Sistemas Emerxentes
Penseino mellor e decidín que a novela de Houellebecq merecía un post propio, ou alomenos compartido. A pesar do lene ton machista que mencionaba a vez anterior, realmente é unha boa novela, e sobre todo, é unha novela de ciencia-ficción, que sempre se agradece.
O libro está estruturado como dúas narracións paralelas: unha no presente, sobre a vida dun cómico amargado, cínico e, por suposto, misóxino, e outra no futuro, a chamada “crónica de vida” de quen se di “descendente xenético” do primeiro personaxe. O xeito de imbricar ambas historias é, ao meu ver o mellor logrado do libro. Pero como para facer crítica literaria xa hai outros que o fan mellor ca min, eu vou falar do aspecto referente á ciencia ficción, que é o que me mola de verdade.
Cando escoito “ciencia ficción” penso inmediatamente en viaxes espaciais, escenarios postholocáusticos, antimateria e extraterrestres. Penso en C.Clark e en Asimov, e supoño que a moita xente lle pasa o mesmo. Pero “A posibilidade dunha illa” está no que poderiamos considerar a outra grande teima da ficción científica. Dende a caída do bloque soviético e o frenazo en seco da carreira espacial ( o que demostra que era máis un alarde de potencial armamentístico que un interese real na investigación) 2001 tranformouse en algo moi lonxano no tempo, xa non semella que vaiamos estar vivindo no resto dos planetas pasado mañá. Así que os impulsos, os soños sobre perpetuarnos como especie tomaron outro rumbo: a xenética, a intelixencia artificial, as novas tecnoloxías.
A idea é modificarnos a nós mesmos, ser os nosos propios descendentes. Xa que a evolución non afecta do mesmo xeito ao ser humano que ao resto de especies (non estamos eliminando aos individuos menos aptos) e que estamos no cimo absoluto da cadea alimentaria, como non pasara nunca na historia biolóxica, é obvio que estamos en especial perigo ante calquera cambio ambiental. E como ademáis o tal cambio estámolo a provocar nós mesmos, a traxedia máscase no aire. A saída, ademáis do control mediambiental, pode ser converternos noutra especie diferente, que é o que propón esta novela. De feito, é máis complexo aínda, porque se intúe que esa nova especie é só un paso intermedio cara unha forma de vida totalmente nova, que viría ser un volcado masivo de tódalas memorias humanas nun sistema informático global. A inmortalidade, vaia. Unha inmortalidade sen corpo, sen soporte biolóxico, un perdurar indefinido da conciencia. O ser humano, despóis de séculos de especular sobre a existencia da alma, decide creala.
Durante a carreira lin algo sobre a teoría dos sistemas emerxentes, que debía estar bastante de moda hai algúns anos. A tal teoría di que a evolución funciona de xeito tal que, chegados a determinado umbral de complexidade dun sistema, o seguinte paso inplica un cambio cualitativo, aparece algo novo que non existía previamente. Un nivel de organización da materia suficiente da como resultado a vida biolóxica, que á súa vez “secreta”, acadado determinado nivel, a intelixencia e a autoconsciencia. Isto é aplicable tamén aos mecanismos neuronais. Para a teoría dos sistemas emerxentes, o pensamento é unha cualidade emerxente das reaccións bioquímicas cerebrais. Deriva delas, pero é algo intrinsecamente diferente. Claro que a tal teoría tamén postula a imposibilidade de perpetuar un sistema sen o seu sustrato físico precedente. É dicir, non pode haber vida non material nin pensamento fóra do soporte cerebral. Pero non di nada dos novos soportes, como o informático. Pode haber autoconciencia nun soporte non biolóxico? Non sería vida no sentido estricto da palabra, pero iso parece case unha cuestión de terminoloxía.
Chegados a este punto, a novela propón un interrogante que é alleo ao xénero. A ciencia ficción sempre se ocupou de que as súas creacións fosen teoricamente posibles, pero a seguinte pregunta é: é desexable? Aínda no caso de poder facelo, é posible a felicidade nunha existencia así? O corpo físico é só un lastre ou, dalgún xeito, un é tamén o seu corpo? Eu coido que non sería a mesma, incluso psicoloxicamente, con outro corpo, aínda que este me dea máis dunha dor de cabeza e me coste moitísimo en mantemento. Tamén me da bastantes satisfaccións de orde puramente biolóxico (ao César o que é do César), sen as cales a felicidade sería só un concepto baleiro.
P.D: alguén mais ca min pensa que Giger será un xenio pero está colgado?
8 comentarios en «Sistemas Emerxentes»
Fascinante! Anque tamén parez que de repente, todos nos puxemos dacordo na blogosfera galega para falar ou referir a Houllebcq… curiosa constelación astral…
A Ciencia Ficción, creo, soubo saír moito mellor do que a súa irmá, a literatura fantástica, de certos clichés predecíbles e tópicos, e o seu inmenso cultivo permitiu de todo (fai tempo lembro comentar de pasada sobre ‘Ammonite’, unha novela lésbica de ciencia ficción). Doutro lado, e malia ser un eido que proporcionou obras de gran profundidade e interese (e xéneros, coma o Cyberpunk, William Gibson, ou Snow Crash, de Ballard) sempre ten como o estigma da lepra quitando productos moi limitados (A máquina do tempo de Wells, ou o ‘Matadeiro 5’ de Vonnegut) nos que se procura evitar ‘como de pasada’ a etiqueta xenérica…
Canto ao da autoconciencia sen soporte biolóxico, soa moito ao vello concepto de ‘alma’, anque estaría encantado de que a houbese, ou de que puidesemos inventar mecanismos-recipientes para perpetuar algúns anos máis as nosas conciencias… Quizaves nun futuro non moi, moi lonxano.
Arrapiñando de entrada anterior, declárome un apaixoado amante de ‘House’, e supoño que a súa personaxe gamberra, misántropa e intelixente resúltame absolutamente irresistíbel… E dío unha persoa que tende a detestar as ‘series de médicos’.
Pra rematar, o Giger resúltame estraño e desacougante a mín tamén. Non sei se reaccionar con embarazo ou fascinio diante dalgunhas das súas propostas, como aqueles carallos penetradores infinitos que aparecen lo libro de Taschen que merquei e que lle está adicado…
A silla Harkonen déixame máis tranquilo…
volcado de memoria.
Penso que a dificultade do invento-fantasía de houllebecq estaría no que é a conciencia. A conciencia é dun corpo e dun entorno. somos conscientes das nosas mans, do que vemos e escoitamos, dos outros corpos que nos arrodean… e esto debido a unha evolución de milleiros de anos nos que o corpo vai tomando conciencia de si. Vale, que é mediante o proceso de información, pero a parte biolóxica penso que é imprescindible, e moi desexable, por certo, malia con tódalas dores que apuntas. Dende logo si sería unha completa revolución, pero desexable?
e vaia, que traes aquí outra boa e interesante vía de reflexión. non sabía nada dos sistemas emerxentes eses/estes… haberá que lle seguir a pista.
interesante, interesante… eu cando me din ciencia-ficción penso en HG Wells, que nesta metéria é para min o nome próprio, pero hai moitos outros. Neste xénero, coma en ningún outro, non creo que sexan precisos patróns. Trátase de dar coa historia, saber contala e sobre todo deixar voar a imaxinación.
Fra Vernero: benvido de novo e grazas pola ligazón:) De Gibson, cyberpunk e demáis fauna estivemos precisamente falando hai pouco en As Ovellas Eléctricas, blog que recomendo encarecidamente. Vai ser certo iso de que hai ondas astrais polo blogomillo e todos andamos a pensar no mesmo. Non coñezo “Ammonite” máis que como becho, pero deixasme intrigada. P.D: eu é que estou namorada de House, que che vou dicir… e iso que a min tampouco me gustan as series de médicos (repatéame particularmen te “MIR”)
Cambote: totalmente dacordo con que a consciencia é consciencia dun corpo. Como podería crearse a autopercepción se non é enfrontando o eu aos estímulos que percibimos do exterior, ao corpo dos outros, aos desexos e ás frustracións?. Pero o tema da para moito, non si?
Moucho: herexía pola miña parte, non mencionar a Welles, sobre todo “A máquina do tempo” Tamén me gustou moito a saga de C-F de Conan Doyle, sobre todo “O Mundo Perdido” Este home, é que lle daba a todo…
Moitas gracias pola publicidade.
Eu tamén desfrutei moito coa novela de Houllebecq. O tema da “mellora” ou evolución do ser humano é tema recorrente da C-F, en especial a partires dos 80 coa aparición do cyberpunk. O exemplo máis claro témolo cos implantes xenéticos ou mecánicos tan característicos destas historias. O seguinte paso xa son os cyborgs, coma os protagonistsa do anime Ghost in the Shell, que son superiores en case todo aos humanos. A proposta de Houllebecq difire un pouco das típicas e se cadra, é por iso que a historia resulto máis orixinal.
Por certo FraVernero, confundiches o nome do libro de Ballard, o título é Crash. Snow Crash é unha novela de Neal Stephenson sobre realidades virtuais paralelas. Supostamente Second Life baseouse nesa obra.
Eu son da vosa opinión, a interacción co mundo e o coñecemento que temos del provén da nosa percepción a través dun corpo que condiciona o noso sistema sobre o universo e sobre nós mesmos como habitantes minúsculos e máis ou menos transcendentes del.
Porén, claro que sería interesante poder experimentar un estado superior de conciencia que mesmo chegase a desprenderse do soporte material.
A pesar de todo isto, a miña impresión é que o salto cualitativo o daremos cando sexamos capaces de rentabilizar o resto do cerebro, Como é posíbel que só usemos a décima parte da nosa masa cerebral!
O de Houellebecq si que é un caso curioso, e logo dicían que non tiña futuro a tradución en galego e eu aínda non coñezo a ninguén que a lese en español.
En canto ao futuro da humanidade, eu aposto decididamente pola transformación, máis que nada porque así vamos mal. Comparto as ideas do francés, aínda que me dea moita mágoa o xeito estereotipado e vácuo que ten de tratar ás personaxes femininas.
Autoconciencia sen soporte físico? Se cadra unha parte dos mitos humanos correspondan a unha proxección de futuro e non de pasado. Se cadra a alma universal ou deus á que se refire o budismo sexa unha premonición desa especie de consciencia post-biolóxica.
Pastor: no hai de que, dígoo porque é verdade, que non me pagas nada;) Non pensara eu en Ghost in the Shell, tiña mais ben na cabeza aos replicantes, pero tes razón, tamén vai por aí. Es o grande gurú da ciencia ficción!
Arqueira: non sei o que podería pasar se empregáramos todo o noso potencial. Tiven un profe, unha persoa bastante escéptica en case todo, que dicía que fenómenos como a telequinese podían ser resultado do emprego de partes do cerebro que xeralmente permanecen inactivadas. Un pouco como en Phenomenon, pero sen Travolta:)
Mario: os de Rinoceronte fixeron un traballo excelente, non creo que nin eles mesmos pensaran o éxito que ía ter. A idea de que a alma é unha premonición do futuro da como para outra novela, é un pouco Matrix, non?
Comentarios pechados.