Relatividade I : o gato, a caixa e o científico.
Schrödinger era un sádico que se adicaba a torturar gatiños, total para explicar o que xa dixera Heisemberg: que a observación modifica os resultados dos experimentos. Imaxinade que metemos un gato dentro dunha caixa, onde tamén poñemos un elemento radiactivo(de onde sacamos o uranio, non ven ao caso aquí), que ten un 50% de posibilidades de desintegrarse e romper unha botella de veleno que mate ao gato. O experimento é un pouco truculento, pero a Schrödinger non parecía preocuparlle o concepto de crueldade cos animais. A pregunta é: o gato está vivo ou morto? Obviamente, o único xeito de comprobalo é abrir a caixa e mirar. Pois ben, o vello Erwin sostén que é o feito de “mirar dentro” o que decide se o gato está vivo ou morto. Ata ese momento, o becho é un gato-zombi, un nosferatu: está á vez vivo e morto.
Isto é só o paradoxo que que resulta de aplicar a mecánica cuántica a nivel cotiá, porque a teoría da relatividade só goberna fenómenos do moi grande e do moi pequeno. Acontecementos subatómicos ou intergalácticos. Como Alicia, semella medrar e encoller.
Pero igual que a teoría da relatividade impregnou as nosas vidas dende que foi enunciada, e agora todos sabemos que non se pode viaxar máis rápido que a luz, e que o tempo está misteriosamente conectado coa velocidade, o principio de incertidume cambiou radicalmente o xeito no que facemos ciencia. Despois de Heisemberg e Einstein, esfumouse a ilusión da obxectividade. Sabemos que a nosa propia observación modifica o fenómeno observado, e que nos movemos unicamente no mundo da probabilidade.
Eu aínda iría máis aló: decatámonos de que a nosa propia estructura orgánica condiciona a nosa percepción do mundo, e polo tanto o noso xeito de facer ciencia. A mente humana ten unha enorme apetencia por atopar patróns, repeticións, coincidencias. Isto pode conducir tanto á superstición e ao pensamento máxico como ao método científico; ambos baséanse en buscar relacións entre os fenómenos que observan. Pero ese xeito de proceder é algo inherente ao ser humano, non á natureza que observa. A nosa manía das clasificacións é un xeito de entendernos nós, pero non é a forma na que funciona o mundo.
O novo paradigma científico, a ciencia post-relativista, traballa con estas premisas: probabilidade, modificación pola observación, principio de incertidume. Diferénciase radicalmente da ciencia clásica pre-relativista, que aspiraba a abarcar o mundo nunha soa ollada obxectiva e absoluta. Fixémonos máis humildes.
P.S: o debuxo saqueino de aquí, teñen deseños moi coñeros.
10 comentarios en «Relatividade I : o gato, a caixa e o científico.»
O do gato e máis a relatividade son os pais proscritos do chamado pensamento posmoderno, e ben mellores pais que o Lyotard e todos estes argalleiros.
Polo demais eu creo que a ciencia, como toda disciplina, ten tendencia a considerarse universal, afortunadamente hai autocríticos que nos devolven á razón. Deixaríame súa maxestade que lle “conteste” no meu próximo post buscando o nexo literario e mesturándoo cun pouco de filosofía de andar por casa?
Por suposto! Seguro que che queda do máis interesante, coma todo en Gorée:) Ademáis gústame moito isto de continuarnos de blog a blog, é como se a partida seguira por correspondencia. Un bico.
O_oU Vaia sorpresa! Levaba dous días cavilando en facer un post sobre o principio de incertidume e antes de poñerme a escribir…atopome este interesante e divulgativo post!
Concordo con vós, Heisenberg e Einstein son os pais do pensamento posmoderno e a fin do paradigma científico pre-relativista.
Cando teña outro anaco botareille un ollo á lectura filosófica de Gorée…
Encántanme estes efectos dominó que se dan no mundoblog! Estaría guai que o escribiras, como lle dixen a Mario imos movéndonos de escaque en escaque…;)
pois eu tamén quero un taboleiro
perdón
Eu recoñezo que atopo determinadas cuestións científicas na mellor escola da comédia sofista. ;D
¿Pódese xogar?
Hai un par de semanas, no progama “Redes” de Punset, explicaban moi ben en cinco minutos o paradoxo do gato. Eu tentarei de escribir algo sobre iso e sobre Gödel e Turing, dos que tamén falaron nese programa.
Benvido,por suposto que podes xogar. Ademái, deduzo polo teu blog que non o debes facer mal;) Non vin ese “Redes”, pero a verdade é que sempre conseguen que todo pareza do máis sinxelo. Seguirei con interese a produción dese post teu sobre o tema. E se cadra léndote aprendo algo sobre xadrez, que non estaría de máis.
dnM7jQ ivtvmqlsaivs, [url=http://xokrrqcplcwq.com/]xokrrqcplcwq[/url], [link=http://hzqeokgitrma.com/]hzqeokgitrma[/link], http://rpmyveuwsqgi.com/
Comentarios pechados.