Vera Rubin e a Materia Escura

Vera Rubin e a Materia Escura

O 2016 deixou moitas mortes notables no seu marcador, tantas que parece que o dirixiu George R. R. Martin, como el mesmo dixo. Non sabería dicir se o lamento máis por Bowie, Carrie Fisher, Umberto Eco ou por Neville Marriner, porque todos eles forman parte dun xeito ou doutro da miña vida. Hoxe veño falar dunha desas mortes notables, pero non é ningunha das anteriores. É unha persoa da que só se falou precisamente cando faleceu, e que parecía estar formada pola mesma materia que ela mesma descubriu: Vera Rubin estaba feita de materia escura.

A materia escura non emite nin reflexa luz, pero forma a maior parte do universo. A materia ordinaria, ou bosónica, que é a que compón todos os obxectos que coñecemos (galaxias, planetas e nubes de gas, e tamén a nós mesmas e ao noso entorno inmediato), só supón unha pequena porcentaxe da masa total do universo coñecido. O resto, simplemente non sabemos o que é, pero condiciona o xeito no que se comportan as galaxias e os cúmulos de galaxias. Se tratamos de aplicar a lei da Gravitación Universal ao movemento das grandes masas de estrelas, atopamos que falta materia para explicar as observacións. Pero moita materia. Posiblemente, máis da metade.

Outra característica da materia escura é que, ademais de ser transparente á luz visible, tamén o é a outras fontes de radiación. Non pode ser detectada nin no espectro das microondas, nin no de ningunha outra radiación coñecida. Poderías estar nun cuarto cheo dela e non notala de ningún xeito, porque non interacciona coas partículas das que estás composto.

Vera Rubin tamen resultaba transparente para o mundo académico. Ignoraron a súa tese de doutoramento, na que postulaba que, oes, igual nos falta mogollón de materia. Ignoraron tamén os seus intentos por publicar e tamén resultou indetectable para os señores que conceden o premio Nobel, que non consideraron que máis da metade do universo coñecido fose un descubrimento moi a ter en conta. Agora dirán, como de Franklin, que non deu tempo a concederllo, porque faleceu dramaticamente á xuvenil idade de 88 anos. Quen o ía agardar. Iso a pesar de sucesivos descubrimentos que viñeron confirmar as súas hipóteses, enunciadas nos anos 70 e tomadas en principio co escepticismo co que se recibe un traballo especulativo.

As mulleres somos como a materia escura. Somos o 50% do universo humano, pero resultamos indetectables en canto a premios e recoñecemento se refire. Non só temos máis dificultades de acceso á educación (Rubin non puido matricularse na Universidade de Princeton porque non aceptaba mulleres ata… 1975!), senón que, incluso cando salvamos todos os obstáculos, o noso traballo é ignorado ou adxudicado a algún colega que pasaba por alí e que estaba convenientemente dotado de cromosoma Y.

Non falamos nin sequera de establecer cotas nin de buscar activamente investigadoras, estamos pedindo algo moito máis básico: que non se ignore deliberadamente a contribución das mulleres á ciencia, ou a calquera outro eido do coñecemento. O problema, ademais, non está nunha mala fe nin nun machismo militante das institucións ou dos revisores das revistas, aínda que de todo hai. Simplemente, non nos detectan. Non existimos, somos transparentes en todas as frecuencias e a nosa materia non interactúa coa deles. Como a materia escura, non existimos, a pesar de ser o 50%.

2 pensamentos sobre “Vera Rubin e a Materia Escura

  1. Encantoume mais me encantaría poder partilhar sen necesidade de copiar o link. Seica se pode engadir un widget de “share”. Moi molón o blog.

    1. Moitas grazas! Tivemos algúns problemas con ese widget, pero a idea é incluílo de novo en breve. Benvidx!

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.