Nictografía

Nictografía

A Inglaterra victoriana era un lugar frío. As novelas longas, as intoxicacións por braseiros que queiman mal, os cafés e vestir ben parece que foron consecuencias máis ou menos afortuadas deste feito indiscutible. Outro día falarei do ano sen verán (1816), as súas causas meteorolóxicas e a espectacular colleita literaria que produciu, pero hoxe centrareime noutro produto das noites frías e as calefaccións pouco eficaces moito menos coñecido: o nictógrafo.

Sacar as mans da cama para escribir de noite xa é incómodo de por si, para canto máis debía selo en 1891, cando a cheminea xa había un par de horas que non fumegaba e tiñas que prender antes unha vela. Iso pensaba Lewis Carroll, pero como el era un xenio, en lugar de resignarse aos dedos fríos ou a esquecer as ideas nocturnas, inventou o nictógrafo.

O aparatiño non tivo moito éxito, a pesar de ser tremendamente enxeñoso: consta dunha pequena táboa con incisións cadradas, cada unha das cales corresponde a unha letra. Isto permite marcar sobre o papel as que conforman cada palabra, identificándoas primeiro polo tacto. Parece un proceso lento e dificultoso, aínda que coa práctica podería perfeccionarse.

O gusto de Charles Dodgson pola tecnoloxía acada o seu punto máximo na súa labor como fotógrafo, o culmen do progreso técnico da época, pero tamén deixou outros inventos menos coñecidos, todos eles relacionados coa escrita, como un xogo de mesa precursor do Scrabble ou un organizador de selos. Máis consecuencias do frío británico: o sistema de correos e os xogos de mesa.

Aínda que Carroll o inventou para salvar este problema particular de dedos conxelados e frieiras, tamén pensou que podería utilizarse para que as persoas cegas escribisen as súas propias mensaxes, sen necesidade de ditar. Aínda que o alfabeto Braille foi creado en 1824 (tamén como método de lectoescritura nocturno para ser utilizado durante as guerras), Caroll debía de opinar que resultaba difícil de escribir, antes de existir a Máquina Perkins. O nictógrafo conta coa avantaxe clara da facilidade de uso, unha vez que se memoriza a posición dos signos na táboa.

Alguén que me coñece moi ben volveu hai pouco de Reino Unido con esta preciosa edición de Alicia nictografada. Aínda non fun quen de lela, pero se o consigo, contareivos como van as miñas habilidades para escribir sen mirar nas frías noites de Compostela.

Comentarios pechados.