Relatividade II: o coello, o tobo e o fotógrafo
Cando alguén descubre algo, ou enuncia unha lei, aínda que sexa un concepto tan abstracto como o da Relatividade, xeralmente existe unha certa corrente de pensamento que desemboca no descubremento. Non quero en absoluto negar a xenialidade individual, pero se cadra esa xenialidade está en saber captar esas ideas latentes, en sacalas á luz ata facer delas algo tan diáfano que todos exclamemos “Pero claro! Como non me decatei antes?” Ese momento, esa “iluminación”, é a xenialidade.
Pero este post vai, non do xenio, senón da corrente que o precede. A Teoría da Relatividade foi publicada en 1915. A primeira “Alicia”, en 1865. Carroll era matemático, e estaba profundamente interesado no que, na segunda metade do XIX, eran as “novas tecnoloxías”, como a fotografía e os fenómenos de refracción da luz. Así que aquí está o miolo da Relatividade: matemáticas, tempo, luz.
Nas dúas Alicias hai referencias a unha certa idea de relatividade espazo-temporal, que Carroll intúe pero que probablemente non sabería explicar (estaba na onda de pensamento, pero esa onda aínda non rompera) Cando, en “No País das Marabillas” Alicia cae a través do tobo do Coello (un presentimento dos furados negros que permite a Relatividade?), Carroll comenta. “Sexa porque o tobo era moi profundo, sexa porque Alicia caía moi a modo…” E outra xenialidade, en “A Través do Espello”: a Raíña Vermella (é dicir, eu) colle a Alicia da man e obrígaa a correr a toda velocidade, porque no mundo do Espello o tempo pasa tan axiña que hai que correr todo o que se poida para manterse no mesmo sitio. Anos mais tarde, Einstein descólgase coa idea máis suxerente da historia da ciencia: se pudiéramos viaxar infinitamente próximos á velocidade da luz, o tempo deteríase para os viaxeiros. A propia idea do espello, onde as coordenadas espaciais están invertidas, e o tempo parece pasar a outro ritmo, é moi relativista.
Que opinaría o vello Dodgson se lese a obra de Einstein? Por desgraza, morreu en 1898. Einstein tiña 19 anos e xa apuntaba maneiras. Pero estou segura de que Carroll nos se sorprendería demasiado se lle dixeran que o tempo pode medrar e encoller, como Alicia.
7 comentarios en «Relatividade II: o coello, o tobo e o fotógrafo»
Tamén estaría ben poder comprobar o que opinaba o vello Einstein de Alicia, habería que bucear aver se deixou algo escrito. Realmente concordo con esas “correntes de pensamento”, ás veces é como se parte dun contorno cultural estivese simultaneamente a procura de algo, e cada quen se achegase desde unha disciplina distinta, até “romper a onda” das ideas. Xa que se vén falando tanto de antropocentrismo nos nosos respectivos blogs, se cadra haxa que pensar no estudo da humanidade como unha (sub)consciencia global, unha versión máis complexa das colmeas ou os formigueiros. Un bico.
Provavelmente nom se surpreenderia, quiçá plasmou naquele livro umha intuiçom que lhe estava a inquietar sobre a relaçom tempo e espaço.
Bueno, adoitase a lembrar sempre ao caracter visionario de Xulio Verne, que non llo quita ninguén, pero hai reflexións de fondo sumamente agudas para o seu tempo en moitísimas obras do XIX.
un saúdo.
si que é interesante as anticipacións, intuicións e influencias entre pensadores, científicos, escritores… as ideas que espertan os conceptos, as distintas miradas a traveso dos séculos… tamén hai xente que se sinte máis próxima de figuras da antigúidade, ou outros que se sinten máis identificados co barroco, ou coa idade media, que coa nosa época.
Agora temos o que comentaba o pastor eléctrico das vidas paralelas, xente que pasa máis horas -dentro das que está consciente- nun mundo imaxinario, ou virtual, que neste mundo que nos afría as mans ou que nos fai suar… da para moito.
Pois si que é interesante atopar estes “presentimentos” de ideas que aínda non chegaron O de Verne, Moucho, faina a unha, atea e escéptica de toda la vidiña, crer en auténticas visións do futuro, viaxes astrais ou algo así:) O de Carroll é algo máis modesto e máis doadamente comprensible.
Si que creo, Mario, nunha especie de preconsciente colectivo (nada que ver con Jung neste caso) aínda que non sei se tanto como unha colmea:)Pero sí en certo pensamento común, alomenos dentro de pequenos grupos humanos.
Gústame que relaciones o meu post co do Pastor, cambote, porque ademáis de que sempre é un placer, non deixa de ser outra mostra desa corrente común de pensamento, neste caso dentro dos que nos lemos mutuamente no mundoblog.
Un bico a todos.
Con todos os respectos e humildade quixera facer unha observación sobre a creación.
Pouco ten cambiado o cerebro desde que o homo sapiens abandonou África. Biolóxicamente sería case imposible distinguir o cerebro dun home das cavernas doutro pertencente a un construtor de zigurats ou doutro máis que habite o parqué de Wall Street, por exemplo. Pero iso sucede dentro da xeneralidade, das medias. En realidade tanto dentro das covas como das escolas de Belas Artes hai cerebros distintos que funcionan de xeito distinto, que provocan vidas distintas, realidades tamén distintas. Moito se ten falado das personalidades “peculiares” de Einsten, Carrol, Mozart, Picasso ou mesmo Dylan, peculiaridades que poden estar reflectindo construcións cerebrais distintas. Sábese con seguridade no caso do cerebro de Einsten, gardado en formol; sábese no caso de Mozart, que sufía unha estraña enfermidade mental que se relaciona coa creación musical, que mesturada coas circunstancias precisas deu lugar a un monstro.
Está claro que somos ananos a lombos de xigantes, pero tamén o está o feito de que non todos os ananos somos iguais.
(Vou facer un esforzo e buscar un libro moi bo que leín hai tempo sobre a creación artística para ver que vos parece.)
Saúdos, Raiña.
Non tiña nin idea de que Mozart tivera unha enfermidade mental… do que se ven enterar unha.
Eu acredito firmemente na xenialidade individual, pero non creo que dependa dunha diferencia estructural do cerebro, senón dun conxunto de factores vitais, influencias, á marxe das capacidades innatas de cada cal. Sería moi interesante o da creación artística. A ver se aparece:)
Comentarios pechados.