Neurodoping

Neurodoping

Hai unhas semanas topei con esta noticia na prensa, e levo dende entón dándolle voltas. Para os vagos que non abrides os enlaces: Jonathan Eisen, un biólogo estadounidense, lanzou á marea de Internet unha broma con moita chicha. Un suposto organismo oficial controlaría que os científicos non utilizaran sustancias dopantes que permitiran mellorar o rendemento intelectual. Segundo a noticia, un 20% dos cieníficos, nunha enquisa realizada por Nature, recoñecían tomar sustancias para incrementar a concentración ou diminuír a necesidade de sono.

Aínda que só sexa unha broma (pouco inocente, por outra banda) abre unha pregunta interesante. Por exemplo, tomar anfetaminas para un exame é igual que copiar? Pero se se descubrise unha sustancia que aumenta a intelixencia, esa intelixencia sería “de segunda”? Ou se cadra non unha sustancia, senón algún tipo de implante informático que funcione como unha ampliación de memoria? (Este post comeza a parecer unha ovella eléctrica).

En calquera caso, un 20% paréceme unha cifra ridícula. Eu estaría por asegurar que o 100% toman sustancias que melloran o rendemento, aínda que sexan megadoses de cafeína. É iso doping?

Despois de moito pensalo, teño a miña resposta, que non ten por que ser válida para ninguén mais: non é doping porque o coñecemento non é un deporte. Nas competicións deportivas, o único que está en xogo é a propia victoria, pero non se acada nada que sexa valioso en si mesmo. No que toca a ciencia, un descobremento pode cambiar a vida das persoas, e iso é valioso con independencia de quen (ou en que estado, ou con que axudas) o consiga. Velo como unha mera competición é pervertir por completo o sentido da investigación científica.

15 comentarios en «Neurodoping»

  1. Concordo, porén o argumento decisivo é que non se está danando a ninguén para servir a ese ben superior.
    No deporte un terceiro é perxudicado ó verse derrotado se non asume poñer en risco a súa saude polo abuso da dopaxe. Porque se a dopaxe fora legal, abofé acabarían abusando e danándose.
    Na investigación científica usar drogas para estimular ou mellorar a intelixencia non perxudica a ninguén mais, e coma ti dis é beneficioso para a colectividade

  2. Eu tamén concordo co que a sua maxestade di. Mais gostaría de engadir un par de comentarios tanxenciais.
    -Desgrazadamente tal e como evoluciona a sociedade,en moitos casos os estudos si que se convirten numha competeción.

    -No tema da dopaxe deportiva hai moita hipocresía. Hai cousas que non son perxudiciais para a saude e si estan penalizadas e cousas moi perxudiciais que están permitidas. A demagoxia dos medios de comunicación ao respecto é grande de vez

  3. Todo é unha farsa. As drogas forman parte da sociedade e o oscurantismo respecto do seu uso responde a un cinismo que presumiblemente agocha trás el intereses económicos para perpetuar relacións asimétricas de poder, son o estigma perfecto para os mais vulnerables. Non creo que nas competicións deportivas este en xogo únicamente a victoria, pensa na estuctura económica que envolve ao deporte de alta competición, marcas deportivas, TV, Internet, dereitos de imaxe…
    Non creo na limpeza química. Drogas si.

  4. Eu sempre tiven a miñas dúbidas no tema do doping deportivo. Este post supón un punto máis pra clarexar o que levaba tempo pensando. Ainda de non estar a favor do reforzo químico, non me sembra un tema sinxelo de resolver. Plantexando se o fin xustifica os medios, imaxinemos, baixo a utopía de que todos adestran baixo as mesmas condicións, que no deporte existira unha norma universal pra protexer ao deportista de non adestrar a partir da medianoite . O corpo precisa dun descanso, e non pódese sometelo a un adestramento tan intenso. Nalgún momento diríase que trasgredindo esta norma poderíanse acadar novas marcas e gozariamos ainda máis co triunfo do ser humano, quedando moitos no camiño. Só o corredor que o aturase correría máis, o saltador chegaría más alto.. forzando o corpo e estimulando máis a secreción de drogas propias no deportista pra superar o seu rendemento. Noutro nivel, as drogas alleas non son fruto do esforzo persoal e son o contrario da deportividade, porén a mecha dunha explosión metabólica que activa aos receptores propios dos deportistas que teñen que ter condicións físicas para aceptalas e resistilas. Coido que se se permitise o seu consumo estalaría unha toleada competitiva sen control das empresas farmacéuticas, os deportistas someteríanse a cocteles explosivos que rematarían con eles, e levarían expostos os esponsor de Bayer, Novartis 🙂 porque, como di orson, a victoria non leva unicamente ó recoñecemento personal, senón a unha serie de intereses comerciais que moven o mundo. Oxalá, magari, no deporte estivera en xogo a victoria en si mesma, e a ciencia acadara o pulo de atopar os mecanismos xenéticos e o tratamento de tantas enfermidades. Daríame igual se fose mediante unha intelixencia “de segunda”.

  5. A tradición di, aquí cando menos, que os alumnos de Mediciña toman anfetaminas para non deixarse vencer polo soño e así estar mais espertos (e espelidos) nos exámenes. Os seus profesores saben do asunto (eles mesmos fixeron o mesmo cando alumnos) e ninguén por iso leva menos puntos nos exámenes.
    O dito antes aquí: “Todo é unha farsa. As drogas forman parte da sociedade”.

  6. Pois eu dubido que a ciencia corrente, a de andar pola casa, a actual de moitas universidades do estado no sexa unha competición pura, dura e sin sentido máis aló de ter máis que o veciño.

    Coñecedes cómo e para qué se emprega agora o índice H que mide o impacto e cualidade dun científico?

  7. En calquera caso a carreira de Ben Johnson en Corea foi unha pasada, e acabáronlle dando a medalla a Lewis, que tamén ía dopado (recoñeceuno el mesmo anos despois).

    Tamén ten gracia que lles saian os escrúpulos sobre perxudicar a saúde dos atletas tras preparatorios inhumanos, por non falar dos deportes que consisten basicamente en fostiar ao contrario.

  8. Creo que unha sustancia que nos axude a memorizar pode terse en conta como facer trampas, pero mentras teñamos os coñecementos que se nos esixen penso que é algo persoal a forma na que chegamos a acadalos.

    A implantación dun chip/disco duro/memoria adicional cun implante informático xa non me parece o mesmo, si cho sacan non tés os coñecementos, é como un lápiz de memoria para un pc, non está nel, aínda que se pode conectar para compartir a información.

    Saúdos.

  9. Dacordo con todo o que dis, ou case, porque eu non me dopo nin con cafeína, nin teína…nin nada, eu só me permito perder horas de sono cando estou de festa :P.

  10. Gústame o teu blogue.
    penso que o doping en este caso é válido ó igual que as chuletas ou copiar ó teu compañeiro. O verdadeiro coñecemento adquirese estudiando para un mesmo, aprendendo cousas que a un lle interesan, a formación dura toda a vida, sen embargo as materias que apiñas no cerebro para logo vomitar nun exame, esas non sirven de nada, porque en canto as escupes, as olvidas por arte de maxia.Ou polo menos ese é o meu parecer.

  11. Sigo coas liñas concordantes, alén de simplemente engadir un pequeno caveat no senso de que o único freo dado á ciencia e ao coñecemento ten que vir dado por certa ética. Nisto, non penso tanto no consumo de certas sustancias, senón en prácticas crueis e inmorais, que se me veñen varias á cabeciña… Da outra banda, eu confésome adicto terminal ao chá e ao chocolante branco (en menor medida, aos gin-tonics e ao viño do Porto), e imaxino que algo axudarán no desenvolvemento das miñas pobres labores intelectuais…

  12. O dopping no estudo é unha cousa un pouco distinta que no traballo dun científico con formación no sentido que di Vintxuca.
    No segundo caso, poñerse moi estupendos coas drogas como medio a nivel persoal para chegar a un certo rendemento xa sexa intelectual ou físico (non necesariamente olímpico senón simplemente para paliar dores ou evitar o sono) en calqueira profesional formado, é poñer impedimentos innecesarios. Non creo que a sociedade trate de ocultar este conflito (e non me refiro ao doping deportivo). Creo que está ben patente (véxase http://es.youtube.com/watch?v=r2WbYjXlNL4 ) como un máis da infinidade de dilemas éticos que nos rodean.

  13. No deporte, á marxe de dopaxes químicos, que sempre houbo, considero que hai moitos outros factores; alimentación, calidade de vida, sanidade, toda a investigación dedicada áos adestramentos en plan científico, materiais, roupas,etc, que non se teñen en conta á hora de comparar marcas máis antigas coas modernas. Sempre escoito o da altitude ou a humidade ou tal e cual, pero do outro nada. Vai ser que non é “dopping”.
    No tema científico, sinto pervertir, o ego é a dopaxe máis habitual. Mesmo detrás dun descubrimento que pode cambiar ou salvar vidas, hai o desexo de ser un mesmo o que descubra tal cousa, ser recoñecido, ser referente.
    Ninguén da nada por nada, a satisfacción íntima de ver e sentir o agradecemento non é pura. O ser humano busca sempre o pracer.
    Ese é o motor.

  14. Ghanito: supoño que tamén se podería alegar que constitúe un dano para un mesmo a longo prazo, pero eu sempre fun partidaria de que cada un escolla o tipo de cancro do que quere morrer, ben sexa comendo graxas saturadas, fumando ou o que consideres oportuno.

    Sobchak: dacordo en todo, salvo que no estudo, cando menos idealmente, non debería ser así, aínda que si se tende cara a iso (terías que pasarte pola miña facultade, iso era competitividade e o demais parvadas). No deporte, que non se poda empregar EPO pero si adestrar a grandes altitudes para producir mais glóbulos vermellos (que é exactamente o que fai a EPO) é para min o exemplo mais claro de absurdo e de curtedade de miras moral.

    Orso: eu tampouco creo na limpeza 🙂

    Magari: que agradable sorpresa, que te deixes caer por aquí. Entendo o que dis de que no deporte hai en xogo moitas mais cousas que a victoria (cartos, principalmente), ao que eu me refería é que o que gaña non consegue nada inherente a esa victoria. O premio é unha convención, non algo que se logro co propio esforzo da carreira. Como non teño nin idea de deporte profesional, non sei o que implicaría permitilas, se cadra o que ti dis, unha escalada do seu emprego e se non te metes, quédaste fóra. Co que non sei se estou moi dacordo é co do esforzo persoal. Por moito que eu me esforce, nunca xogarei na liga de baloncesto, por poñer o exemplo mais obvio. No eido do intelectual se cadra non sexa tan evidente, pero tamń hai diferencias individuais en canto ao cociente intelectual, memoria, capacidade de concentración, etc, que son as que ao final van maracar a diferenza.

    Torredebabel: aquí tamén. E o peor é que se as tomas porque vas de festa es un ionqui, pero se as tomas para estudar e do mais respeitable.

    Occam: supoño que será algo semellante ao factor de impacto das revistas científicas, unha especie de baremo dos traballos que publicas, en que revistas, as veces que se che cita, cousas así.

    Mario: he, he, pois tamén é certo. Onde está a saúde dos boxeadores que rematan sonados, ou das ximnastas que están no umbral da desnutrición e rematan con descalcificación ósea?

    Mer: ese é un argumento boomerang 🙂 os coñecementos están almacenados nunhas partes moi concretas do cerebro, e a súa lesion implica un formateado do disco e unha perda desa información, por seguir co símil.

    Conxurada: he, he, non quixen xeralizar tanto :p Supoño que se pode sobrevivir sen cafeína, aínda que eu non descubrín como. Unha vez tratei de deixalo e o único que conseguín foi a sensación de que ía pola vida a cámara lenta. Foi horrible.

    Vintxuca: benvida ao Espello, estás na túa casa 🙂 Moi boa comparación, o de atiborrarte de información e logo cuspila no exame. O coñecemento é o que te cala, o que sintes como propio e dalgún xeito inflúe na túa vida. Se non non vale para nada. En canto ao xeito de adquirilo… o futuro dirá se hai métodos mais rápidos e efectivos que os clásicos cóbados.

    Fra: concordo por completo no da ética. Porén, non no gin-tonic, que sempre me soubo a colonia do carrefour. Agora, que se che axuda a pensar (debe ser para abstraerte dese regusto agre) adiante. Todo sexa polo coñecemento 😉

    Nela: pois si. Paréceme ridículo que a un deportista lle dea positivo no control antidoping unha aspirina. Ou o Oraldine, xa postos. Se tes un traballo intelectual de alto rendemento, o menos que vas ter é dor de cabeza, e onde é que poñemos a liña? No espidifén, na cocacola ou na anfetamina? Dificilillo…
    P.D: tas nominada, que lo sepas… Na barra lateral 😉

    Doutora: que descreimento! Eu quero crer que tamén hai algo de mellorar a vida do ser humano e tal, aínda que nos guste o recoñecemento. Non sei se vale de moito, pero eu alégrome moito cada vez que leo sobre algún descubremento que me parece importante, e non penso “que noxo, non o descubrín eu”. Pero o que está claro é que nos movemos buscando aquilo que nos causa satisfación, aínda que esa satisfación sexa axudar aos outros.

  15. Eu tamén me alegro, e tampouco penso “que noxo, non o descubrín eu”, non ían por aí os tiros, iso sería xa algo enfermizo ( que seguro que diso tamén hai), senon ao orixe do que nos fai movernos. Hai un chisco de hipocresía ao redor do altruismo, nin o martir máis martir sufriu o seu martirio só polo ben común. O motor era a recompensa, léase recompensa como algo indefinido dependendo de cada quen. Non hai nada de malo niso, funcionamos así.
    Descreimento? só ás veces, un chisco, polo xeral tamén tendo a pensar que o ser humano pode chegar a ser humano, senón, quen aturaría…

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.