O saber popular e o nome dos astros

O saber popular e o nome dos astros

Hai moito tempo, houbo un mundo no que os animais podían falar, as persoas podían transformarse en animais ou deuses, e os bosques estaban poboados polos seres máis estraños que puideramos imaxinar. Ese remoto mundo é o mundo das lendas e mitos tradicionais que formaron, e forman parte, das diversas culturas que, consecuencia da nosa progresiva adaptación aos diferentes hábitats deste planeta, fomos conformando ao longo de séculos.

Moitas lendas consérvanse gracias aos contadores de contos, homes e mulleres que, despois de recoller as historias dos seus antergos, transmitíanas ás xeracións seguintes. Nalgunhas culturas, particularmente nas que carecían de escritura, o papel destas persoas resultou fundamental para conservar eses contos. E eses contos desempeñan unha función social ao reflectir unha forma particular de entender o mundo próximo a cada pobo e a súa relación coa Natureza máis inmediata. Ás veces explicaban fenómenos que acontecían de súpeto, outras a propia orixe do pobo ou, incluso, do Universo, pero en moitos casos transmitían, de forma alegórica, costumes dese pobo ou pautas de comportamento para as persoas. Moitas desas historias líanse directamente no ceo.

Mensaxes diferentes, claro está, segundo os ollos de quen ollara. Así, sen remontarnos moito no tempo e no espazo, na zona de Bergantiños, a tres estrelas moi semellantes e próximas entre si déuselles o nome das Tres Leiteiras, pola relación entre a súa posición no ceo nocturno e a época de abundante leite nas vacas. Noutros tempos ou noutros lugares, esas tres estrelas formaban parte do cinto dun cazador xigante, Orión, ou eran o corpo dunha bolboreta.

Agrupamos as estrelas en constelacións, pero iso non significa, como sabemos hoxe en día, que teñan que gardar algunha relación entre si, puidendo estar moi lonxe unas das outras. Agrupámolas para contar historias ou, entre outras cousas, para poder orientarnos mellor no ceo. Esas agrupacións ou constelacións receben, por iso, nomes de animais, de heroes das diferentes mitoloxías ou de obxectos evocados por unha determinada distribución desas estrelas. Como exemplo, vexamos a distribución das sete estrelas que xunto con outras moitas forman unha constelación moi coñecida, a da Osa Maior. Dende a Idade Media, e procedente da Europa Central, o conxunto desas 7 estrelas coñecémolo co nome do Carro; sen embargo, en Francia chámanlle a Cacerola, en Inglaterra, o Arado, e en Norteamérica, recebe o nome do Gran Cullerón.

As estrelas máis coñecidas son: o Luceiro, o Sete Estrelo, a Vía Láctea e a Estrela do Norte. O Luceiro era a estrela coñecida polos madrugadores, que eran moitos, principalmente arrieiros e canteiros que tiñan que andar camiño. O luceiro da tarde chámase a “estrela da fartura”. A saída lo luceiro considérase o remate do día.

Pero imos coa Osa Maior. Para todo o mundo é O Carro, outra denominación moi frecuente. Pero ninguén soubo explicarme a orixe do nome ata que un pastor contoume que lle chaman o carro pero que en realidade son os sete bois que tiran do carro. E nese punto é doado lembrar os Septem Triones das Xeórxicas de Virxilio e da lenda que relaciona eses bois coa Osa Maior. ¿Como é posible que despois de 1000 anos se manteña esa tradición? Así como todo o mundo recoñece a Osa Maior como O carro das estrelas, ninguén da nome á Osa Menor. Iso si, a xente distingue facilmente a Estrela do Norte, outro nome da estrela Polar.

Respecto aos luceiros ou planetas, coma os romanos, os nosos campesiños e mariñeiros nunca están seguros de que o luceiro da mañá ou do alba e o luceiro da tarde sexan o mesmo astro (o planeta Venus), aínda que en ámbolos dous casos lle dan moita importancia. Iso si o diferencian ben do luceiro da noite, que é case sempre o planeta Xúpiter.

Non se pode dedicar tempo ningún a contar estrelas porque saen verrugas, tantas como estrelas se contaron. Con todo, fálase de contar estrelas e contalas en cantidade, soamente que, recolléndoas no sombreiro. Tendo en conta que nun ceo escuro o ollo humano pode chegar a contar entre 2500 e 3000 estrelas, andaban ben atinados os nosos antergos. As estrelas fugaces, na miña terra, chámanlle as Carreiras de San Lourenzo, por verse moito nos comezos do mes de agosto (As Perseidas, popularmente coñecidas tamén como bágoas de San Lourenzo).

Dende a época das peregrinacións a Compostela coñécese a Vía Láctea co nome de Camiño de Santiago. Na Galiza do sur, concretamente na Terra de Cotobade, chámase Camiño de Santo André. O sol, a lúa e as estrelas seguen sendo na vida conselleiros de traballos, de viaxes …

A sabedoría popular é un xeito de coñecemento que deriva da experiencia, a veces unha experiencia de séculos, e hoxe en día, por milleiros de razóns comprensibles, este tipo de sabedoría consérvase mellor no campo que na cidade, onde a modernidade é xa o único que ten cabida. Compréndese mellor que sexa no campo, e especialmente a onde non ten chegado a contaminación luminosa, onde as persoas non afeccionadas á astronomía conservan unha mellor memoria dos nomes das estrelas e os asterismos máis significativos.

Emilio Castro

Para saber máis:

  • Antonio Fraguas. “Do tempo e dos astros”. Biblioteca Antonio Fraguas. Editorial Galaxia, Vigo, 2019.
  • Ramón Vilalta López. “Astronomía práctica e outras cousas”. Colección Ensino. Editorial Toxosoutos, Noia, 1999.
  • José Luis Comellas. “La sabiduría popular y el nombre de las estrellas”. Tribuna de Astronomía y Universo. Revista de Astronomía, Astrofísica y Ciencias del Espacio. II Época – Nº 11. Equipo Sirius, Madrid, mayo 2000.
Comentarios pechados.