Que é CRISPR e por que é importante para ti
Seguramente, salvo que vivades nunha cova e/ou esteades nun retiro vacacional off-line (si, hai xente que ten afecións moi raras) escoitáchedes falar da publicación en Nature dun experimento coa técnica CRISPR, que permite “reparar” embrións humanos portadores do xen que produce unha doenza cardíaca. Seguramente, tamén, só entendíchedes que, dalgún xeito, os crispis teñen algo que ver coa enxeñería xenética.
Cando escoitamos enxeñería xenética, reparación xenética, edición de xens… véñensenos á cabeza mil escenarios cyberpunk nos que unha elite de seres humanos perfectos dominan unha masa sen acceso a tales melloras, ou ben nos que as persoas temos características estrañas e perturbadoras, como branquias ou poderes mentais. Por desgraza, aínda non estamos na segunda opción, e posiblemente moitas non o veremos en vida, pero a realidade, aínda que menos espectacular, é igualmente esperanzadora. Así que imos tratar de explicar de xeito sinxelo en que consiste a edición xenética e que pintan os crispis en todo isto.
O material xenético de todos os seres vivos organízase en longas cadeas de moléculas chamadas nucleótidos. No noso planeta só existen catro nucleótidos no ADN de calquera ser vivo: adenina, guanina, timina e citosina. A famosa dobre hélice do ADN fórmase combinando adenina con timina e a guanina coa citosina, como unha cremalleira. Estes elementos funcionan como un alfabeto de catro letras (A-T-C-G) que contén as instrucións para que as nosas células fabriquen todas as proteínas que despois formarán tecidos, hormonas, neurotransmisores, e todos os compoñentes dos organismos biolóxicos.
Unha cousa incrible do ADN é que é a mesma linguaxe nun ser humano, nun piñeiro, nunha lura ou nunha bacteria, así que podemos utilizar organismos unicelulares para entender como funciona o código xenético. En certas bacterias descubriuse un sistema relacionado coa resposta inmune mediante unha enzima chamada CAS, que podía interaccionar con virus, modificar o seu ADN (si, incluso os virus teñen ADN) e incluílo no da bacteria, provocando que esta reaccione ante o virus de xeito máis eficiente no futuro. A secuencia formada polo ADN do virus, unhas secuencias repetidas que o flanquean, coñécese como Clustered Regularly Interspaced Short Palindromic Repeats, ou “Repeticións Palindrómicas Cortas Agrupadas e Regularmente interespaciadas.” CRISPR. Se engadimos o “código” para a enzima CAS, temos o sistema CRISP/Cas9.
Ata aquí, o que acontece na natureza. Temos unha bacteria capaz de “copipastear” ADN doutro organismo, neste caso un virus, e incluílo no seu propio xenoma, desactivado para non producirlle dano. Como podemos empregar isto no noso beneficio?
Aquí é onde entran as que agardo que sexan as futuras Nobel de Medicina, Emmanuelle Charpentier e Jennifer Doudna, que crearon un procedemento empregando este sistema bacteriano e “hackeándoo” para que se dirixa a calquera secuencia de ADN que nos interese modificar. As aplicacións son inmensas, aínda que a primeira e máis obvia é enfocalo a curar enfermidades producidas por un único xen, e isto foi o que fixo un equipo da Universidade de Oregon con embrións humanos que contiñan o xen da cardiomiopatía hipertrófica. Conseguiron utilizar CRISPR para “editar” o xenoma dos embrións, substituíndo o xen defectuoso polo xen san, de maneira que os futuros individuos procedentes deses embrións non padecerían a enfermidade. Esta enfermidade, para que vos fagades unha idea da importancia do avance, provoca unha malformación no músculo cardíaco que produce morte súbita.
Houbo basicamente dúas reaccións en contra ante o artigo de Nature: a primeira, a que di que non é para tanto. Xa houbo avances semellantes que quedaron en nada ou que non rendiron os resultados que se agardaban. Isto é razoable e non deixa de ser un chamamento á prudencia aos que estamos chimpando no sofá. A outra crítica paréceme máis preocupante, e é a cantinela repetitiva ante calquera avance biomédico, máis aínda se ten que ver coa xenética: xogamos a ser deus, non sabemos o que pode acontecer, non podemos abrir a porta á manipulación xenética porque quen sabe onde nos pode levar. Por suposto, ante un avance deste calado será necesario lexislar, e convén facelo máis axiña que tarde, intentando adiantarse aos posibles problemas en lugar de agardar a que aparezan. Ademais, e postos a pedir, debería lexislarse para impedir que empresas privadas obteñan lucro con tecnoloxías que salvan vidas, e para que o acceso sexa universal.
Esta é unha discusión sobre o sistema actual de financiación, regulación e patentes, non sobre se é ético ou non modificar o xenoma. Calquera procedemento que evite unha enfermidade ou unha morte, e que non dane a terceiros, é por definición ético. En todo caso, o anti-ético sería limitar o seu desenvolvemento. Os temores sobre como pode derivar no futuro a manipulación xenética non poden impedir axudar no presente ás persoas que poderían beneficiarse destes avances. Ademais, toda a discusión cobra un cariz místico-filosófico e non económico e social, polo que remata desvirtuada. Que é o que queremos protexer? Xenes? Células? Algunha idea esencialista e cuasi-relixiosa sobre o que é a especie humana? A variabilidade xenética da nosa especie, incluídas aquelas versións potencialmente letais?
Non deixo de lembrar que houbo firmes opositores á cura da sífilis con penicilina, por motivos bastante parecidos (estamos xogando a ser deuses, non sabemos o que pode pasar), e tamén á anestesia. E ao tren. E ao teléfono. E ás pontes, por certo. Probablemente tamén ao lume e á roda, o que pasa que eses non o deixaron por escrito.