Cara e cruz do cánnabis

Cara e cruz do cánnabis

Como hai certo ruxe-ruxe co tema en redes sociais, véxome obrigada (pero porque me obrigan, eh?) a falar hoxe do cánnabis. Unha vez un profesor meu díxonos algo que guiaría a miña praxe profesional e persoal dende entón: “Un bo médico non é experto en todos os campos, é imposible selo. O que tes que ter é o número do tipo que é experto niso que necesitas!” Sempre lle fago caso a esa frase, salvo porque no 2018 o que tes que ter é o twitter do tipo experto no que necesitas, e para este post chamei, como non podía ser doutro xeito, a Javier Balea, responsable de @moleculasengalego, porque fai infos moi chulas e porque é imposible sabelo todo de química, salvo que sexas Javier Balea.

O cánnabis é unha planta que posiblemente acompañou ao ser humano durante toda a súa historia. Dela extráese fibras téxtiles, aceite, sementes e tamén pode empregarse como psicotrópico, que é o que hoxe nos ocupa. Contén múltiples substancias con actividade neurolóxica, as principais e máis activas son o tetrahidrocannabinol (THC), o cannabidiol e o cannabinol. Estes produtos e os seus derivados metabólicos, así como outras moitas que contén a planta, modifican neurotransmisores como a serotonina e a noradrenalina, que son responsables da actividade cerebral. As sensacións de euforia, benestar, bo humor e fame teñen que ver cos cambios na actividade destas substancias.

O cánnabis non provoca intoxicacións letais e non ten síndrome de abstinencia que cause risco vital, co cal o seu consumo é bastante seguro, comparado con substancias legais, como o alcol. Por outra banda, parece que o risco de cancro de pulmón asociado ao seu consumo podería ser igual ou menor que o do tabaco, tendo en conta ademais que os fumadores de cánnabis non fuman nin de lonxe a cantidade de cigarros que consumen os de tabaco. Ata aquí, todo bastante en orde, parece unha substancia relativamente inofensiva. Os problemas veñen ao analizar as alteracións neurobiolóxicas que pode provocar.

Como vos dicía, o cánnabis contén unha chea de substancias psicoactivas, en cantidades moi variables dependendo da planta e das que non se coñecen con exactitude o mecanismo de acción. O que si se sabe é que modifican a neurotransmisión, que é o xeito que teñen as neuronas de comunicarse entre si e de xerar estados de ánimo, memoria e cousas desas que fan as neuronas. Un dos principais problemas en canto a frecuencia de aparición do consumo de cánnabis son os problemas de memoria e de concentración. Os seus efectos sobre o hipocampo poden dificultar a creación de novos recordos e a capacidade de recuperar os vellos, así como a capacidade de concentración. Por outra banda, tamén actúa sobre a amígdala, que é unha das zonas responsables das emocións, e pode causar diferentes alteración: ou ben sensacións de apatía e desinterese polas actividades (síndrome amotivacional) ou estados semellantes aos depresivos e incluso irritabilidade e dificultades para a regulación emocional. Como noutros depresores do sistema nervioso central, como o alcol, as sensacións iniciais son máis en de euforia e desinhibición, pero paulatinamente convértense, co uso continuado, en tristura e desmotivación(1).

Outro grande tema e a relación do cánnabis cos trastornos de tipo psicóticos, que son aqueles nos que existe unha percepción alterada da realidade, con síntomas como alucinación ou ideas delirantes. Parece que existe unha relación entre o uso de cánnabis e este tipo de síntomas, e está claro que pode causar o que se chaman episodios psicóticos breves, que sería a aparición de estados alterados de conciencia mentres a substancia está no organismo. O que non está tan claro é a capacidade do cánnabis de ocasionar trastornos psicóticos crónicos, como a esquizofrenia. Parece claro que existe unha asociación, pero como xa sabedes os que seguides este blog, correlación non (sempre) implica causalidade. Porén, cada vez parece máis claro que, se o cánnabis non ocasiona trastornos psicóticos persistentes, si pode actuar como desencadeante(2).

Dende logo, estanse desenvolvendo tratamentos baseados en substancias derivadas do cánnabis, particularmente do cannabidiol, que están tendo prometedores resultados en enfermidades graves, como a esclerose múltiple, e como analxésicos(3). As substancias da natureza non son boas nin malas, nin é correcto, dende o punto de vista científico, considerar certo produto unha panacea milagrosa que o cura todo ou unha droga diabólica que só ten efectos nocivos. Será a manipulación humana, as indicacións, contraindicacións e dose o que distinguirá, como dicía Hipócrates, a cura do veleno.

Bibliografía

1. Curran HV, Freeman TP, Mokrysz C, Lewis DA, Morgan CJA, Parsons LH. Keep off the grass? Cannabis, cognition and addiction. Nat Rev Neurosci. 2016 May;17(5):293–306.

2. Marconi A, Di Forti M, Lewis CM, Murray RM, Vassos E. Meta-analysis of the Association Between the Level of Cannabis Use and Risk of Psychosis. Schizophr Bull. 2016 Sep;42(5):1262–9.

3. Rudroff T, Honce JM. Cannabis and Multiple Sclerosis—The Way Forward. Front Neurol [Internet]. 2017 Jun 23 [cited 2018 Nov 7];8. Available from: http://journal.frontiersin.org/article/10.3389/fneur.2017.00299/full

2 comentarios en «Cara e cruz do cánnabis»

  1. Interesante artigo,onde podo atopar estudos ou artigos serios sobre o cánnabis?

    1. Ola Claudio. O repositorio que empregamos os profesionais é PubMed, en inglés. Recomendo tamén MedLine, en español, e aínda que poida parecer raro, a información da Wikipedia é de bastante boa calidade. Grazas por lerme e un saúdo!

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.