Flipei un pouco, a verdade, coas declaracións do Dr. Watson (que mágoa, xa só por chamarse así caíame simpático) sobre este tema da intelixencia dos negros e tal, porque cometía o erro de supoñer que o tipo que descubriu a cousa máis incrible da bioloxía debía ser unha persoa excepcional. Cometín ese erro, a pesar de estar farta de saber que o individuo concreto ao que lle dan o Nobel por algo así importa mais ben pouco, porque o descubrimento está aí, a piques de saír do forno, e só é cuestión de tempo que alguén poña unha luva e o saque.
Pensando un pouco mais, o que pasa é que J.D. debe de ser o típico avó cebolleta, contando as súas historias de cando fixo a mili en África e como venceu el só a tódolos compañeiros de batallón botando pulsos. É dicir, sobrevalora a súa obra. Vale que o ADN é un pedazo descubrimento, pero de aí a crer que se pode predicir polo teu código xenético se vas ser de kas laranxa ou de kas limón, se vas preferir os tíos ou as tías, paréceme un exceso.
Ademáis, está claro que J.D. non pillou o concepto de intelixencia tal e como hoxe se entende, comezando polo seu. Pensar que a intelixencia é un número que resulta dun test obxectivo semella case tan simplón como o do ADN gay. A tía co C.I. mais alto do mundo parece ser que vive recluída na súa casa vendo pelis dos anos corenta e sen case contacto humano. Así contado, semella mais unha tara que unha avantaxe. Non sei cal será o número máxico de J.D. (alto, supoño, ou non tiraría pedras contra o seu propio tellado) pero hai científicos brillantes polos mundos do señor con CIs normaliños. A intelixencia executiva, ou matemática, ou a capacidade memorística facilítannos a vida, pero non son “a” intelixencia, nin sequera a parte mais importante dela. Por outra banda, eu non me fiaría moito de que un test creado por brancos, señores de mediana idade na súa maior parte, sexa moi obxectivo nese sentido. Claro que como J.D. é casualmente un señor branco (xa non de mediana idade, e polo de hetero non poñería a man no lume) pois o concepto de C.I. acáelle como unha chaqueta de cara feita a medida.
O Dr. Watson non se enterou de que se descubrira outra cousa flipante en ciencia, e mais concretamente nas ciencias naturais: a estatística. Dende hai xa tempo abandonamos o determinismo para botarnos nos cálidos brazos da probabilidade, e o ADN non só non se libra, senón que é o primeiro afectado. O noso xenotipo determina susceptibilidades, frecuencias, posibilidades, non feitos. E para moitas cousas, nin iso. Independientemente do que avancemos, a estatística pono moi clariño: o 100% é unha cuestión relixiosa, e como J.D. é tan ateo coma min, debería revisarse, porque coido que lle está entrando o perigoso virus da fe.