas gravísimas sen ningún dato científico e extrapolando dira que anglosaxóns son superiores aos latinos, os homes ás mulleres, os heteros ós gays, etc. E coidado coas ideas…que tamén Hitler e os científicos do III Reich enxendraron algunha.

  7. As ideas de Watson sobre as mulleres, os negros e os gays non serían mais preocupantes cas dun racista coma tantos hai, se non fora ese malentendido ao que refire a nosa anfitriona sobre a valía dos Nobel. Semella que se algo é dito por alguén que levou ese premio-político, tórnase en verdade automáticamente. Moito temos que lle agradecer á verborraxia e falta de diplomacia de Watson que así, brutalmente, lémbranos o que a Raiña percorre neste post con moito máis talento ca min: a intelixencia está noutro sitio.

  8. Claro que a ciencia pode probar calquera cousa. O problema é cando esa calquera cousa implica unha conclusión falsa. Entón non exercen de científicos, senón de sofistas. Os alemáns dos 30 descubriron que tiñan o craneo máis grande que os xudeus. O problema é que concluiron que iso implicaba que eran máis intelixentes cando non hai relación entre o tamaño da cabeza e a capacidade intelectual.
    Do mesmo xeito Watson demostra que os brancos sacan máis puntuación nun test deseñado por occidentais e que supostamente valora o que estes entenden como intelixencia. O que falla é a conclusión falsa do sofista. Omitir que ninguén ten moi claro en occidente a que se refire esa “intelixencia” ou que o concepto está suxeito a condicionantes sociais, culturais e económicas inmensas.
    E creo que conseguir un “medidor universal” de “intelixencia” é tan utópico como conseguir un “medidor universal” de “felicidade”. Que sociedade é a máis feliz: a que ten a PS3 ou a que ten menos infartos de miocardio?, a que non ten que traballar é pode engordar a gusto (Tonga) ou a que ten as modelos máis “fermosas” e escuálidas?

  9. Zero: xa se buscan os argumentos absurdos eles sós, non fai falla que veñan premios Nobel a darlles ás. Supoño que un premio non é unha garantía de nada, pero o que si que implica é certa responsabilidade, aínda que só sexa porque hai xente que te escoita e que lle da valor ao que dis.

    Arale: pois si, o de Kissinger ten o seu delito. E no post esquecinme de nomear a R. Franklin, menos mal que ti tes mellor memoria ca min! Iso si que me molesta, que veña alguén a inaugurar a obra que construiu outro, sobre todo cando o “outro” é unha “outra” (que cosas…)

    Nadador: non sei se estou totalmente dacordo co que dis. É dicir, si coa maior parte, pero non de todo con que debemos demostrar que non é así. A ciewncia non pode demostrar que algo “non” existe. Hai que demostrar que existe para que sexa un feito científico! De feito, a maior parte das supersticións, dogmas relixiosos e tal sobreviven a base deste malentendido voluntario: demostra que non existe deus,demostra que non hai vida eterna. Non se pode. Ti terías que demostrar que existe para que sexa un feito. Eu podo crer nos gnomos, e non por iso van existir mais.

    Moucho: estou segura de que si os hai, pero como dicía antes, é bastante difícil probar que algo non existe. O peor é que Watson está farto de sabelo, e dalgún xeito tira a pedra e esconde a man.

    Roi: se non o fixen xa, teño que escribir un post sobre iso, sobre o poder das ideas científicas e da súa perigosidade ben empregada. Os nazis tiñan moita xente traballando para probar a súa ciencia, e supoño que os resultados que os contradecían remataban nun forno… como todo o que non lles gustaba, mais ou menos.

    Torre: polo menos Watson díxoo públlicamente, e coñezo bastantes científicos (non premios Nobel, non me movo nesas altas esferas) que opinan parecido, e o feito de que J.C: se desmarcara así danos a oportunidade de contestarlles a toos ao tempo.

    Mario, de novo: que podo dicir? que me pisaches a resposta… :p

  10. Quizais o que quería dicir é que a ciencia se basea en parte na consigna de non rexeitar ideas, por descabelladas que sexan, se non é posible refutalas. Nas supersticións, como ben dis, iso non é posible, porque é cuestión de fe, pero para min non entran no ámbito da ciencia.

    De todos os xeitos xa podemos deixar de tirar pedras contra el que xa perdeu o curre:
    http://www.elpais.com/articulo/sociedad/Dimite/Nobel/dijo/negros/inteligentes/blancos/elpepusoc/20071025elpepusoc_3/Tes

  11. Pode ser muito guapo e muito listo…e ser um furibundo racista, porque queres sê-lo. Com efeito, podes utilizar a ciência para chegar a conclusons falsas: antes falou-se da estatística; pois com a estatística podes também fazer que pareza o que nom é, como essa notícia de imprensa tam simpática que di que o ordenado meio na Galiza é de 1.400 euros (…quem os pilhara, caralho!)

  12. todos tranquilos que xa pediu disculpas, debe ser coma no futebol, que os periodistas “trengiversan” as declaracios.
    seguro que tem anigos negritos, o chofer, o mordomo, a cociñeira…

  13. O que me parece moi peligroso, e non pasa só con este señor, é cando unha persoa á que lle deron un premio por un traballo (véase, científico) pensa que, en consecuencia, todas as súas opinións son interesantes e definitivas. noutro nivel pasa moito na tele, que levan a un ex-ciclista a falar dos resultados políticos das eleccións ou aquel que se liou coa filla da lolailo e nunca saiú de madrid mási que para ir á praia ao mediterráneo a falar do problema vasco… Se este home é racista, paréceme moi mal, pero aínda peor que se crea con razón só porque descubriu uns hiliños de moléculas (perdoade a burrada, eu son de letras).
    (biquiños, raíña!)

  14. Engánchome a derradeira idea do post: o concepto de probabilidade e a súa natureza antitética coa certeza absoluta de, por exemplo, a fé relixiosa.

    Moitos dos que traballan na ciencia deberían pensar na probabilidade das certezas que publican

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.