Darwinismo antes de Darwin
Hai un par de semanas fun ao Museo do Mar, en Vigo, para ver o Pergamiño Vindel, que se expón ata marzo deste ano, e paga moito a pena. Mentres os meus amigos filólogos buscaban o Vindel, quedei hipnotizada ante a maqueta a escala do Beagle de Darwin, na área dedicada ás expedicións científicas. Tamén había un esquelete completo dun ictiosaurio, bastante espectacular. Pero o que me deixou dándolle voltas á cabeza foi un deses paneis informativos que case nunca lemos, que describía moi sucintamente o que poderíamos chamar darwinismo antes de Darwin.
É moi tentador imaxinar a teoría da evolución das especies como un destello de xenialidade dun xoven naturista nun barco con nome de can riquiño, pero as cousas en ciencia case nunca son así. Xa previamente, houbo achegamentos case igual de xeniais, se non teorías completas, que non chegaron á difusión da de Darwin, posiblemente porque a época non era a propicia.
O filósofo Anaximandro de Mileto, discípulo de Tales, no século V a.e.c. xa enunciou unha teoría evolutiva completa, a partires da observación da natureza. Describiu como a vida nace no mar, desenvolvéndose unhas formas de outras, comezando coas formas de vida mariñas que coñecía, como os peixes. Así que na cultura clásica xa tiñamos unha teoría evolucionista completa, igual que unha teoría atómica e unha medición bastante aproximada do diámetro terrestre.
Un pouco máis adiante, o saber e a cultura grega transmítense a Occidente a través do mundo islámico, especialmente Aristóteles. Partindo das clasificacións aristotélicas, o filósofo e cientifico Al-Jahiz, no século IX, propón que as especies varían, transformándose unhas noutras, impulsadas pola loita pola supervivencia e pola necesidade de adaptarse ao ambiente.
En terra cristiá, tamén Alberto Magno, bispo de Ratisbona, e amigo de Tomás de Aquino, e polo tanto coñecedor de Aristóteles, suxire que as especies varían e adáptanse ao seu entorno, o cal lle vale múltiples problemas e non ser declarado Pai da Igrexa ata o século XX, a pesar doutras innegables achegas, como o xeito correcto de cortar o pan en misa, e así.
Coñecía Darwin estes antecedentes? Ou Wallace, o seu amigo e co-descubridor da evolución? Sabemos que coñecían a Lamarck, e dende logo a Aristóteles, pero é difícil que tiveran noticia da escura obra dun sabio musulmán ou dun crego católico na Inglaterra protestante, xa non digamos do científico de Mileto. Pero como dicía o Dr. Malcom en Parque Xurásico, a vida sempre atopa un camiño. E a verdade tamén.