Vacas sobre o CERN (II)

Vacas sobre o CERN (II)

(As vacas están enriba do túnel do colidor de hadróns só para que os humanos vexamos que non pasa nada. Que non se abre un furado negro e envía ás vacas cara outra dimensión a través do espazo-tempo, nin a enerxía das partículas provoca terribles mutacións). Este blog non garante que as vacas que aparecen arriba sexan xusto as que se atopan sobre o CERN. A cor e composición poden variar.

Continúo onde o deixei no post anterior, coa lista de prexuízos cara á ciencia actual para a que me da a escusa a enorme obra Paradigma e Tempo na física teórica. Porén, son consciente de que se neste libro aparecen todos estas ideas erróneas, é só porque ten máis de trescentas páxinas, e caben todas. En calquera artigo sobre ciencia que leades pola rede poden aparecer doadamente dúas ou tres…

4. Os avances tecnolóxicos son “subprodutos” do avance científico, pero o avance técnico non quere dicir que o coñecemento como tal avance na mesma medida. Erro de novo. O avance técnico está inextricablemente unido ao coñecemento científico, aínda que empreguemos aquel sen coñecer como funciona este. Como dixen antes, os sistemas de localización dos satélites, que fan funcionar os sistemas GPS de coches e teléfonos, son posibles só con ecuacións relativistas.

5. Os científicos conforman unha elite económica e social, e compórtanse como clase dominante no sentido marxista. Ademais de falso, resulta case cómico vendo o estado da investigación e os retallazos salvaxes nesta no estado. Os científicos non só non son unha elite económica senón que moitas veces nin sequera viven con comodidade, polo menos en Europa. É evidente que un grupo cun poder económico real pode facer máis presión en defensa dos seus intereses que o que fai a comunidade científica, que sempre é a primeira vítima das crises económicas e que moi frecuentemente ve como os seus consellos ou advertencias son ignorados pola clase política. Por outra banda, as clases realmente dominantes empregan os avances tecnolóxicos sen coñecer as teorías científicas que os fan posibles, empregando así á comunidade científica como grupo subalterno ao que explotar.

6. O pensamento cientifista é o paradigma dominante, como pensamento propio da clase dominante. É certo que a día de hoxe, por sorte, cada vez hai menos persoas que acepten sen crítica afirmacións de tipo dogmático ou máxico-místico. Nese sentido, poderíamos dicir que o pensamento científico gañou a batalla. Agora ben, se entendemos que debemos opoñernos ao pensamento científico porque penetrou en amplas capas da sociedade, ou porque é propio dunha determinada clase social, deixamos para as clases subalternas o pensamento supersticioso ou máxico-relixoso, o cal as convirte en máis subalternas e máis incapaces de defender os seus propios intereses, dado que a eficacia dos esconxuros e das rogativas para conseguir melloras materiais está escasamente comprobada, por moito que a certos ministros lles parezan boa idea.

7. Os descubrimentos científicos poden ser xulgados á luz da filosofía. Non necesariamente. A filosofía hai moito que deixou de ser filosofía natural, e os científicos hai moito que deixaron de prestarlle atención ao que a filosofía opina da súa labor. En parte, porque a filosofía dende Husserl abandonou tamén a discusión das explicacións do mundo que fornece a ciencia, enquistándose moitas veces en discursos baleiros sobre a existencia ou non da realidade, que non interesan á ciencia. Produciuse así un alleamento mutuo, no que os científicos ignoran, para o seu mal, á filosofía, e os filósofos lanzan diatribas contra a ciencia, que ningún científico se para a escoitar, porque non atanguen a ningún dos problemas reais cos que se atopan. Porén, algúns filósofos parten da revolucionaria premisa de que a realidade existe, dentro da corrente do realismo científico, pero non deben de ser o suficientemente cool para estudalos xunto con postmodernos de cabeceira.

8. Todo o desenvolvemento científico parte dun paradigma xudeo-cristiá occidental, polo que está lastrado, a causa do cal se recorre a conceptos como o de infinito ou o de “teoría do todo”. A ciencia, por suposto, nace nun contexto occidental de influencia xudeo-cristiá, pero nace precisamente contra este paradigma, non ao seu abeiro. Non podemos dicir que Galileo era cristián, aínda que el mesmo así o afirme, porque non podería dicir outra cousa sen correr un gravísimo risco. Ás veces esquecemos con asombrosa facilidade a implacable persecución ideolóxica que sufriu a ciencia por parte do cristianismo, tanto católico como protestante, e que explica sen xénero de dúbidas moitas aparentes contradicións de grandes pensadores. Por outra banda, o concepto de infinito, que tanto parece molestar ao autor, foi unha consecuencia matemática da teoría da relatividade que non só non foi aceptada de bo grao, senón que se tratou de eliminar por todos os medios durante décadas, ata que un dos seus correlatos cosmolóxicos, os furados negros, descritos e previstos por Karl Schwarzschild sobre unha ecuación de Einstein a principios de século, foron observados en 1969. A outra resonancia relixosa que atopa, a famosa “teoría do todo”, non é mais que un xeito medio cómico de referirse a un conxunto de ecuacións matemáticas que unifiquen as forzas electromagnéticas, nuclear forte e feble coa forza gravitatoria. Por tanto, nada metafísico nin “mitofísico”.

Non podo evitar pensar que o conflito entre filosofía e ciencia é un conflito xeracional. O problema é que agora os físicos son rapaces e rapazas de vinte e trintaepoucos con camisetas de Dr. Who, fans de Star Wars, Star Trek e Battlestar Gallactica, xogadores empedernidos de videoxogos, nerds a moita honra, e xa non estirados cabaleiros con traxe e garavata, que só vían mulleres nos laboratorios se lles traían o café. Non lles interesa en absoluto o que a xeración dos seus pais, criados case na mecánica clásica, ou como moito na relatividade, teñan que dicir sobre o seu traballo. E menos aínda se a crítica ven dende a filosofía, polo menos dende o paradigma absolutamente anacrónico da postmodernidade. Pero a xeración dos seus pais aínda está a dicirlles que metan a camisa por dentro, que senten a cabeza e que deixen de xogar con ese colidor de hadróns tan caro para ocuparse de cousas importantes. Sen decatarse de que non existe cousa máis importante.

Comentarios pechados.