Arrival (CON MOITO SPOILER)

Arrival (CON MOITO SPOILER)

Non podía deixar acabar o ano sen escribir algo sobre o fenómeno cinematográfico do ano, o filme que puxo o Reino da Galiza no mapa (atención ao sutil xogo de palabras) e que POR FIN amosa unha filóloga como o que en realidade son: heroes de acción. Supoño que ir ver Arrival con expectativas moi altas fixo que me quedase unha sensación agridoce dunha película que ten moitos acertos, pero tamén puntos fracos que non vin destacados en ningunha das críticas que lin. A partir de aquí, o post convértese en puro spoiler, quen avisa non é traidor.

Puntos a favor

1. Filólogos como heroes de acción. Xa está ben de que outras profesións teñan representantes heroicos nas súas filas. Xa non só policías, bombeiros e médicos non psiquiatras, senón incluso avogados, cociñeiros e contables son retratados no cinema facendo cousas máis ou menos extraordinarias e salvando ao mundo. Neste caso, a utilidade dunha experta lingüista non só é que estea xustificada, senón que é o eixo sobre o que pivota todo o filme. Que ante un contacto extraterrestre imos necesitar expertos en linguas é algo que nin o Ministro de Educación podería negar.

2. Protagonista feminina. E bastante alonxada de estereotipos. Non aparece sexualizada nin se pon en cuestión a súa capacidade psicomotriz, pode subir e baixar soa da nave e toma decisións autonomamente. Se vos parece que isto segundo é pouco relevante, revisade media ducia de filmes ao azar e despois contádesme.

3. Os aliens. Ainda que aparecen envoltos nunha néboa branca, que supoñemos que é a súa atmosfera nativa, non nos furtan ver ao becho, violando unha das regras da sci-fi de extraterrestres: non ensinar moito ao becho. Aquí vémolos dende o principio, e a pesar de resultar bastante ameazadores e non ter rostro, acabamos empatizando con eles, e dános pena que marchen.

4. Todo o relacionado coa gravidade. Os aliens claramente teñen unha tecnoloxía capaz de modificar o campo gravitatorio, para crear unha gravidade inversa dentro da nave e unha situación antigravitatoria no exterior, o cal tamén explica por que a nave non ten unha forma nin sequera lonxanamente aerodinámica. Punto positivo para os asesores cientificos.

5. A lingua dos extraterrestres. Dado que a película vai sobre o proceso de tradución da lingua dos extraterrestres, este aspecto tiña que estar ben coidado e resolto para que resultara crible e atractivo. Os aliens producen unhas fermosas grafías circulares coa tinta que segregan (á fin e ao cabo son unha especie de chocos ou luras) que flotan na súa atmosfera leitosa. Visualmente precioso e moi, moi estraño.

Puntos en contra

1. A historia da nena morta, en xeral. Non achega nada á trama, non debuxa tampouco máis finamente á personaxe e semella un pegote para vender mellor un filme sobre filólogos cun engado sentimental. Ademais, a pesar de que a nena é filla de ambos protagonistas, queda claro que o conflito só o ten a personaxe feminina, nun novo capítulo de: “imos ser feministas, pero sen pasarnos”.

2. O problema que teñen os guionistas coa maternidade. Por moi ben que lles quede unha personaxe feminina, non poden resistirse a introducir este elemento. Deben de pensar que descifrar unha lingua extraterrestre e salvar o planeta non é unha motivación suficientemente poderosa para unha muller, e non vai ser crible para o público. As mulleres, parecen dicirse a si mesmos, só actúan movidas polo impulso biolóxico ineludible de empreñar. Se non, ninguén se vai tragar esta personaxe. Pensando en títulos recentes, Prometheus e Gravity tamén introducen subtramas nas que as protagonistas femininas arrastran traumas coa maternidade.

3. O problema do tempo. Aquí ven o spoiler máis gordo de todos, pero se estades lendo a estas alturas, estavos ben empregado. A pesar de que a sorpresa final é moi eficaz, bótase en falta un pouco máis de soporte que a teoría de que, aprendendo a lingua dos extraterrestres, pódese coñecer o futuro. Semella que os guionistas entenderon mal aquela máxima de que a nosa lingua determina a nosa percepción do mundo, o cal funciona para os famosos (e falsos) 16 tons de branco dos inuit, pero non fai que, por moito que teñemos unha palabra para nomealo, sexamos quen de ver o espectro ultravioleta. Pola mesma, que os aliens teñen unha percepción do tempo diferente á nosa non modifica a natureza física do espazo-tempo. Podería polo menos introducirse unha liña de guión con algunha coartada clásica (saltos no tempo, universos paralelos…) que explique que os aliens poidan ter coñecementos sobre o noso futuro, sen que a trama perda nada e facéndoo un chisco máis consistente. E eliminando a subtrama maternidade/nena morta, por favor.

Aínda así, e aínda que se me fixéchedes caso ninguén que non a vise debera estar a ler isto, continúa a ser un filme a recomendar, tanto polo aspecto visual como pola historia que propón. En todo caso, só por ser a única superprodución Hollywood na que se menciona Galiza, xa valería a pena.

Multiverso

Multiverso

“O universo non só ten historia, senón calquera historia posible”.

Stephen Hawkins

O uso e abuso da hipótese do multiverso na ficción xa nos ten un pouco saturados. Calquera trama complexa pode resolverse co truco argumental de recorrer a “universos paralelos” ou outras dimensións, viaxes no tempo e furados negros. Con mellor ou peor fortuna, con maior ou menor rigor científico. En calquera caso, resulta difícil dilucidar entre tanta maraña multivérsica cal é a base científica, se é que hai algunha da idea do multiverso, ou universos paralelos.

Que non é o multiverso?

1. Non son “outras dimensións”: a teoría de cordas postula que o noso universo, a nosa realidade, posúe 11 dimensións espaciais, e non tres, estando as restantes vixentes só a escala cuántica, en ordes de magnitude do inimaxinablemente pequeno. É unha idea extravagante, pero aí remata toda relación co multiverso, na súa estrañeza. A hipótese das dimensións adicionais serve para explicar sucesos do universo coñecido.

2. Non son (necesariamente) viaxes no tempo: pode estar relacionado, como veremos máis adiante, pero os diferentes universos existirían, na teoría, independentemente da nosa capacidade para viaxar no tempo na nosa propia liña temporal, ou entre un universo e outro.

3. Non son (necesariamente tampouco) realidades alternativas: pode existir un universo moi semellante ao noso, pero tamén outros nos que as constantes físicas sexan tales que non poida albergar vida de ningún tipo, e pode que nin sequera as formas da materia que coñecemos.

Que si é o multiverso?

É unha hipótese enunciada por Huge Everett en 1957, como un xeito de salvar algúns dos problemas que ofrece a mecánica cuántica, que como xa dixo Richard Feymann, se cres que a entendes é porque realmente non a entendes. Ante o problema da medida, exemplificado no arquifamoso gato de Schröedinger, Everett propón que a maneira na que o gato pode estar simultaneamente vivo e morto é adoptando cada unha das dúas configuracións nun universo diferente.

A hipótese do multiverso é iso, unha hipótese, que está a ser obxecto de debate na comunidade científica, a falta de máis datos que podan ir nunha ou noutra dirección. Postulouse que determinadas medicións das microondas que constitúen a radiación de fondo do universo poderían deberse a enerxía remanente doutros universos próximos, pero polo momento non se trata dun dato moi consistente. Ademais existen, non unha, senón múltiples ideas alternativas sobre como podería estruturarse este multiverso. Como burbullas nun baño de escuma, como membranas que conteñen as diferentes realidades, con leis físicas idénticas pero constantes que poden variar, ou incluso con leis físicas distintas, o cal resultaría en realidades inimaxinables máis que dende o punto de vista matemático.

En canto á posibilidade de viaxar entre universos, todo parece indicar que non vai ser posible. A idea da ciencia ficción de utilizar os furados negros ou os furados de verme como se fosen bocas de metro non só resultaría incómoda polo detalle da gravidade infinita, senón que en todo caso conduciríanos a outro punto do noso universo, non a unha realidade diferente no que todo é igual pero a II Guerra Mudial gañárona os nazis.

Biotecnoloxía, agricultura, mercado.

Biotecnoloxía, agricultura, mercado.

Sempre que se fala de biotecnoloxía aplicada á agricultura moita xente bota man dos organismos xeneticamente modificados. Efectivamente neles hai moita biotecnoloxía, pero non só. O solo agrícola e os cultivos están gobernados por complexas relacións de intercambio químico, físico e biolóxico. Fertilidade, estrutura, humidade, aireación, microorganismos e macroorganismos establecen unha rede de dependencias mutuas nun sistema dinámico e cambiante no que a agricultura intervén para desprazar os equilibrios segundo o produto que se pretenda obter. A enxeñaría agraria e a biotecnoloxía permítennos comprender os factores de desenvolvemento dun cultivo e os mecanismos de acción dos patóxenos. Grazas a isto podemos procurar, por exemplo, os antagonistas naturais dun parasito que adecuadamente manexados frean a súa acción: Coa biotecnoloxía obtivemos a chave para entender e reproducir as Trichodermas que interrompen a acción de fungos como a Rhizoctonia ou a Phytophtora (moi daniños no pemento, no tomate, na pataca…); ou explicar por que o nabo introducido nunha rotación contribúe a frear os nemátodos e outros parasitos interrompendo o seu ciclo no chan e beneficiando así o cultivo seguinte.

A biotecnoloxía danos a oportunidade de mellorar xeneticamente unha especie. E non só creando un transxénico; tamén aplicando de xeito eficaz e en menos tempo aquilo que a humanidade leva facendo desde hai algo máis de cinco mil anos: procurar as variantes dun vexetal con maiores aptitudes ou salientando algunha característica en concreto. A selección dunha semente fronte a outra da mesma especie, coa intención de obter graos máis grandes, en maior número, que dean fariña máis branca, ou calquera outro aspecto concreto, guíase exclusivamente por criterios nos que intervén o pensamento racional. Desde o momento que unha persoa escolle certo froito para extraer as súas sementes e reproducilo está facendo valer a súa preferencia e anulando de facto as probabilidades de reprodución doutras sementes da mesma xeración. Este proceder descarta a natureza casual da evolución da especie dando prioridade a unha carga xenética fronte a outra que fica sen sementar. A agricultura, polo tanto, é unha técnica exclusivamente humana: Non existe xa ningún grao de trigo (ou de tomate, ou de centeo,…) que poidamos definir como “natural”.

A biotecnoloxía é unha ferramenta que levamos aplicando hai séculos pero que na actualidade gañou unha certa fama malvada, porque asociamos batas brancas e laboratorios cun afastamento do natural que, pensamos, é a agricultura. Detrás disto escóndese tamén un pensamento simplista e en certo modo inmobilista que tende a vencellar progreso tecnolóxico cun afastamento das esencias representadas neste caso nun ideal agrícola onde existiría unha perfecta comunión entre humanidade e terra. Este ideal non refire un sistema nin un momento concretos do desenvolvemento agrario. Outórgalle certa eternidade a un modelo sen concretar cal e que na realidade non existe: A evolución foi continua e nin sequera os modelos históricos previos á Revolución Verde do século XX (tamén chamados “orgánicos”) obviaban a biotecnoloxía.

Dentro da complexidade e diversidade da agricultura convén ter moi presente o papel do sistema económico. A produción de alimentos tamén se somete ás normas do modelo capitalista, así que a tecnoloxía agraria e os seus avances non están vacinados contra a súa mercantilización. E aí vemos a acción das corporacións que na actualidade manexan a política económica sen excluír, claro, a política alimentaria. Agora ben, identificar biotecnoloxía con esa empresa “X” que todo o mundo ten na boca, resulta unha implicación ben arriscada. Manexar a xenética é un feito científico; o modelo que permite a esa empresa (e outras, tan voraces ou máis) impór unha determinada variante dun cultivo, os seus fertilizantes ou os seus fitosanitarios no canto de outros é un feito económico e discutible.

Unha cousa é a ciencia e outra moi distinta o lucro: Unha posible solución pasaría por incrementar o control público dos procesos biotecnolóxicos permitindo que os recursos e os beneficios revertesen na cidadanía e na produción. Isto ademais de mellorar os procesos agrarios permitiría a remediación das peores consecuencias dun eventual desastre. Modelos hainos pero desde logo ningún deles pasa polo freo a investigación, senón por procurar que esta resida no público e que consiga avaliar, entre outras, as consecuencias de modelos esquilmantes coma o actual.

Imaxe: Campo de trigo. Oscar Antón Perez

Coevolución

Coevolución

A científica Mary Malone, á quen Lyra lle descubriu a posibilidade de viaxar entre diferentes universos, acaba accidentalmente nun mundo (entendemos que un desenvolvemento diferente do planeta Terra) habitado polos extrañísimos mulefa. Nunha versión do noso universo que se diferenciou deste en etapas moi precoces da fomación do planeta, todo o globo está sulcado por enormes estradas naturais de pedra volcánica. Os mulefa, a especie intelixente nesa versión da evolución, son un tipo de ruminante que aproveita as canles de lava endurecida desprazándose por elas utilizando como rodas un determinado tipo de semente.

A historia dos mulefa e a astrofísica Mary Malone, que se ve implicada por Lyra na investigación sobre o , cando a nena chega á nosa versión da realidade de Oxford, pertence á terceira parte da saga de Bill Pullman A Materia Escura, O Anteollo de Ámbar. Son os meus capítulos preferidos, pola fermosa relación de Mary cos mulefa (singular, zalif) e pola maneira tan orixinal que ten Pullman de explicarnos a coevolución.

Como poden existir animais con rodas? En primeiro lugar, rodar ten que proporcionar algún tipo de avantaxe. Nun entorno con herba, ou con superficies rochosas irregulares, as rodas non teñen moito sentido. Nesta versión do universo, os procesos xeolóxicos conformaron inmensas coladas de lava que percorren a superficie do planeta, conformando unha superficie plana e continua sobre a que as rodas poden deslizarse. Os mulefa son unha especie de animal parecido a unha gacela, un cuadrúpedo que vive en manadas, polo que podemos deducir que, igual que no noso mundo, a velocidade é a súa estratexia de supervivencia seleccionada evolutivamente. Polo tanto, as rodas proporcionaríanlles unha avantaxe enorme. No mundo dos mulefa, existe unha especie de árbore cunhas sementes circulares, achatadas e duras, cun orificio central onde os animais introducen o estremo das gadoupas (zarpas? Cascos? Poutas?) a modo de eixo. As extremidades dos mulefa evolucionaron para encaixar nos buracos das sementes e as sementes, á súa vez, precisan do impacto constante contra o basalto que se produce ao rodar para romper e poder xerminar.

Que foi antes, pregúntase Mary, a semente ou as poutas dos mulefa? Os ruminantes e as árbores non poden sobrevivir os uns sen os outros, nun sistema simbiótico perfecto.

No noso mundo, existen moitos exemplos de coevolución, xa que Pullman deixa claro que, sexa cal sexa a versión do multiverso no que nos atopemos, as leis físicas e bioloxicas son as mesmas, e a evolución opera do mesmo xeito, por moi estraños que nos parezan os resultados. Non é menos estraño, ben pensado, o sistema formado polos insectos e as flores, nas que a natureza favorece cores e formas espectaculares só para favorecer esta relación.

Hai outro exmplo aínda máis próximo, pero menos evidente. No mundo de Lyra, e evolución favoreceu a extravagante solución de separar un mesmo ser en dous organismos diferentes, e cada ser humano ten un animal acompañante, chamado daemon. Os daemon e os humanos non poden separarse moito, porque non sobreviven o un sen o outro. No noso mundo, unha especie de depredador social, altamente organizado e intelixente, atopou en certo momento hai aproximadamente 20000 anos unha certa avantaxe en colaborar cunha estraña especie de simios, en lugar de alimentarse deles. Co tempo, cazaban xuntos, coidaban das súas crías e defendíanse mutuamente doutros animais. Incluso aprenderon a recoñecer palabras e a establecer lazos afectivos. Máis adiante, apacentaron os nosos rabaños. Cando miramos aos ollos ao noso can, ambos segregamos oxitocina, a hormona que media as relacións afectivas. Cando xogamos con el, o can pode atacarnos ouveando de alegría, e sabe que non o entenderemos como un ataque. Cando os deixamos ao coidado das nosas crías, sportan estoicamente tiróns, manotazos e empurróns, como se fosen os seus propios cachorros. Como dicía, ás veces a coevolución atopa solucións do máis extravagantes…

tula

Imaxe: a cadeliña Tula, que foi o daemon perfecto

Cita con Rama

Cita con Rama

Leis de Clarke

1. Cando un científico eminente pero ancián afirma que algo é posible, case seguro que ten razón. Cando afirma que algo é imposible, moi probablemente estea errado.
2. O único xeito de descubrir os límites do posible é aventurarse un pouco máis aló, cara ao imposible.
3. Toda tecnoloxía o suficientemente avanzada é indistingible da maxia

Se tres leis foron suficientes para Newton, modestamente decido parar aquí.

Profiles of the future,  Arthur C. Clarke, 1973 (ed. revisada)

Ser piloto da RAF, descubir a órbita xeoestacionaria, e que lle poñan o teu nome a un asteroide e a un dinosauro xa sería suficiente para considerar que tiveches unha vida do máis intensa e interesante. Pero se ademais resulta que escribiches ducias de novelas de ciencia ficción, e entre esas novelas están 2001: Unha odisea no espazo, e Cita con Rama, só podes ser Arthur C. Clarke.

Este verán relín 2001, que no seu momento me parecera menos impactante que a película, e descubrín un novo gusto por ela. O filme e a novela, escritos simultaneamente (non é un filme baseado nunha novela, como puidera parecer. Son dúas obras independentes baseadas na mesma idea), funcionan como unha historia clásica de ciencia ficción (a nave, o robot, os extraterrestres…) e a súa imaxe reflectida nun espello deformante. Todo aquilo que a pelicula ten de suxerente, impresionista e inquedante queda perfectamente clarificado e resolto na obra literaria, que aínda así resulta terrorífica, aínda que por outros motivos. Todo aquel que se pregunte que quere dicir 2001, o filme de Kubrick, non ten máis que ler a novela de Clarke para obter unha idea completa dos acontecementos que se narran. Iso si, non terá a experiencia íntegra a menos que vexa tamén a película.

Hoxe, porén, quería falar de Cita con Rama, a que foi durante moito tempo a miña novela favorita de ciencia ficción. Cita con Rama é o exemplo paradigmático de hard sci-fi: ciencia ficción “dura”, na que o progreso tecnolóxico xoga un papel fundamental. O inicio é sinxelo e case tópico: un asteroide descoñecido achégase á Terra e cando está o suficientemente próximo resulta ser unha xigantesca nave espacial. A civilización humana, que nese momento goza dun estado de paz mundial e colonizou os demais planetas do sistema solar, envía unha nave con tres cosmonautas para explorar este mundo en miniatura.

Spoiler: durante toda a novela, non se produce ningún contacto cos ramáns, os enxeñeiros da nave-mundo. A narración xira en torno a como se produce a gravidade artificial necesaria, a forma do océano interior, e as deducións sobre a natureza da especie extraterrestre a partir da súa tecnoloxía e a que debe ser a súa máxima expresión nesa Arca de Noé intergaláctica. Por outra banda, mediante a exploración deste obxecto, imos sabendo tamén cal foi a evolución da nosa propia civilización. Se en 2001: Unha odisea no espazo, a tecnoloxía figura en primeiro plano, pero a estrutura social semella tirada de Mad Men (os cosmonautas, dirixentes e científicos son homes, que deixan as súas familias na terra, e as mulleres son esposas, azafatas ou taquígrafas, unha organización que xa era anacrónica no ano 2001 real) en Cita con Rama é obvio que o cambio tecnolóxico tivo que producir tamén cambios sociais. As relacións humanas, os xeitos de organización social nun sistema solar completamente habitado, a medicina e incluso as relixións, sufren un cambio dramático, que imos descubrindo a medida que os científicos da misión Rama (dous homes e unha muller) exploran o asteroide artificial.

A ciencia ficción é perfecta para plasmar os nosos medos e as nosas ansiedades con respecto do futuro, a tecnoloxía e a sociedade, e tamén sobre o descoñecido, os outros, o exterior. Pero hai que ser un xenio como Arthur C. Clarke para saber transmitir o que ten o futuro de inquedante, pero tamén de luminoso e esperanzador.

Imaxe: Space Colony. Rick Guidice, NASA Ames Research Center. Public domain.

Bach: os números, as ideas e os días.

Bach: os números, as ideas e os días.

– Señores -dixo- convídoos a que vaian medir aquel quiosco. Verán que a lonxitude do entarimado é de 149 céntímetros, é dicir, a cen mil millonésima parte da distancia entre a Terra e o Sol. A altura posterior dividida polo largo da fiestra da 176/56 = 3,14. A altura anterior é de 19 decímetros, que corresponde ao número de anos do ciclo lunar grego. A suma das alturas das dúas aristas anteriores e das dúas aristas posteriores da 190 x 2 + 176 x 2 = 732, que é a data da vitoria de Poitiers. O espesor do entarimado é de 3,10 centímetros e o ancho do marco da fiestra é de 8,8 centímetros. Se reemplazamos os números enteiros pola letra alfabética correspondente teremos C0 H8, que é a fórmula da naftalina.

– Fantástico -dixen-. Verificouno vostede?

– Non. Pero un tal Jean-Pierre Adam fíxoo con outro quiosco. Cos números pódese facer calquera cousa.

Umberto Eco. O Péndulo de Foucault.

Sempre que falo de ideas irracionais céntrome naquelas que teñen que ver coa saúde, en parte porque me quedan máis cerca, en parte porque as súas consecuencias adoitan ser máis concretas e dramáticas. Pero existen outras ciencias que poden ser retorcidas e pervertidas para xustificar supersticións. O exemplo máis inmediato podería ser a astronomía e a astroloxía, a súa copia de marca branca, e porén hoxe apetéceme falar das matemáticas e a numeroloxía.

Igual que no caso da astroloxía e a astronomía, no seu incio as matemáticas tamén se mesturan co esotérico e o máxico, a pesar de que hoxe nos poidan parecer a máis exacta das ciencias ou, incluso, a linguaxe da ciencia. O propio Pitágoras tiña unhas ideas do máis estrañas sobre os números e o seu significado místico, probablemente tomadas dos grandes matemáticos exipcios. A cada número atribuíalle diferentes propiedades, e tamén cría na posibilidade de ler significados na suma de diferentes cifras. Ademais, a música, que no mundo clásico formaba parte das matemáticas, tamén tiña estas peculiares características esotéricas. O modo menor, por exemplo, considerouse durante séculos como melancólico ou maligno. Na Idade Media e máis tarde, no Renacemento, todo este caudal de pensamento máxico foi aproveitado pola Alquimia, que se gababa de proceder directamente dos sabios exipcios.

Era Bach, o señor aburridote, un alquimista numerólogo? Ocultaba a sua obra claves esotéricas? O libro de Ramón Andrés sobre a vida de Bach, narrada a través das obras da súa biblioteca, Johann Sebastian Bach. Los días, las ideas y los libros, fala de todos os intentos de vencellar a obra de Bach cos templarios, os rosacruces e os alquimistas, a través da rica correspondencia matemática da súa obra.

É certo que B. gostaba de ocultar pequenos xogos matemáticos nas súas patituras, como a célebre signatura B-A-C-H que incluía en moitas das súas obras, ou as alusións cifradas ao nome da súa esposa. Porén, sumar os compases para acadar a data da execución dos últimos templarios, ou a data de nacemento de Christian Rosenkreuz, como se ten feito, semella bastante próximo á pasaxe do quiosco de Eco.

O que probablemente acontecía, á luz de todas as crónicas contemporáneas, é que Bach tiña unha mente matemática privilexiada, que puido levalo a ser outro Newton de escoller ese camiño, e que lle permitía, por exemplo, improvisar un canon a seis voces sobre un tema ao azar. A música é unha estrutura matemática, e contén en si mesma múltiples estruturas que son inherentes á propia armonía, sen necesidade de máis intencionalidade máxica. A Paixón Segundo San Mateo é suficientemente incrible en si mesma, sen necesidade de ser unha alegoría rosacruciana. Ás veces, a necesidade de atopar misterios ou conspiracións ocultas, pode desviar a atención do asombrosa que é a realidade.

P.S: se queredes unha mostra da auténtica proeza matemática de Bach, aquí vos deixo o Canon Cangarexo, unha composición coa forma dunha banda de Möebius infinita.

Bach salvoume a vida

Bach salvoume a vida

Cando se fala de doenza mental, aparecen moi rapidamente dous estereotipos: o tolo perigoso psicópata asasino, ou o xenio perturbado e excéntrico. Nesta segunda categoría cabe a xenialidade en todos os eidos, o científico tolo, o artista torturado, o escritor depresivo e fóbico social, o matemático autista. Os exemplos son abondosos: Virginia Wolf, John Nash, Robert Schumann, Van Gogh.

Por suposto, o nesgo é evidente, porque aquelas persoas con doenzas mentais sen estas capacidades asombrosas non se fixeron famosas, e non as coñecemos. Ademais, existe un nesgo de asociación: cando dous acontecementos aparecen xuntos, tendemos a atribuírlles causalidade. É a xenialidade produto da doenza mental, ou a doenza mental produto da xenialidade? En realidade, a correlación (que dous feitos aparezan simultaneamente) non implica causalidade (que un sexa produto do outro), pero o noso cerebro vén preprogramado para funcionar dese xeito. Esta é a base de case todas as supersticións, como ao perder ou gañar batallas despois de que un gato negro cruce por diante das nosas tropas (e das do inimigo), e botarlle a culpa do resultado ao pobre animal.

Estes días prestáronme Instrumental, o libro autobiográfico do pianista James Rhodes. Deixoumo, conminándome enerxicamente a lelo, alguén que me coñece moi ben, e sabe que toca dous temas que me interesan moito: Bach e a enfermidade mental.

A tese de Rhodes sobre como se relacionan a xenialidade e a enfermidade mental resúmese nunha frase escalofriante: “Se comparásemos a vida con correr unha maratón, os abusos sexuais na infancia terían o efecto de quitarche unha perna e cargarte cunha mochila chea de tixolos na liña de saída”. Rhodes non fala de diagnósticos, pero describe a perfección un trastorno límite de personalidade, e posiblemente tamén unha síndrome por estrés postraumático, provocada polas violacións repetidas durante anos das que foi obxecto. Eu pensaba que tiña callo con estas cousas, e aínda así tiven que parar de ler un par de veces. Despois non digades que non vos avisei.

Instrumental fala da enfermidade mental, dos ingresos psiquiátricos, das adicións e das autolesións, pero faino sen autocompaixón e sen ton épico ou heroico. Non hai tampouco esa aura de xenio perturbado que tanto me molesta, porque é unha forma máis do estigma. O que conta Instrumental é a historia dunha persoa xenial a pesar da doenza, que acada un elevado grao de pericia técnica a pesar de telo todo en contra.

Que pinta Bach en todo isto? James Rhodes di no seu libro que foi a Chacona en re menor o que, literalmente, salvou a súa vida. Entendemos que o pracer que lle produce a música, e esta peza en concreto, foi o que en certos momentos fixo que merecera a pena continuar vivindo unha vida con enormes sufrimentos, físicos e psíquicos. O paradóxico é que precisamente a Chacona está escrita nun época de enorme sufrimento para o propio Bach, tras a morte repentina da súa primeira esposa, María Bárbara. Ademais, Bach serve para exemplificar xusto o extremo contrario: sería o antítese do xenio tolo. Un tipo familiar, traballador e metódico, do que se coñecen poucas anécdotas escabrosas e que é considerado por moita xente como un señor aburridote.

Porén, Johann Sebastian tiña todos os boletos para volverse tolo, ou cando menos para ter unha historia de traxedia e melodrama: viu morrer a varios dos seus fillos, un deles desapareceu sen máis, vítima probablemente dun axuste de contas, e María Bárbara falece tamén durante unha viaxe de del, de maneira que, cando regresa á casa, atópase coa noticia. En cambio, a reacción foi xusto a oposta: traballo, traballo e traballo.

En realidade, a historia do xenio tolo non é máis ca un cliché do Romanticismo, e do “xenio de Leipizg” non se fai esa narrativa porque, simplemente, naceu antes de tempo. É certo que Schumann, por exemplo, tiña algún tipo de enfermidade mental, probablemente un trastorno bipolar moi grave, ou unha psicose, e que a súa obra estivo marcada pola doenza, pero como algo que o limitaba, non como o acicate da súa creatividade. E se non, aí está Bach para demostralo, o xenio entre os xenios, a quen, como a Rhodes, posiblemente a música lle salvou literalmente a vida.

Test de Wada

Test de Wada

Unha das experiencias máis impresionantes que vivín estes últimos anos foi estar presente nun test de Wada. É unha proba que se realiza en quirófano para preparar a cirurxía da epilepsia. Como xa sabedes, a epilepsia é unha actividade anormal de certo grupo de neuronas no cerebro, que se xeraliza ao resto das células colindantes, como as ondas nun estanque. Dependendo de que áreas afecte, producirá convulsións, perdas momentáneas de consciencia, alucinacións ou estados de éxtase relixioso. Si, xa hai quen di que deus está no cerebro. No lóbulo temporal, concretamente.

Para eliminar esta actividade anormal, útilizanse fármacos anticonvulsivos, e en situacións extremas, ciruxía intracerebral. O problema da cirurxía é que as funcións cerebrais non están perfectamente delimitadas, e varían dun individuo a outro, así que sería doado afectar outras zonas que soportan funcións normais. Pode que o lugar que hai que eliminar controle a fala, a comprensión ou o movemento dun membro. Por sorte, o cerebro xeralmente ten un plan B, unha área no outro hemisferio que controla o mesmo aspecto, pero isto non é igual en todas as persoas. Unhas teñen o control máis repartido entre os dous hemisferios e outras case todo concentrado no mesmo. A isto chámaselle lateralización. Canto máis lateralizado, máis concentrado estará o control nun só hemisferio cerebral.

O hemisferio esquerdo pasa por ser o lóxico, o racional e o que se ocupa de todo aquilo que nos fai intrínsecamente humano. Para o dereito quedaría o sentimental e o emocional. Eu mesma compartía un tanto esta visión, ata que me convidaron a estar presente nun test de Wada.

No test de Wada estás desperto e perfectamente consciente, porque o cerebro non ten terminacións nerviosas para a dor, así que é suficiente con anestesia local externa. Do que se trata é de comprobar que fai exactamente a área que hai que extirpar, por se tocamos algo importante. Se o cerebro está moi lateralizado (ten poucas “copias de seguridade” no outro hemisferio), podemos ter un problema á hora de reseccionar unha área, porque non seremos capaces de recuperar a función. Polo tanto, o test constiste en anestesiar primeiro un hemisferio e despois o contrario, para ver canto da función se conserva. Como o paciente está consciente, pódeselle pedir que resolva operacións matemáticas, nomee obxectos e describa imaxes.

Así que alí estaba eu, embozada nunha desas batas de papel e subida nun tallo, tratando de que non se me movera moito o gorro baixo a mirada reprobadora da enfermeira, que xa me advertira antes que, como vira un só rizo asomar por debaixo, poñíame fóra. Cando anestesian o hemisferio esquerdo, pasa o esperable: o paciente continúa consciente e conectado co medio, pero non é quen de realizar operacións matemáticas sinxelas, por exemplo. Unha suma de 2+2 de repente vólvese imposible. O rapaz decátase, ademais, e aínda que lle advertiron antes de entrar do que ía pasar, está claro que debe de estar tendo unha sensación moi rara. Como se non fose suficiente estar esperto mentres che andan no cerebro, para aínda por riba notar que de súpeto non sabes sumar.

Ata aquí todo segundo o previsto. Pero o alucinante vén cando cambian e anulan o hemisferio dereito. O tipo volve saber sumar, si, pero… NON ENTENDE QUE É O QUE ESTÁ PASANDO. De repente trata de erguerse da mesa, fai comentarios banais sobre o quirófano ou sobre nós, e é dificilísimo que entenda que ten que contestar ás preguntas, aínda que cando o fai, as respostas son correctas. Non está desorientado. Non está alterado. Simplemente perdeu o contexto. Non comprende a situación nin como ten que comportarse, aínda que sabe perfectamente onde está, quen somos e que intentamos facer. Co hemisferio esquerdo anulado, perdeu a capacidade lóxico-matemática concreta, pero agora o que está a fallar é toda a información implícita, contextual, que todos e cada un de nós manexamos a diario. Se alguén lle chama a iso “intuición” ou “sentimento”, está a reducir ata a caricatura o que supón.

O neuro mírame divertido por sobre a mascarilla, porque se decata de que estou alucinando, pero tamén de que estou entendendo perfectamente o que acontece, e non é para nada o que a sabedoría popular nos suxire. Non se converte nun autómata con síndrome de Asperger e incapaz de amosar empatía. Convértese en alguén que non pode desenvolverse no medio de ningunha maneira. Sen sumar podes sobrevivir, pero como vas funcionar sen comprender o mundo ao teu arredor?

Cando por fin lle devolven ao pobre paciente o seu cerebro completo, lembra perfectamente que durante uns minutos non soubo sumar, pero non ten moi claro que foi o que pasou despois. Todo ese fluxo de información non tiña nada ao que ancorarse para permanecer na consciencia.

-“Como vai estar cando se lle pase de todo a sedación?”, pregúntolle ao cirurxán
-“Pensa na peor dor de cabeza que tiveras na túa vida… Multiplica por mil”.

Arrogantes e agresivos

Arrogantes e agresivos

O escepticismo está de moda. A prensa xeralista que, salvo excepcións, dá por boa calquera información espectacular por tendenciosa ou disparatada que sexa, parece que caeu na conta de que existe un grupo de persoas que reclaman algo moi simple: demostrar as afirmacións. O escepticismo é como o feminismo, resulta unha etiqueta incómoda para unha idea do maior sentido común. As mulleres son persoas. Demostra iso que dis. Ambas son ideas moi potentes e polo que parece, agresivas e radicais.

O movemento escéptico está a sufrir agora, en moita menor medida (aínda non tivemos baixas) os mesmos ataques que o feminismo leva sufrindo os últimos cen anos. Acusar a alguén de ser pouco respectuoso por pedir probas de afirmacións extraordinarias, como, non sei, embarazos milagrosos ou mortos que resucitan, e negarse a crelo se non se proporcionan, é moi parecido ao que temos que escoitar todos os días sobre o feminismo. Reivindicacións básicas e de sentido común (non ser insultada pola rúa, que o que venden nas farmacias cure o que di curar…) trátanse como se fosen peticións esaxeradísimas ou ridículas, e créase un clima de opinión en torno a elas que favorece que non sexan tomadas en serio. Cando te queixas, dinche que es moi agresiva e así non vas conseguir nada, que non caes ben, ou que non é para tanto.

Do mesmo xeito que non hai graos en canto á igualdade (non se pode ser máis ou menos iguais), tampouco existe un punto equidistante entre a verdade e a mentira. Non hai fraudes máis fraudulentos ca outros, só máis ou menos perigosos.

En realidade, o problema non está na defensa de dúas ideas contrapostas. Igual que no caso do feminismo, o escepticismo loita contra un sistema de crenzas que ata o momento constituían o paradigma dominante. Esquecemos moi axiña que, ata non hai moito, pedir probas de afirmacións absurdas e irracionais podía acabar en cadea, ou o que é peor, en churrasco. Quen acusa aos escépticos de ser os voceiros da “oficilialidade” son os mesmos que din que as leis benefician ás mulleres: os que teñen medo de perder privilexios. Quen quere manter o seu chiringuito, ou non lle resulta cómodo que o poñan en cuestión, ou non lle apetece revisar as súas crenzas. Quen está moi cómodo, en definitiva, coas cousas tal e como están.

Ademais da acusación de arrogantes (por pedir probas, ollo. Por dicir cousas incomprobables como verdades absolutas, non), o outro grande argumento é que “a xente precisa crer en algo”. En algo irracional ou sobrenatural, enténdese. Eu creo en moitas cousas, nos meus amigos, na sanidade pública e en que Dune é unha boa peli, pero non é iso. É un argumento para non remexer moito. Como sempre existiron crenzas irracionais, charlatáns e curandeiros, por que imos tratar de cambialo? Incluso, pode ser como apelar á natureza humana: as persoas precisan crer nalgo. As mulleres son de tal maneira. Dicir que algo é como é, sempre o foi e sempre o será, ademais de un argumento de patacón digno de Ayn Rand, é un xeito moi efectivo de desactivar calquera expectativa de cambio.

Outra cousa que teñen en común o movemento escéptico e o feminismo é a acusación constante de ser agresivos. Ten graza que, perante os millóns de mortos das relixións organizadas ou do machismo, dúas ideoloxías que se caracterizan por non ter causado nin unha soa baixa teñan que aturar o sambenito de “agresivas”. Estamos loitando contra os que posiblemente sexan os dous paradigmas ideolóxicos máis letais da humanidade, pero esíxenos que o fagamos cun sorriso, que sexamos simpáticos e que non alcemos moito a voz. Que non molestemos moito, en suma.

Imaxe Día 52: Revisión. Ángel Arcones en Flickr, baixo licenza CC

A Carreira da Raíña Vermella

A Carreira da Raíña Vermella

”I pictured to myself the Queen of Hearts as a sort of embodiment of ungovernable passion – a blind and aimless Fury.
The Red Queen I pictured as a Fury, but of another type; her passion must be cold and calm – she must be formal and strict, yet not unkindly; pedantic to the 10th degree, the concentrated essence of all governesses!”
— Lewis Carroll, in “Alice on the Stage”, 1887

Carroll xa tratou en vida de aclarar a confusión entre a Raíña Vermella e a Raíña de Corazóns, dous personaxes moi diferentes que as sucesivas adaptacións, interpretacións e reinterpretacións encargáronse de mesturar ata volver case imposible recoñecer as características presentes nas obras literarias.

A Través do Espello non é unha continuación do País das Marabillas, senón que, comezando xa dende a propia concepción da obra co xogo especular, pretende ser un reflexo invertido desta. O País das Marabillas comeza ao aire libre, nun prado primaveral. A Través do Espello arrinca no interior, nun salón fronte ao lume da cheminea no outono. O País das Marabillas segue a lóxica caótica e aleatoria dos soños, representada polo xogo azaroso dos naipes. A Través do Espello desenvólvese nun taboleiro de xadrez, e cada capítulo representa unha xogada rexida polas estritas normas dunha partida real, ata que Alicia acada o último escaque e é coroada á súa vez raíña.

Continuando con este mesmo paralelismo (Carroll non dá puntada sen fío) o reinado da Raíña de Corazóns é a terrorífica ditadura dunha psicópata que ordea execucións á menor provocación ou mesmo sen ela, guiada só polo seu propio capricho. Pinta de vermello as rosas brancas e xoga ao críquet con flamingos e ourizos, e compórtase en suma como unha lunática. A Raíña Vermella pretende ser xusto a imaxe oposta: unha gobernante ríxida e estricta que fai cumprir unhas normas estrañas, pero coherentes. A Raíña Vermella explícalle a Alicia cales son as regras que rexen no mundo do Espello, é dicir, como ten que moverse, como peón que é, para acadar o último escaque e ser coroada Raíña, e así gañar a partida.

Alicia extráñase de que, por moito que corran, sempre permanecen no mesmo sitio. “Que mundo máis lento o teu!”, replica a Raíña Vermella. “Aquí, para ficar no mesmo sitio, hai que correr todo o que unha poida! E se queres chegar a algún outro lugar, hai que correr o dobre!”.

Esta conversa aparentemente disparatada pero cunha curiosa coherencia interna (non por nada Carroll era matemático) dá nome á Hipótese da Raíña Vermella, enunciada en 1973 por Leigh Van Valen. Na natureza, di Van Valen, non é suficiente con adaptarse ao medio (correr todo canto unha poida) para sobrevivir, senón que é preciso ademais adaptarse continuamente ás modificacións seleccionadas nos competidores e depredadores (hai que correr o dobre!). O exemplo máis clásico é a carreira armamentística entre presas e depredadores: unha delicada gacela Thompson non só ten que adaptarse ao medio para sobrevivir, ser quen de conseguir suficiente enerxía, reproducirse máis e mellor que outras gacelas e resistir as enfermdiades e as secas, senón que ademáis debe evitar ser cazada polas leoas, desenvolvendo cada vez mellores recursos de camuflaxe, defensa ou fuxida, mentres que estas, pola súa banda, precisan ser cada vez máis rápidas, máis fortes e coordinarse mellor. Así, as leoas e as gacelas deben correr, non tanto como poidan (contra o medio) senón o dobre (tratando de superarse unhas ás outras).

Este blogue pretende, como a Raíña Vermella, explicar as extrañas pero marabillosas regras que gobernan, non só o mundo do Espello, senón tamén o mundo real. Ás veces poden parecer disparatadas, ou pode parecer que o mundo é caótico e desordeado, pero para iso está a ciencia: para explicarnos como chegar ao último escaque.