Navegación por
Autor: A Raíña Vermella

O efecto Scully

O efecto Scully

En 1993 eu tiña 12 anos, interesábame a ciencia e quería ser médica. Todos os científicos que eu coñecía eran personaxes extravagantes ou malvados, todos os médicos que coñecía (a estes coñecíaos de verdade) eran señores adustos con bata branca e traxe que fumaban Ducados. Todos homes. Se nunha serie ou película aparecía unha muller ou unha nena interesada pola ciencia, sempre era a rara da súa clase, levaba lentes enormes e aparato dental (eu tamén levaba lentes e aparato, pero esa é outra historia). Entón apareceu ela. Intelixente. Elegante. Perigosa. Perfecta.

Os que xa se criaron coa chamada “nova idade de ouro das series” non saben a sorte que teñen coa sobreabundancia de ofertas e de personaxes profundos e ben tramados, nos primeiros 90 as series eran sota, cabalo e rei, polo menos as que chegaban ao grande público. O máis parecido a unha científica que eu vira na ficción era Bonnie, a enxeñeira do Coche Fantástico, que non se sabía moi ben o que facía alén de levar a bata coas lapelas levantadas (iso fascinábame).

Expediente X, e a axente Dana Scully, cambiárono todo. Porque era unha personaxe feminina ben caracterizada e complexa, con motivacións propias que ademais van cambiando ao longo da serie, e que se amosaba de xeito positivo. Era intelixente e un pouco empollona, si, pero tamén era seria, competente e atractiva, sen estar excesivamente sexualizada. Visto en perspectiva, era moi doado decidir que a trama da serie pivotase sobre o antagonismo-amizade entre dous polis ao uso, como tantos produtos exitosos da época,e porén decidiron que a antagonista, e posteriormente amiga, fora unha muller, e ademais unha muller que non aparece definida polo feito de selo, non é “a rapaza” no sentido do interese erótico do protagonista unicamente. Scully é predominantemente unha científica, unha escéptica e a mente racional do equipo, que circunstancialmente, é muller. Fálase incluso do efecto Scully, como esta personaxe marcou a toda unha xeración de nenas que hoxe nos dedicamos a eidos relacionados coa ciencia, porque nos deu un modelo nun mundo carente de modelos, ou no que estes eran pexorativos.

Se me preguntasen se hoxe eu sería médica sen Scully, a resposta é que probablemente si. No meu caso, eu tiña todo ao meu favor, pero estou segura de que moitas nenas non o tiñan tan doado. Para min era relativamente indiferente seguir sendo a empollona, pero pode ser que moitas das miñas compañeiras se visen disuadidas por todos os estereotipos negativos (raras, feas, extravagantes…) en torno ás mulleres científicas, ou pola percepción de que era un mundo eminentemente masculino, no que non tiñan cabida.

Hoxe é o día da Muller e a Nena na ciencia, e continuamos necesitando referentes. Non só personaxes de ficción, senón tamén mulleres reais, con vidas reais, que lles amosen ás nenas e mozas de hoxe que o coñecemento científico non é necesariamente masculino, e que precisamos os cerebros de todas para cambiar o mundo.

Imaxe agasallo de @moleculas-en-galego

O Ano sen Verán

O Ano sen Verán

Josef Mohr, párroco da Igrexa de San Nicolás, tiña un problema: aquel ano facía tanto frío en Oberndorf que o órgano estaba conxelado e ninguén era quen de chegar á montaña de Salzburgo para reparalo. Así que cando chegou o Nadal, el e o seu amigo Franz Gruber compuxeron unha panxoliña só para coro: Noite de Paz.

Mohr e Gruber salvaron o Nadal en Oberndorf, pero non sabían que o frío extremo dese ano non o sufriran só en Austria, senón que era un fenómeno global. Noite de Paz compúxose en 1816, o coñecido como Ano sen Verán, ou O Verán que Non Foi. Unha tormenta perfecta de circunstancias astronómicas e meteorolóxicas sumiu unha Europa que trataba de recuperarse das guerras napoleónicas nun inverno que debeu de parecer perpetuo.

Por unha banda, o continente estaba sendo afectado, dende mediados do século XIV, pola coñecida como Pequena Idade do Xeo, unha mini-glaciación que reduciu as temperaturas durante séculos, provocando anos sucesivos de malas colleitas e fames. A idea dunha Antigüidade luminosa con romanos en ventiladas e vaporosas togas e unha Idade Media escura e fría non tiña que ver só coa superstición e o escurantismo, senón tamén coa climatoloxía. Semella que este descenso das temperaturas estivo provocado por un descenso na actividade das manchas solares, que fixo que chegara menor radiación á Terra, e seguramente agravouse pola relativamente maior actividade volcánica, que cargou de cinzas a atmosfera, bloqueando parcialmente a luz e a calor. Ademais, os equilibrios entre a masa oceánica e a continental sofren variacións periódicas, que nesa época contribuíron a arrefriar aínda máis o continente.

A Pequena Idade do Xeo non foi homoxénea, e dentro desa extensa franxa temporal houbo momentos relativamente máis suaves ou máis fríos. Os puntos máis fríos, os mínimos, acadáronse arredor de 1450-1540 (mínimo de Spörer), en 1666-1700 (mínimo de Maunder, o mínimo histórico da Pequena Idade de Xeo) e 1790-1820 (mínimo de Dalton). Polo tanto, o Ano sen Verán coincidiu cun mínimo de temperaturas dentro da xa fría Pequena Idade do Xeo.

Por se unha idade fría non fose suficiente, en 1815 fixo erupción o volcán Tambora, en Indonesia. As cinzas expulsadas á atmosfera bloqueou aínda máis a luz solar, que rexistraba simultaneamente un mínimo de intensidade, e a temperatura baixou tanto que se rexistraron ríos conxelados en Pensilvania, as colleitas malográronse, en Francia declarouse un estado de emerxencias nacional e en Gran Bretaña e Suíza houbo disturbios e saqueáronse almacéns de gran. Varias obras literarias e pictóricas dan conta da estraña e perturbadora meteoroloxía da época, como os óleos de William Turner (na imaxe) ou este poema de Lord Byron:

Darkness
I had a dream, which was not all a dream.
The bright sun was extinguish’d, and the stars
Did wander darkling in the eternal space,
Rayless, and pathless, and the icy earth
Swung blind and blackening in the moonless air;
Morn came and went—and came, and brought no day,
And men forgot their passions in the dread
(…)

Porén, a obra máis famosa que deu o Ano sen Verán foi sen dúbida Frankenstein, de Mary Shelley. Durante aquel xélido verán, Lord Byron, Percy Shelley, Mary Godwin Wollstonecraft e o médico John Polidori atopáronse nun fermoso pazo en Suíza, con cestas de pícnic e calzado de trekking, pero sen poder saír da casa por mor do non-tan-estival tempo que padeceron. A lenda di que inventaron un concurso para pasar o tempo, que consistía en escribir un relato o máis terrorífico posible. Aínda que Polidori escribiu O Vampiro, a novísima Mary gañou por goleada con Frankenstein, ou o Moderno Prometeo.

A pesar de que a Pequena Idade de Xeo foi catastrófica e deixou fame, morte e posiblemente inspirou a Longa Noite de Canción de Xeo e Lume, non rematou cos Camiñantes Brancos baixando do Norte e arrasando Westeros, digo Europa. O certo é que arredor de 1850, tal e como comezou, a Idade do Xeo rematou cun ascenso da temperatura que culmina no actual máximo térmico. Non queda claro se as incipientes emisións preindustriais tiveron ou non algo que ver neste cambio, pero en calquera caso o inverno rematou, e deu paso ao clima cálido que coñecemos actualmente. E aumentando.

Perpetuum Mobile

Perpetuum Mobile

Unha das poucas tradicións que manteño de xeito quase relixioso é subir cada ano na noria das festas da Ascensión. Subín tamén na famosa noria do parque Prater de Viena que aparece en O Terceiro Home, e no impresionante London Eye. Fascíname ese movemento lento e maxestoso, e o aire romántico e decadente das atraccións de feira. Nunha desas viaxes, mentres desfrutaba das vistas e maldicía a idea de poñer unha chaqueta de entretempo, escoitei unha conversa entre os ocupantes das outras cabinas:

– Por que ten motor esta noria? Porque co peso das cabinas que van para abaixo xa chegaría para facer que as outras vaian cara arriba, non?

-Pero pavo, non ves que se os que soben están máis gordos que os que baixan, xa non funciona?

Tratei de saltar ao baleiro para chegar a eles e explicarlles a segunda lei da termodinámica e por que non é posible o móbil perpetuo, estean máis ou menos fit os ocupantes da noria, pero como non me deixaron vóuvolo explicar aquí. Rapaces da outra cabina da noria da Ascensión, vai por vós.

Dende a Antigüidade clásica houbo infinidade de científicos e filósofos que trataron de construír un móbil perpetuo, unha máquina que, unha vez posta en marcha, nunca parase, porque era impulsada pola mesma enerxía que producía. Así que, de entrada, o da noria que se autopropulsa non é tampouco ningunha tontería. Grandes da ciencia como Leonardo da Vinci ou Robert Boyle deseñaron proxectos de dispositivos de movemento perpetuo. Xa en época moderna, Richard Feynman ou Nikola Tesla tamén se ocuparon desta cuestión.

Que é entón, o que fai que o móbil perpetuo sexa fascinante e, ao mesmo tempo, imposible? Imaxinade que se puidese crear unha máquina que xere máis enerxía da que consume (móbil perpetuo de primeira especie) ou incluso, sendo modestos, unha que non necesitase un aporte de enerxía constante para continuar funcionando, unha vez posta en marcha (móbil perpetuo de segunda especie). Todos os nosos problemas en canto a combustibles, contaminación e enerxía desaparecerían de golpe de inventarmos un motor autónomo ou un xerador infinito. Aínda cando se precisase unha cantidade enorme de enerxía para prendelo, ou cando a enerxía producida fose ínfima, seria virtualmente infinita.Isto fixo que, ao longo da historia, os intentos para logralo, e as fraudes para vendelo (con persoas pequeniñas agochadas dentro de caixas de madeira incluídas) fosen innumerables, aínda que Leonardo xa expresou o seu escepticismo ao respecto no século XVI. “Demasiado bo para ser certo”, din que dixo.

Pois si, é demasiado bo para ser certo, pero non foi ata 1824 cando se enunciou de xeito definitivo por Marcos Favela, aínda que posiblemente a formulación máis coñecida sexa a de Max Planck. O segundo principio da termodinámica o que postula é a irreversibilidade dos fenómenos físicos. Grazas (ou por culpa de) este principio, os vasos rotos non se recompoñen espontaneamente, e os ovos fritidos non se volven ovos crus, aínda que arrefríen. É dicir, os sistemas aumentan a súa desorde e perden enerxía de xeito irreversible, e só se manteñen en estadios máis elevados de organización se se achega enerxía externa. Un bo exemplo é a alta organización dos organismos vivos, que só poden manterse neste estado empregando enerxía do medio externo en forma de alimento e osíxeno, e aínda así só durante períodos moi breves de tempo. Esta desorde á que tenden os sistemas (e o universo enteiro en tanto que sistema que contén a todos os outros) chámase entropía. Como o universo é por definición un sistema pechado, que non pode tomar enerxía de ningún outro sitio para manter a orde, a entropía aumenta inexorablemente.

Como se aplica isto a clepsidras que verguen auga, rodiñas que xiran e norias que dan voltas? Unha vez que a noria é posta en marcha, vai perdendo enerxía inexorablemente conforme aumenta a entropía do sistema. Difunde enerxía en maior ou menor medida en forma, sobre todo, de calor mediante o rozamento das pezas entre si. Incluso nunha noria perfecta, co peso exactamente equilibrado e os compoñentes idealmente ben engraxados, este rozamento nunca será cero. Se existise unha noria que non perdese enerxía algunha, ou peor aínda,que a crease, ese infinitesimal exceso de enerxía podería quentar ou universo, a través de miles de millóns de anos, achegando enerxía extra ata que toda a materia fose unha inmensa estrela incandescente.

Hai situacións moi concretas, que acontecen no marco da mecánica cuántica e envolven partículas subatómicas e medidas de tempo como fentosegundos e picosegundos, nas que o segundo principio da termodinámica non se respecta estritamente, pero isto non ten nada que ver con norias e clepsidras.

Así que non, Elon Musk non vai inventar nunca un motor sen combustible, nin vai existir nunca unha noria sen motor, nin ides ter nunca un móbil, xa non digo perpetuo, senón que dure máis de tres ou catro anos. É a entropía,amigo.

Post scriptum: o Perpetuum Mobile tamén é unha forma musical, que consiste nunha reiteración de certas notas, cun tempo xeralmente rápido. Aquí vos deixo o delicioso Perpetuum Mobile de Johann Strauss

Cerebro adolescente

Cerebro adolescente

Estou metida nunha lea que implica ir de xira por institutos e falar con moitos rapaces, e está a resultar unha experiencia divertidísima e moi estimulante, da que estou aprendendo un montón, pero cando o conto, a reacción case unánime é algo así como: “uf, adolescentes!”. Parece que estou contando que me apuntei voluntariamente para que me meteran nun tanque con escorpións, tipo Houdini.

Lembrades como erades vós mesmos con 15, 16, 17 anos? Eu recórdoo perfectamente, e por unha banda identifico completamente a miña personalidade e as miñas aspiracións naquela época, pero por outra teño a impresión de ser unha persoa completamente diferente. Esa vivencia debeu inspirar con facilidade mitos como o de Perséfone, a doncela infantil e ao mesmo tempo superpoderosa (e escurísima) deusa do inframundo. Ou as triplas deusas do norte de Europa, moza, muller e vella. Nos mitos clásicos, a figura do adolescente, ou da persoa que se atopa na transición entre a infancia e a idade adulta, sempre aparece rodeada dun halo case máxico, como máxicos debían de parecer os cambios tan rápidos que se operaban nesas etapas para as sociedades precientíficas.

O caso é que non é maxia, aínda que o pareza, e o cerebro adolescente experimenta unha serie de cambios relativamente bruscos e universais, que explican esta sensación de estrañamento que teñen algúns adultos ao tratar con eles, e que podemos ter nós mesmos ao lembrar esa etapa das nosas vidas. “Con 15 anos vólveste idiota”. Pois non, queridiños, non te volves idiota. Tampouco deixas de selo cando cumpres 30. O que pasa é que os cerebros de 15 anos non funcionan igual que os de 30. Por exemplo, a cortiza prefrontal, a parte do cerebro responsable da planificación e o control de impulsos, situada sobre os ollos, non está aínda completamente desenvolvida. Polo tanto, é difícil que unha persoa desa idade sexa quen de prever consecuencias ou facer planos a longo prazo coa mesma eficacia que alguén de máis idade. Por outra banda, ten lugar un proceso chamado “poda neuronal”, que como o seu propio nome indica, consiste nunha morte programada (apoptose) de certo número de neuronas, para permitir que as restantes establezan conexións máis eficaces. Se o queremos ver así, o cerebro infantil acumula información, pero na adolescencia comeza a organizala.

Outra característica desta fase é a mellora das conexións entre a amígdala, a área do cerebro responsable das emocións, e a cortiza prefrontal. Moitas veces achácase aos adolescentes que son ao mesmo tempo adultos intelectualmente pero infantís no plano emocional. Isto explícase porque ambas áreas están aínda en proceso de integración, e polo tanto a capacidade de manexo emocional non é aínda tan boa como o será despois (tamén hai moitos adultos que non lidan ben con estados emocionais intensos).

Ademais, toda a arquitectura de neurotransmisores cambia, e aumentan os que teñen que ver coa actividade, iniciativa e impulsividade, porque os adolescentes deben, dende o punto de vista evolutivo, comezar a facer cousas que non facían na infancia. O repertorio de novos comportamentos debe aumentar vertixinosamente para que o individuo madure e busque o seu lugar social (ás veces coa oposición, frontal e desesperada, dos pais) e isto conséguese a base de ensaio e erro, impulsado por uns circuítos de recompensa (as áreas do cerebro que fan que busquemos actividades satisfactorias e agradables) hiperactivados.

Todo isto tamén me fai pensar en que lles estamos pedindo a cerebros aínda inmaturos. Suponse que son anos nos que teñen que tomar decisións que van marcar o seu futuro por completo, como que estudar, ou se comezar a traballar. Por unha banda, os adultos continuamente repetimos a mensaxe de que son inmaturos, incapaces, impulsivos e desastres en xeral, que non saben gobernar a súa vida, pero despois queixámonos cando non son quen de tomar decisións importantísimas e con moitas repercusións, cousa, por certo, na que os adultos tampouco somos o que se di uns expertos. Teñen que explorar, probar e equivocarse, e dicímoslles continuamente que o fan mal. Que van á toa, que non son consistentes. Teñen que diferenciarse e construírse, e pretendemos que se comporten como nenos ou coma adultos, segundo nos convén en cada momento. Todo, menos recoñecer as particularidades destas etapas, e tamén as cousas boas que teñen, e que non está tan presentes noutros momentos da vida. A enerxía, o entusiasmo, a potencialidade, a espontaneidade. Non será que temos un chisquiño de envexa, un chisco só, cando dicimos o de “uf, adolescentes”?

Imaxe: The Fate os Persephone. Walter Crane, 1877.

Enfermidades 2.0

Enfermidades 2.0

Esta semana tiven a sorte poder ver en Liverpool os Guerreiros de Terracota, nunha impresionante exposición de varias pezas do xacemento. Ademais do espectaculares que resultan os propios guerreiros, a montaxe da exposición daba moita información complementaria sobre a época, as crenzas e a cultura que xeraron en última instancia semellante obra funeraria. Unha das crenzas dominantes na dinastía Qin era o confucionismo, a escola filosófica fundada por Confucio no século V a.e.c. Basicamente, Confucio opinaba que antes era mellor. Falamos do século V, ollo. Para a nosa visión contemporánea, non hai moito “antes” ca iso. Pois Confucio rosmaba sobre os camiños, as pontes, e esa xuventude descarada e sen valores que está sendo corrompida por tanto progreso, que agora vas dunha aldea a outra en dous días escasos de marcha, e iso é unha bacanal e un sindiós.


Cada vez que aparece un fito tecnolóxico notable, que inevitablemente cambia aspectos das nosas vidas, saen os confucionistas involuntarios advertindo que tanta ponte, tanto camiño e tanto sistema de postas non é natural e non trae máis que corrupción e inmoralidade. No momento que nos toca vivir, teríamos que cambiar postas por apps de mensaxería e inmoralidade por enfermidade, e xa temos o cadro completo.

Se facemos caso aos medios de comunicación, semella que os trastornos mentais aparecen como fungos á calor da modernidade, que é unha época de vicio e desmadre comparable ao que lle tocou vivir ao pobre Confucio. Non me refiro á incidencia de trastornos mentais reais e coñecidos, como depresións, o cal daría para outro artigo, senón á hiperpresenza de supostos diagnósticos, non recoñecidos polas clasificacións internacionais, dos que se culpabiliza directa ou indirectamente á modernidade: síndrome de Peter Pan, adicción a internet, nomofobia (medo a esquecer ou perder o móbil)… Case cada semana algún xornal enche espazo con calquera destas fantásticas entidades que ningún psiquiatra diagnostica.

Hai uns días @deborahciencia falaba tamén da suposta “adicción a internet” no seu blogue, un trastorno que non existe e que non ten criterios diagnósticos que o avalen. Podemos falar de mal uso das tecnoloxías, ou de problemas psíquicos que levan a un emprego da rede desadaptativo, pero non de adicción. Xa co DSM-5 na man dende hai dous anos, segue sen incluírse ningunha desas supostas enfermidades.

1. Adicción a internet: unha adicción é unha conduta compulsiva de busca dunha substancia ou, no caso do xogo, de unha actividade. Os criterios que deben cumprirse para falar de adición, son a presenza de tolerancia (necesidade de incrementar a dose para lograr a mesma gratificación) e abstinencia (malestar intenso se non se realiza). No caso do xogo patolóxico ou ludopatía, por comparalo cunha adición non relacionada con substancias, está claro que os xogadores incrementan tempo, gasto e senten un intenso malestar se non poden xogar. No caso de internet é así? As persoas que empregan moito tempo en internet xeralmente fano por motivos laborais ou de ocio moi diversos, polo que xa de entrada é complicado cuantificar o tempo que se invirte. Por exemplo: se leo online ou escoito música, iso conta como tempo “en internet”. Que actividade tería que realizar? Que tempo sería “excesivo”? Outra característica das adiccións é a inversión de tempo que realiza o adicto, en detrimento doutras actividades. Non se observa que o uso de internet vaia en detrimento doutras ocupacións, en todo caso existen actividades que antes se realizaban off-line que agora poden desenvolverse na rede.

2. Adicción aos videoxogos: un recente estudo desmonta a existencia deste trastorno, relacionando un uso excesivo (entendido como problemático para outras esferas da vida) con dificultades de socialización ou ansiedade, polo que sería máis ben un síntoma ca un trastorno. Por outro lado, incluso a xente que xoga durante moitas horas, diminúe o tempo de xogo se é necesario, e non teñen “síndrome de abstinencia”.

3. Nomofobia: poñerlle o sufixo “fobia” é un xeito de darlle a calquera cousa un aire “científico” e que pareza que é unha fobia de verdade. Pois non. Calquera de nós pode sentise incómodo se deixa o móbil na casa, ou se deixa a carteira, pero a definición de fobia é: un medo irracional e irresistible. Está claro que isto non pasa.

4. Binge watching: si, xa hai quen está a falar de adicción ás series, atribuíndolles as mesmas características que ao xogo patolóxico: necesidade de consumo, diminución da calidade das relacións sociais, etc. Coma sempre, nin é certo, nin se lle parece. Cando vemos unha serie “do tirón” non deixamos de ir traballar por vela, nin necesitamos ver cada vez máis capítulos para que resulte satisfactorio, nin temos “síndrome de abstinencia”.

Os que vivimos os 80 lembramos perfectamente como daquela se falaba de “adicción á televisión” ou incluso ao teléfono (!), cousas que agora nos parecen ridículas. Se queredes un consello, evitade facer o ridículo con estas novas supostas patoloxías, porque agora, a diferenza dos 80, queda todo en twitter.

Imaxe: Black Mirror S03E03 (Nosedive)

Sinestesia

Sinestesia

Imaxinade que cada hora do día ten unha cor, ou que a palabra papel sabe dóce. Ou que o sabor do café é vermello. Durante moito tempo, pensouse que o fenómeno da sinestesia é exactamente iso que parece, un xeito metafórico ou asociativo de percibir a realidade. Dicir que o cinco é azul semella unha licencia poética un chisco surrealista, pero resulta que existen cerebros (é dicir, persoas) que realmente perciben así a realidade. As distintas categorías sensitivas conxúganse e actívanse en resposta a estímulos que os cerebros ordinarios (o meu e o teu) codifican con outras vías neuronais.

Aínda que o primeiro caso de sinestesia foi descrito en 1812 por Ludwig Sach, un estudante de medicina que era el mesmo sinestésico, durante moito tempo foi desprezado pola psicoloxía pola imposibilidade para obxectivalo. Como saber se alguén que di ter unha percepción sinestésica realmente “ve” os números de cores? Podería tratarse dunha asociación moi potente ou dunha imaxinación desbordante, ou incluso dunha percepción alucinatoria. De feito, non foi ata mediados dos anos 70 cando Aleksandr Luria expuxo o caso dun sinésteta incontrovertile: describiu un individuo cunha capacidade memorísica prodixiosa grazas ás súas capacidades sinestesicas, que actuaban como unha especie de “regra mnemotécnica” innata, algo parecido ao que facemos ao suliñar de diferentes cores, pero de serie. Posteriormente, deseñouse un test sorpredentemente simple para detectar sinestesia, porque moitos dos individuos con esta condición nin sequera saben que o son. Cando presentamos unha serie de números como a figura da esquerda, un sinésteta percibirá a figura oculta de xeito inmediato, ao contrario que as persoas con percepción normal, que non a detectan nunha primeira visión (teríamos que “buscar” os caracteres diferentes).

By Eurania – Own work, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=18905444

Por que hai persoas que ven sons ou escoitan cores? As distintas categorías sensoriais son codificadas por diferentes áreas cerebrais, por dicilo dalgún xeito, van por diferentes camiños. No cerebro dun sinésteta, estes camiños conflúen, únense e bifúrcanse. Ademais, as conexións son permanentes e estables no tempo: se o cinco sabe a laranxa, sempre saberá a laranza, e non a mazá, para esa persoa en concreto. Ademais, e para complicalo aínda máis, moitas persoas describen estados emocionais asociados ás percepcións. É dicir, que o cinco pode saber a laranxa e ser triste. Podería deberse a unha incompleta “poda neuronal”, un proceso que se dá durante a infancia e que reforza e fixa as diferentes vías neuronais. Se cadra hai persoas que manteñen as conexións que elimina a poda, e que conectan as diferentes áreas do cerebro que en xeral funcionan de xeito máis independente.

Se vos apetece experimentar a sinestesia, determinadas substancias, como o LSD, poden inducir experiencias parecidas, pero se ademais queredes evitar os molestos efectos secundarios, podedes seguir o exemplo de Neil Harbisson, o primeiro cyborg legalmente recoñecido. Neil naceu con cegueira para as cores, e implantóuselle un dispositivo intracerebral conectado a unha videocámara que transforma as cores que non pode ver en frecuencias audibles. Neil escoita as cores. Terá a SGAE algo que dicir ao respecto?

Imaxe: https://curiosity.com/topics/synesthesia-is-the-odd-condition-of-tasting-music-hearing-colors-or-seeing-flavors-curiosity/

Darwinismo antes de Darwin

Darwinismo antes de Darwin

Hai un par de semanas fun ao Museo do Mar, en Vigo, para ver o Pergamiño Vindel, que se expón ata marzo deste ano, e paga moito a pena. Mentres os meus amigos filólogos buscaban o Vindel, quedei hipnotizada ante a maqueta a escala do Beagle de Darwin, na área dedicada ás expedicións científicas. Tamén había un esquelete completo dun ictiosaurio, bastante espectacular. Pero o que me deixou dándolle voltas á cabeza foi un deses paneis informativos que case nunca lemos, que describía moi sucintamente o que poderíamos chamar darwinismo antes de Darwin.

É moi tentador imaxinar a teoría da evolución das especies como un destello de xenialidade dun xoven naturista nun barco con nome de can riquiño, pero as cousas en ciencia case nunca son así. Xa previamente, houbo achegamentos case igual de xeniais, se non teorías completas, que non chegaron á difusión da de Darwin, posiblemente porque a época non era a propicia.

O filósofo Anaximandro de Mileto, discípulo de Tales, no século V a.e.c. xa enunciou unha teoría evolutiva completa, a partires da observación da natureza. Describiu como a vida nace no mar, desenvolvéndose unhas formas de outras, comezando coas formas de vida mariñas que coñecía, como os peixes. Así que na cultura clásica xa tiñamos unha teoría evolucionista completa, igual que unha teoría atómica e unha medición bastante aproximada do diámetro terrestre.

Un pouco máis adiante, o saber e a cultura grega transmítense a Occidente a través do mundo islámico, especialmente Aristóteles. Partindo das clasificacións aristotélicas, o filósofo e cientifico Al-Jahiz, no século IX, propón que as especies varían, transformándose unhas noutras, impulsadas pola loita pola supervivencia e pola necesidade de adaptarse ao ambiente.

En terra cristiá, tamén Alberto Magno, bispo de Ratisbona, e amigo de Tomás de Aquino, e polo tanto coñecedor de Aristóteles, suxire que as especies varían e adáptanse ao seu entorno, o cal lle vale múltiples problemas e non ser declarado Pai da Igrexa ata o século XX, a pesar doutras innegables achegas, como o xeito correcto de cortar o pan en misa, e así.

Coñecía Darwin estes antecedentes? Ou Wallace, o seu amigo e co-descubridor da evolución? Sabemos que coñecían a Lamarck, e dende logo a Aristóteles, pero é difícil que tiveran noticia da escura obra dun sabio musulmán ou dun crego católico na Inglaterra protestante, xa non digamos do científico de Mileto. Pero como dicía o Dr. Malcom en Parque Xurásico, a vida sempre atopa un camiño. E a verdade tamén.

Placebo e Nocebo

Placebo e Nocebo

Hai pouco chamáronnos a Casto Rivadulla e máis a min para intervir na Radio Galega explicando cousas sobre o efecto placebo e nocebo. Como unha entrevista de poucos minutos faise curta para unha explicación pormenorizada, quedei con ganas de escribir unha entrada sobre o tema.

O efecto placebo é como a política, que todo o mundo fala sobre ela, pero con escaso coñecemento do tema. Parecería que é como unha sensación de que algo che fai efecto, pero en realidade non, como unha percepción errónea, pero o certo é que o efecto placebo produce mellorías reais e medibles, de orixe interna, iso si, pero reais.

O efecto placebo é a resposta neurofisiolóxica que se produce nun organismo ante a administración dunha substancia sen efecto farmacolóxico, por exemplo, unha pílula de sacarosa. O noso cerebro agarda que pasan unha serie de cousas cando toma unha pílula, e segrega unha serie de neurotransmisores que, estes si, teñen un efecto farmacolóxico sobre o noso organismo. Sobre todo, son moléculas que teñen que ver coa diminución da dor e a ansiedade e cos sentimentos de benestar, como os opioides endóxenos, os cannabinoides e a dopamina e serotonina. Se vos lembrades do can de Pavlov, ven sendo un pouco o mesmo.

Este mecanismo, moi ben coñecido en medicina, ten unha importancia central en investigación, porque calquera fármaco ten que demostrar que a súa efectividade é superior á do placebo: é dicir, que fai algo, máis aló do que xa fai o teu propio cerebro. Para isto, deséñanse experimentos dobre cego. Divídense aos pacientes en dous grupos, e a un deles adminístraselles o fármaco, mentres outro grupo vai recibir unha presentación idéntica, pero sen substancia activa. Os participantes non saben cal dos dous están a recibir (son “cegos”) e o investigador tampouco sabe que grupo recibe o fármaco real (segundo cego).

Isto é un primeiro paso imprescindible, pero tamén presenta certos problemas éticos, porque implica non tratar aos pacientes do grupo controlado con placebo, que padecen tamén a enfermidade. Por isto, é frecuente que os estudos frente a placebo se deteñan no momento no que xa está claro que o fármaco presenta superioridade.

Ademais, o efecto placebo ten un reverso tenebroso, o efecto nocebo. Nunca líchedes o prospecto dun medicamento e inmediatamente comezáchedes a padecer todos os efectos secundarios descritos, especialmente aqueles máis leves e difusos, como náuseas, dor de cabeza ou calafríos? Pois iso é o nocebo. Igual que o noso cerebro é quen de diminuír por si mesmo o malestar, tamén é capaz de provocalo.

Placebo e nocebo son as dúas caras da mesma moeda, e sempre hai que telos en conta en calquera intervención. A confianza e a boa relación médico-paciente tamén son un poderoso placebo. Por outra banda, tamén están detrás da suposta efectividade das pseudoterapias e o “amimefuncionismo”. Por suposto que che funciona, o que pasa que o que funciona é o teu cerebro, que é de balde, non unhas sacarinas carísimas.

Hai persoas que, nun triple salto mortal argumentativo para defender as pseudoterapias, defenden que, se o que as fai funcionar é o placebo, iso tamén é un efecto. Por suposto, o problema das pseudoterapias non é que sexan iguais a placebo, senón que son fraudulentas, é dicir, que non fan o que din facer. Ademais, como expliquei antes, nos ensaios científicos non se considera ético continuar o tratamento con placebo unha vez se demostra que un tratamento é eficaz. Isto é así porque, obviamente, o placebo é un efecto débil, non “cura” nada, simplemente diminúe o malestar. Polo tanto, tratar calquera patoloxía con placebo é de por si pouco ético, máis aínda se o paciente está sendo enganado cun produto ao que atribúe efectividade.

Por último, a quen vos diga que a homeopatía ten efecto porque funciona en nenos e gatiños, faládelle do placebo by proxy (ou “vicario”), que é o motivo polo que o investigador tamén debe ser cego nos ensaios clínicos: as actitudes na persoa que administra un placebo tamén poden activar estes mecanismos neurobiolóxicos.

Así que non, non lle deades a Patucos antipulgas homeopáticos e non tomedes anticonceptivos homeopáticos. Ah, que non os hai! Que curioso, non?

Referencias

1. Benedetti F, Carlino E, Pollo A. How placebos change the patient’s brain. Neuropsychopharmacology. 2011;36(1):339–354.

2. Benedetti F. Placebo and the New Physiology of the Doctor-Patient Relationship. Physiological Reviews. 2013 Jul;93(3):1207–46.

3. Lander ES. Brave New Genome. New England Journal of Medicine. 2015 Jul 2;373(1):5–8.

4. Petkovic G, Charlesworth JE, Kelley J, Miller F, Roberts N, Howick J. Effects of placebos without deception compared with no treatment: protocol for a systematic review and meta-analysis. BMJ open. 2015;5(11):e009428.

Que é CRISPR e por que é importante para ti

Que é CRISPR e por que é importante para ti

Seguramente, salvo que vivades nunha cova e/ou esteades nun retiro vacacional off-line (si, hai xente que ten afecións moi raras) escoitáchedes falar da publicación en Nature dun experimento coa técnica CRISPR, que permite “reparar” embrións humanos portadores do xen que produce unha doenza cardíaca. Seguramente, tamén, só entendíchedes que, dalgún xeito, os crispis teñen algo que ver coa enxeñería xenética.

Cando escoitamos enxeñería xenética, reparación xenética, edición de xens… véñensenos á cabeza mil escenarios cyberpunk nos que unha elite de seres humanos perfectos dominan unha masa sen acceso a tales melloras, ou ben nos que as persoas temos características estrañas e perturbadoras, como branquias ou poderes mentais. Por desgraza, aínda non estamos na segunda opción, e posiblemente moitas non o veremos en vida, pero a realidade, aínda que menos espectacular, é igualmente esperanzadora. Así que imos tratar de explicar de xeito sinxelo en que consiste a edición xenética e que pintan os crispis en todo isto.

O material xenético de todos os seres vivos organízase en longas cadeas de moléculas chamadas nucleótidos. No noso planeta só existen catro nucleótidos no ADN de calquera ser vivo: adenina, guanina, timina e citosina. A famosa dobre hélice do ADN fórmase combinando adenina con timina e a guanina coa citosina, como unha cremalleira. Estes elementos funcionan como un alfabeto de catro letras (A-T-C-G) que contén as instrucións para que as nosas células fabriquen todas as proteínas que despois formarán tecidos, hormonas, neurotransmisores, e todos os compoñentes dos organismos biolóxicos.

Unha cousa incrible do ADN é que é a mesma linguaxe nun ser humano, nun piñeiro, nunha lura ou nunha bacteria, así que podemos utilizar organismos unicelulares para entender como funciona o código xenético. En certas bacterias descubriuse un sistema relacionado coa resposta inmune mediante unha enzima chamada CAS, que podía interaccionar con virus, modificar o seu ADN (si, incluso os virus teñen ADN) e incluílo no da bacteria, provocando que esta reaccione ante o virus de xeito máis eficiente no futuro. A secuencia formada polo ADN do virus, unhas secuencias repetidas que o flanquean, coñécese como Clustered Regularly Interspaced Short Palindromic Repeats, ou Repeticións Palindrómicas Cortas Agrupadas e Regularmente interespaciadas.” CRISPR. Se engadimos o “código” para a enzima CAS, temos o sistema CRISP/Cas9.

Ata aquí, o que acontece na natureza. Temos unha bacteria capaz de “copipastear” ADN doutro organismo, neste caso un virus, e incluílo no seu propio xenoma, desactivado para non producirlle dano. Como podemos empregar isto no noso beneficio?

Aquí é onde entran as que agardo que sexan as futuras Nobel de Medicina, Emmanuelle Charpentier e Jennifer Doudna, que crearon un procedemento empregando este sistema bacteriano e “hackeándoo” para que se dirixa a calquera secuencia de ADN que nos interese modificar. As aplicacións son inmensas, aínda que a primeira e máis obvia é enfocalo a curar enfermidades producidas por un único xen, e isto foi o que fixo un equipo da Universidade de Oregon con embrións humanos que contiñan o xen da cardiomiopatía hipertrófica. Conseguiron utilizar CRISPR para “editar” o xenoma dos embrións, substituíndo o xen defectuoso polo xen san, de maneira que os futuros individuos procedentes deses embrións non padecerían a enfermidade. Esta enfermidade, para que vos fagades unha idea da importancia do avance, provoca unha malformación no músculo cardíaco que produce morte súbita.

Houbo basicamente dúas reaccións en contra ante o artigo de Nature: a primeira, a que di que non é para tanto. Xa houbo avances semellantes que quedaron en nada ou que non rendiron os resultados que se agardaban. Isto é razoable e non deixa de ser un chamamento á prudencia aos que estamos chimpando no sofá. A outra crítica paréceme máis preocupante, e é a cantinela repetitiva ante calquera avance biomédico, máis aínda se ten que ver coa xenética: xogamos a ser deus, non sabemos o que pode acontecer, non podemos abrir a porta á manipulación xenética porque quen sabe onde nos pode levar. Por suposto, ante un avance deste calado será necesario lexislar, e convén facelo máis axiña que tarde, intentando adiantarse aos posibles problemas en lugar de agardar a que aparezan. Ademais, e postos a pedir, debería lexislarse para impedir que empresas privadas obteñan lucro con tecnoloxías que salvan vidas, e para que o acceso sexa universal.

Esta é unha discusión sobre o sistema actual de financiación, regulación e patentes, non sobre se é ético ou non modificar o xenoma. Calquera procedemento que evite unha enfermidade ou unha morte, e que non dane a terceiros, é por definición ético. En todo caso, o anti-ético sería limitar o seu desenvolvemento. Os temores sobre como pode derivar no futuro a manipulación xenética non poden impedir axudar no presente ás persoas que poderían beneficiarse destes avances. Ademais, toda a discusión cobra un cariz místico-filosófico e non económico e social, polo que remata desvirtuada. Que é o que queremos protexer? Xenes? Células? Algunha idea esencialista e cuasi-relixiosa sobre o que é a especie humana? A variabilidade xenética da nosa especie, incluídas aquelas versións potencialmente letais?

Non deixo de lembrar que houbo firmes opositores á cura da sífilis con penicilina, por motivos bastante parecidos (estamos xogando a ser deuses, non sabemos o que pode pasar), e tamén á anestesia. E ao tren. E ao teléfono. E ás pontes, por certo. Probablemente tamén ao lume e á roda, o que pasa que eses non o deixaron por escrito.

Nictografía

Nictografía

A Inglaterra victoriana era un lugar frío. As novelas longas, as intoxicacións por braseiros que queiman mal, os cafés e vestir ben parece que foron consecuencias máis ou menos afortuadas deste feito indiscutible. Outro día falarei do ano sen verán (1816), as súas causas meteorolóxicas e a espectacular colleita literaria que produciu, pero hoxe centrareime noutro produto das noites frías e as calefaccións pouco eficaces moito menos coñecido: o nictógrafo.

Sacar as mans da cama para escribir de noite xa é incómodo de por si, para canto máis debía selo en 1891, cando a cheminea xa había un par de horas que non fumegaba e tiñas que prender antes unha vela. Iso pensaba Lewis Carroll, pero como el era un xenio, en lugar de resignarse aos dedos fríos ou a esquecer as ideas nocturnas, inventou o nictógrafo.

O aparatiño non tivo moito éxito, a pesar de ser tremendamente enxeñoso: consta dunha pequena táboa con incisións cadradas, cada unha das cales corresponde a unha letra. Isto permite marcar sobre o papel as que conforman cada palabra, identificándoas primeiro polo tacto. Parece un proceso lento e dificultoso, aínda que coa práctica podería perfeccionarse.

O gusto de Charles Dodgson pola tecnoloxía acada o seu punto máximo na súa labor como fotógrafo, o culmen do progreso técnico da época, pero tamén deixou outros inventos menos coñecidos, todos eles relacionados coa escrita, como un xogo de mesa precursor do Scrabble ou un organizador de selos. Máis consecuencias do frío británico: o sistema de correos e os xogos de mesa.

Aínda que Carroll o inventou para salvar este problema particular de dedos conxelados e frieiras, tamén pensou que podería utilizarse para que as persoas cegas escribisen as súas propias mensaxes, sen necesidade de ditar. Aínda que o alfabeto Braille foi creado en 1824 (tamén como método de lectoescritura nocturno para ser utilizado durante as guerras), Caroll debía de opinar que resultaba difícil de escribir, antes de existir a Máquina Perkins. O nictógrafo conta coa avantaxe clara da facilidade de uso, unha vez que se memoriza a posición dos signos na táboa.

Alguén que me coñece moi ben volveu hai pouco de Reino Unido con esta preciosa edición de Alicia nictografada. Aínda non fun quen de lela, pero se o consigo, contareivos como van as miñas habilidades para escribir sen mirar nas frías noites de Compostela.