Arrogantes e agresivos

Arrogantes e agresivos

O escepticismo está de moda. A prensa xeralista que, salvo excepcións, dá por boa calquera información espectacular por tendenciosa ou disparatada que sexa, parece que caeu na conta de que existe un grupo de persoas que reclaman algo moi simple: demostrar as afirmacións. O escepticismo é como o feminismo, resulta unha etiqueta incómoda para unha idea do maior sentido común. As mulleres son persoas. Demostra iso que dis. Ambas son ideas moi potentes e polo que parece, agresivas e radicais.

O movemento escéptico está a sufrir agora, en moita menor medida (aínda non tivemos baixas) os mesmos ataques que o feminismo leva sufrindo os últimos cen anos. Acusar a alguén de ser pouco respectuoso por pedir probas de afirmacións extraordinarias, como, non sei, embarazos milagrosos ou mortos que resucitan, e negarse a crelo se non se proporcionan, é moi parecido ao que temos que escoitar todos os días sobre o feminismo. Reivindicacións básicas e de sentido común (non ser insultada pola rúa, que o que venden nas farmacias cure o que di curar…) trátanse como se fosen peticións esaxeradísimas ou ridículas, e créase un clima de opinión en torno a elas que favorece que non sexan tomadas en serio. Cando te queixas, dinche que es moi agresiva e así non vas conseguir nada, que non caes ben, ou que non é para tanto.

Do mesmo xeito que non hai graos en canto á igualdade (non se pode ser máis ou menos iguais), tampouco existe un punto equidistante entre a verdade e a mentira. Non hai fraudes máis fraudulentos ca outros, só máis ou menos perigosos.

En realidade, o problema non está na defensa de dúas ideas contrapostas. Igual que no caso do feminismo, o escepticismo loita contra un sistema de crenzas que ata o momento constituían o paradigma dominante. Esquecemos moi axiña que, ata non hai moito, pedir probas de afirmacións absurdas e irracionais podía acabar en cadea, ou o que é peor, en churrasco. Quen acusa aos escépticos de ser os voceiros da “oficilialidade” son os mesmos que din que as leis benefician ás mulleres: os que teñen medo de perder privilexios. Quen quere manter o seu chiringuito, ou non lle resulta cómodo que o poñan en cuestión, ou non lle apetece revisar as súas crenzas. Quen está moi cómodo, en definitiva, coas cousas tal e como están.

Ademais da acusación de arrogantes (por pedir probas, ollo. Por dicir cousas incomprobables como verdades absolutas, non), o outro grande argumento é que “a xente precisa crer en algo”. En algo irracional ou sobrenatural, enténdese. Eu creo en moitas cousas, nos meus amigos, na sanidade pública e en que Dune é unha boa peli, pero non é iso. É un argumento para non remexer moito. Como sempre existiron crenzas irracionais, charlatáns e curandeiros, por que imos tratar de cambialo? Incluso, pode ser como apelar á natureza humana: as persoas precisan crer nalgo. As mulleres son de tal maneira. Dicir que algo é como é, sempre o foi e sempre o será, ademais de un argumento de patacón digno de Ayn Rand, é un xeito moi efectivo de desactivar calquera expectativa de cambio.

Outra cousa que teñen en común o movemento escéptico e o feminismo é a acusación constante de ser agresivos. Ten graza que, perante os millóns de mortos das relixións organizadas ou do machismo, dúas ideoloxías que se caracterizan por non ter causado nin unha soa baixa teñan que aturar o sambenito de “agresivas”. Estamos loitando contra os que posiblemente sexan os dous paradigmas ideolóxicos máis letais da humanidade, pero esíxenos que o fagamos cun sorriso, que sexamos simpáticos e que non alcemos moito a voz. Que non molestemos moito, en suma.

Imaxe Día 52: Revisión. Ángel Arcones en Flickr, baixo licenza CC

Comentarios pechados.