Relatividade I : o gato, a caixa e o científico.

Relatividade I : o gato, a caixa e o científico.


Schrödinger era un sádico que se adicaba a torturar gatiños, total para explicar o que xa dixera Heisemberg: que a observación modifica os resultados dos experimentos. Imaxinade que metemos un gato dentro dunha caixa, onde tamén poñemos un elemento radiactivo(de onde sacamos o uranio, non ven ao caso aquí), que ten un 50% de posibilidades de desintegrarse e romper unha botella de veleno que mate ao gato. O experimento é un pouco truculento, pero a Schrödinger non parecía preocuparlle o concepto de crueldade cos animais. A pregunta é: o gato está vivo ou morto? Obviamente, o único xeito de comprobalo é abrir a caixa e mirar. Pois ben, o vello Erwin sostén que é o feito de “mirar dentro” o que decide se o gato está vivo ou morto. Ata ese momento, o becho é un gato-zombi, un nosferatu: está á vez vivo e morto.
Isto é só o paradoxo que que resulta de aplicar a mecánica cuántica a nivel cotiá, porque a teoría da relatividade só goberna fenómenos do moi grande e do moi pequeno. Acontecementos subatómicos ou intergalácticos. Como Alicia, semella medrar e encoller.
Pero igual que a teoría da relatividade impregnou as nosas vidas dende que foi enunciada, e agora todos sabemos que non se pode viaxar máis rápido que a luz, e que o tempo está misteriosamente conectado coa velocidade, o principio de incertidume cambiou radicalmente o xeito no que facemos ciencia. Despois de Heisemberg e Einstein, esfumouse a ilusión da obxectividade. Sabemos que a nosa propia observación modifica o fenómeno observado, e que nos movemos unicamente no mundo da probabilidade.
Eu aínda iría máis aló: decatámonos de que a nosa propia estructura orgánica condiciona a nosa percepción do mundo, e polo tanto o noso xeito de facer ciencia. A mente humana ten unha enorme apetencia por atopar patróns, repeticións, coincidencias. Isto pode conducir tanto á superstición e ao pensamento máxico como ao método científico; ambos baséanse en buscar relacións entre os fenómenos que observan. Pero ese xeito de proceder é algo inherente ao ser humano, non á natureza que observa. A nosa manía das clasificacións é un xeito de entendernos nós, pero non é a forma na que funciona o mundo.
O novo paradigma científico, a ciencia post-relativista, traballa con estas premisas: probabilidade, modificación pola observación, principio de incertidume. Diferénciase radicalmente da ciencia clásica pre-relativista, que aspiraba a abarcar o mundo nunha soa ollada obxectiva e absoluta. Fixémonos máis humildes.
P.S: o debuxo saqueino de aquí, teñen deseños moi coñeros.

Laciños

Laciños


Unha vez, hai xa tempo, escoitei a alguén dicir que a SIDA non existe. Incluso hai páxinas sobre o tema en Internet. A teoría ven sendo que o que realmente te mata son os medicamentos que supostamente controlan a enfermidade. Pregunta: entón a xente que morre en África porque non hai medicamentos? Tamén din algo así como que non se demostrou nunca a existencia do virus, e que as fotos que hai non son del. Que o virus ten un doble, como Bin Laden, que é o que sae nas fotos.

Na miña opinión, isto é unha hábil artimaña para contarlle ao teu ligue de turno e que non se poña pesadita co do preservativo, porque custa traballo crer que quen deitou semellante pérola na rede pense iso en serio. Entrade no enlace porque non ten desperdicio, sobre todo se hai alguén de bioloxía. Sería para escachar coa risa se non fora tan grave.

Tamén semella que estamos asistindo a un dos efectos nocivos, por unha banda, da sobreinformación, e pola outra, do posmodernismo mal entendido. Conste que a min Internet como canle de información paréceme un xeito fantástico para dar a coñecer feitos ou opinións que doutro xeito serían silenciados, pero hai que saber filtrar, como con todo. Só porque un dato teña pinta de rollito alternativo, non vai ser necesariamente certa. Para mostra, o dos tampóns que conteñen asbesto ou amianto (rollo católico camuflado, ou senón a min que me expliquen; pero isto da para outro post) ou o do pavo este que di que o colesterol non provoca infartos (peña carnívora tratando de xustificarse)

En canto ao posmodernismo, últimamente hai certa tendencia a considerar que todo é relativo, e que ningunha opinión vale máis ca outra, e iso non é de todo certo. Éo, por suposto, nos temas que son opinables, pero non se pode “opinar” que a terra é plana ou que a SIDA non existe porque, sinxelamente, non é certo. Habería moito que dicir sobre os intereses económicos detrás dos antirretrovirais, das patentes e da actitude das farmacéuticas, pero o virus existe porque calquera bolseiro cun equipo cutre pode aillalo, co cal pensar que nos están enganando TODOS xa soa a movida “cons”.

Ademáis, estas disquisicións pseudoguais afastan a vista do verdadeiro problema, que é: por que non hai un día internacional da malaria ou da tripanosomiase, que son enfermidades que matan a moitísima xente? A base do problema non é que a SIDA exista ou non, é que as cousas que non ocorren no primeiro mundo, realmente é como se non existisen.
P.D: o da foto é el, e eu xuraría que é o auténtico.

Memes

Memes


Estaba intrigadísima con isto dos “memes” cos que anda todo o mundo últimamente. Non, a min nunca me chegou ningún por correo, nin tiña idea do que eran. A primeira vista parece un test das revistas para rapazas, deses que che din se es compatible coa túa parella a través de complicadas ecuacións tomando como variables o que almorzas e cal é a túa cor favorita. Despóis informeime do qué demo era en meme e resulta que non era unha nova revista. Resulta que un meme é como un xen pero en pensamento: unha idea básica que se transmite de xeración en xeración e que se perpetúa ou non dependendo do seu éxito evolutivo, do “eficaz” que sexa.

Iso de que unha idea sexa ou non eficaz é curioso como concepto, pero pódese explicar moi ben dende a psicoloxía cognoscitiva, que xa mencionei algunha vez: o choio é que hai ideas que resultan útiles para funcionar no mundo e outras que non. Por exemplo, a idea da alma, ou da vida despois da morte parece ter certa utilidade para liberarnos da angustia, así que se transmite. Non se me ocorre agora ningún exemplo de idea “non útil”, supoño que precisamente porque non se transmiten. Polo tanto, artellamos a nosa personalidade mediante memes, mediante un montón de ideas que conforman o que somos e o que cremos.

A diferenza co código xenético é que este outro código, aínda que funciona por replicación e selección natural, transmítese tamén de xeito horizontal, entre individuos sen parentesco entre si, e que un mesmo pode alterar o contido dos seus memes. Alomenos na teoría, porque despóis na práctica é moi difícil facer reflexionar a alguén sobre unha idea preconcebida e adquirida culturalmente e conseguir que a mude. Non é fácil que consigas que o teu veciño o de “a estos inmigrantes había que matarlos a todos, que vienen aquí a quitarnos el trabajo” mude ese meme que non ten idea de como adquiriu nin por que defende, seguramente porque lle é útil, dalgún sinistro e escuro xeito. En realidade, coido que este sistema funciona máis como se fora un virus, tendo en conta que os virus mellor adaptados son os que non matan ao hóspede ou incluso que non lle provocan enfermidade, xa que a morte da célula na que viven implica a súa propia destrucción. O mellor virus é o que se integra no ADN da célula e queda aí quietiño sen facer barullo, chupando ADSL e calefacción central de gratis pero sen molestar demasiado.

Os test estes están compostos de memes só en parte, porque se o entendín ben, a túa talla de zapato non é un meme, pero si poden selo cousas como a cor de pelo nas mulleres, porque podemos tinguirnos e polo tanto facer unha escolla (ben, os rapaces tamén poden tinguirse, pero eu non coñezo a ningún que o faga, ou polo menos que o confese.) e por suposto a roupa ou a música. Se cadra estes son os máis memes de todos, porque a túa escolla en cuestións estéticas está moito menos influída por consideracións racionais, e polo tanto di mais de ti. Como dicía Wilde: “é superficial que non xulga as apariencias”
Aí vos vai un test que copieteei de blogs alleos, a ver se vos facedes unha idea de min e me incorporades ao voso código memético.

Nome
O de verdade? A Raíña Vermella

Idade:
Demasiada

Data de Nacemento:
Un luns de lúa chea

¿Pides desexos ás estrelas?
Non. Cando quero algo, cólloo.

¿Gústache a túa letra?
Moito

¿Cal é a túa comida favorita?
O café

¿Es un demo?
Inténtoo, pero non me sae o riso diabólico.

¿Cómo demostras a túa ira?
Póñome vermella

¿Cal é a túa segunda casa?
Certos bares

¿Cal era o teu boneco favorito cando eras neno/a?
Un pinguín vermello (en serio!)

¿Farías puenting?
Só se fora estrictamente necesario para evitar que unha banda de asasinos a soldo kazakos fixeran unha mochila coa pel de alguén que me importe (moito)

¿Cres que es forte?
Comparada con que?

¿Cal é o teu xelado favorito?
Café

Talla de zapatos:
Un 36

¿Qué é o que máis odias de ti mesmo/a?
Odiar? procuro non ter ese tipo de vicios…

¿Cor de pantalóns, camiseta, roupa interior, zapatos? Agora mesmo.
Negro, vemello, vermello, negro

Primeira cousa na que te fixas na xente:
Nas mans, sexan tíos ou tías.

Bebida favorita:
Calquera con cafeína (café, té, cocacola, licorcafé…) Xe sei que o do té é teína, pero cando estás co mono da igual.

Deporte favorito:
Saio a correr cando fai bo

Cor de pelo:
Castaño

Cor de ollos:
Indeterminado

¿Levas gafas/lentillas?
Gafas

¿Última película que viches no cine?
The Illusionst

¿Cal é o teu postre favorito?
Café e bombóns

¿Qué libros estas lendo?
O Segundo Sexo, ademáis dos que non me queda máis remedio

O lugar máis alonxado no que estiveches:
París

Unha canción que che lembre a alguén ou algo:
Miles.

¿Sempre es ti mesmo/a?
Pódese ser outra persoa? Gustaríame probar…

¿Cine ou peli na casa?
Cine mellor, pero o que importa é a peli

¿Es feliz?
Sí

Lobotomía

Lobotomía


Todo isto das matemáticas e das ciencias suscitou moitos comentarios interesantes, e fíxome reflexionar sobre certo sentimento que tiven sempre de ser unha especie de tránsfuga, un becho dunha especie descoñecida. Coido que teño unha concepción do coñecemento un tanto anticuada, un pouco leonardesca. Total, que pico de todas partes e non me quedo con ningunha. Cando te obligan a decidir (con quince anos, que xa manda) entre ciencias ou letras, é como se che desen a escoller un hemisferio cerebral. Que prefires, o esquerdo ou o dereito? Que che apetece máis, saber de física ou de literatura? Non ter nin idea de arte ou ignorar completamente a estructura do ADN?

O que me fai pensar isto é que non temos unha vivencia natural da cultura (entendendo cultura nun sentido moi amplo), que non a entendemos como un todo nin moito menos como un xeito de placer persoal. Esas actitudes só se entenden se se contempla o coñecemento como un medio para acadar algo (un posto de traballo, prestixio, quedar de guai e superculto mencionando a Schopenhauer como de pasada) Polo tanto, se vas ser enxeñeiro, non che fai maldita falta saber de literatura, semella pensar o sistema.

O problema é que a pregunta non é a correcta. Claro que non che fai “falta” saber de literatura. Pero é que a literatura, a arte, a música, son ocio. É algo creado única e exclusivamente para proporcionar placer, sexa do tipo que sexa. O que se nos nega é a posibilidade de desfrutar dese placer.

Por suposto, certas actitudes elitistas tampouco axudan, como considerar que a música clásica,ou a mitoloxía grega é unha cousa súper seria que te mueres , que non se pode tomár á lixeira. Ou facernos destripar poemas coma se foran ratos de laboratorio. Converter o ocio nun auténtico coñazo, facernos pensar que non é para todo o mundo, que hai que ser un erudito para escoitar a Mozart (que xa me dirás).

Átomos e Caracolas

Átomos e Caracolas


Como me deu por pensar sobre as matemáticas e a miña experiencia con elas, pasei a pensar na física, na miña época de ler ciencia-ficción e ensaio científico, e nun problema co que me dou de cabeza unha e outra vez, a saber, a falta de cultura científica. Non falo de que a xente saiba os nomes dos últimos premio Nobel (eu tampocuco os sei), nin de que as conversas na cafetería traten sobre se o universo ten forma de cadeira de montar ou de chapeu boca abaixo. Falo de distinguir entre un virus e unha bacteria (que se asemellan entre sí como un verme a unha balea), de saber que unha molécula é unha orxía de átomos moi xuntiños, e cousas polo estilo. Teoricamente, todo isto aprendémolo no colexio. Na práctica, o sistema educativo diche, máis ou menos: “ti para que precisas isto, se os átomos nin se ven, e as matemáticas, total, non as entende nin Dios? Iso é para os científicos, como o fulano ese da cadeira de rodas” É dicir, ninguén che explica para que valen.

A ciencia, como a arte, vale para entender o mundo no que vives. Para entender por que non serve de nada que te poñas cego de antibióticos cando tes gripe. Para saber que, cando alguén fala do “cen por cen de probabilidades”, está intentando que merques algo. Para ler a Asimov, que vale a pena, e enterarse. Para comprender que o Nautilus, aquí na foto, non medra así porque se vaia de guai e de sobrado, senón porque sabe matemáticas.

A outra cousa que ocorre é que, entre a xente en principio culta, percíbese un olímpico desprezo cara o coñecemento científico. Supoño que parte do problema é que se asimila ciencia a técnica, industria, economía, capitalismo. Coido que esa é, pouco máis ou menos, a liña de razonamento, en parte inconsciente. Cada quen é moi libre de poñer calquera cousa en relación con calquera outra, e tampouco vou ir eu aquí de abanderada da neutralidade (que mal rollito da esa palabra) da ciencia, pero ao meu entender o erro reside en confundir a ciencia como método coa aplicación que dela se fai. A ciencia-método só che describe a curva perfecta do Nautilus, e ao Nautilus dálle igual as teorías que fagas arredor del. Xa estaba aquí antes dos dinosauros, e probablemente aquí seguirá, haxa ou non alguén para describilo.

A Casa do Espello

A Casa do Espello

“Imos xogar a que hai un xeito de atravesar o espello; a que o cristal se volve brando, como se fora de gasa, e que podemos pasar a través”.

Dende sempre profesei polas matemáticas un amor oculto e non correspondido. Oculto, porque as reaccións dos demáis cando dis que che gustan as matemáticas son de espanto, como se tiveras algún tipo de tendencia estraña e desaconsellable, ou de incredulidade. Non correspondido, porque nunca chegamos a comprendernos unha á outra. Ela pedía demasiado, unha disposición e unhas cualidades que eu non posúo, e eu acabei adicándome a outra cousa, na que o meu contacto con ela é escaso e formal. Cando nos atopamos, saudámonos cortesmente. Pero eses grandes romances deixan unha pegada de por vida. Cando quero lembrala, érgome furtivamente e saco do seu escondedoiro “A Través do Espello, e o que Alicia atopou ao Outro Lado”

Non quero poñerme Matrix, pero ás veces penso que as actuacións na Internet teñen un pouco esa característica carrolliana, e máis concretamente atravesoespecular: trátese dun mundo firmemente conectado coa realidade e dependente dela, real á súa vez e rexido por un conxunto de normas semellante pero non necesariamente igual ao do mundo “real”. Polo mesmo, cada persoa ten o seu correlato dentro do espello, que somos indubidablemente nós (quen se non?) pero que ao mesmo tempo somos lixeiramente diferentes. Eu son A Raíña Vermella dentro do espello, pero fóra do espello son a gata negra de Alicia, e ningunha é máis real que a outra.