Zombieland

Zombieland

Disfrazáchedesvos este Samaín? Se non se dispón de moito tempo ou de moito presuposto, o disfrace de zombi é un dos máis acaidos, cun par de prendas vellas e maquillaxe para parecer desmellorado (á fin e ao cabo suponse que estamos mortos) pode ser abondo. Claro que tamén nos podemos currar unha caracterización de morto vivinte que nin The Walking Dead, dependendo de canto esforzo esteamos dispostas a dedicarlle.

Hai xa anos que os zombis están omnipresentes na cultura popular, en diferentes versións, tipoloxías e velocidades: o zombi clásico camiña lento, pero os novos zombis ás veces son inquietantemente veloces, fríos (como os camiñantes brancos) ou non queda de todo claro que estean mortos, e non sexan persoas vivas afectadas por estrañas enfermidades.

E a ciencia que di de todo isto? Dende que a cultura occidental tomou contacto coas relixións e culturas africanas, e posteriormente afrocaribeñas, existiu unha certa fascinación e desexo de explicar racionalmente o fenómeno zombi. Nestas culturas, trátase dunha sorte de maldición sobrenatural, segundo a cal unha persoa, tras serlle administrado un bebedizo, falece aparentemente, para despois retornar convertido nun ser sen vontade propia, que actúa como escravo de quen o enfeitizou. Pero podería haber unha base real detrás do mito? Aquí van algunhas posibles explicacións:

1. A hipótese da neurotoxina: como orixinalmente un volvíase zombi tras beber algún tipo de apócema, houbo quen tratou de identificar se podería existir algunha substancia que anulase a vontade de xeito semellante ao descrito no mito do zombi. O antropólogo Wade Davis propuxo a tetrodotoxina, un veleno moi potente contido no peixe globo, como posible axente zombificante. A súa pescuda foi incluso levada ao cinema no filme A serpe e o arco da vella, título tomado do seu libro homónimo. Esta teoría ten o inconveniente de que semella bastante complicado sobrevivir, xa non digamos traballar como escravo, tras a administración de tetradotoxina, tal e como se recolle no mito

2. A hipótese da depresión: nalgúns casos de depresións extremadamente graves, as persoas que as padecen poden chegar a crer que están a piques de morrer, ou incluso que xa están mortos ou que os seus órganos internos non funcionan. Isto, sumado a que tamén poden aparecer trastornos do movemento e da marcha, podería producir un cadro semellante ao zombi clásico. O problema é que falta aquí o factor morte/resurrección, aínda no caso de que se sobreentenda que este estado foi causado por algún produto administrado ás agachadas do doente.

3. A hipótese da esquizofrenia: certos síntomas presentes na esquizofrenia, como a catatonía ou a diminución da capacidade volitiva, poderían ser semellantes aos do fenómeno zombi. Unha vez máis, semella difícil que unha persoa tan sumamente afectada pola enfermidade sexa quen de traballar como escravo de ninguén.

4. A hipótese infecciosa: os zombis ficcionais moitas veces adquiren a súa condición por algún tipo de epidemia que no peor dos casos provoca un apocalipse zombi, no que case non quedan persoas libres da enfermidade e estas teñen que sobrevivir nun mundo cheo de devoradores de cerebros. Aínda que certos parasitos parecen alterar o estado mental, por exemplo, das formigas, pero non hai ningunha enfermidade infecciosa coñecida que produza os efectos que vemos na ficción.

5. A hipótese metafórica: a crenza nestes tipos de mortos viventes dáse sobre todo das persoas de orixe africana que foron sometidas á escravitude nas illas do Caribe, e especialmente en Haití. Poderíamos pensar que o zombi non é máis que un reflexo da súa propia existencia como escravos, alleados non só do seu lugar de orixe senón da súa propia identidade. Neste sentido, o secuestro do que son obxecto sería unha morte simbólica tras a cal converteríanse en “mortos viventes” obrigados a traballar para os patróns brancos.

Camiñantes brancos, mortos vivintes, escravos sen vontade ou infectados, o que está claro é que o mito do zombi toca con algo que nos produce moito medo, e que seguramente teña que ver coa perda do eu, con deixar de ser quen somos, ou con perder aquilo que nos convirte en xenuinamente humanos.

Para ler con vagar:

Waking the undead: bringing zombie epidemiology to life. Conall H. Watson et. al. Lancet, oct 2014

Comentarios pechados.