Sentimentos Intelectuais

Sentimentos Intelectuais

Hai pouco vinme envolta nunha discusión sobre a natureza dos sentimentos, e sobre o aparentemente contraditorio concepto de sentimentos intelectuais. Digo que me vin envolta porque comecei facendo un comentario sobre o que quería dicir o bo e vello  Jaspers con esta construción e descubrín que case ninguén cmpartía o que a me parecía obvio. A postura maioritaria era que os sentimentos eran fundamentalmente interpersoais, e polo tanto o de “sentimentos intelectuais” era algo en si mesmo antagónico e paradóxico, porque os sentimentos son irracionais e non teñen que ver co intelecto.

Sentinme completamente autista, esquizoide, becho raro, e repliquei timidamente: “pero moitas veces o que sentimos non é cara a unha persoa…” Debino dicir moi baixiño porque non obtiven resposta, pero despois quedei pensando que, que demo, moitos dos sentimentos mais intensos que eu experimentei na miña vida non tiñan que ver con outro ser humano, nin sequera con outro ser vivo, sen desmerecer a todos os seres vivos polos que sinto intensos afectos, positivos e negativos.

Pero non se me ocorre xeito mellor que o de sentimentos intelectuais (e por iso Jaspers é un prócer) para definir esa emoción do coñecemento, da aprendizaxe e da avidez polos descubrimentos novos. O fogonazo de entender de súpeto algo que até ese momento permanecía escuro, ou a curiosidade insaciable por un tema novo que nos apaixona son os equivalentes intelectuais, para min, do flechazo e do sentimento amoroso. E poden ser igual de intensos, poden provocar a mesma ledicia e a mesma frustración, aínda que se nos repita continuamente que o amor é un sentimento único e inigualable.

Dicía Castilla del Pino, e custoulle moitas críticas, que a morte dos seus fillos fora dolorosísima, pero non truncara o seu proxecto vital. Non acadar a cadeira universitaria si. Pódese entender isto como o fixo moita xente, como unha proba de frialdade e falta de amor e humanidade, ou mais ben como unha proba de sinceridade. O coñecemento, ou neste caso o recoñecemento dese coñecemento, poden ser a paixón de toda unha vida, e esa paixón pode ser igual ou mais intensa que unha paixón amorosa.

A Materia Escura ou a auténtica subversión: ciencia, ateísmo e steam punk.

A Materia Escura ou a auténtica subversión: ciencia, ateísmo e steam punk.

Para os que pensamos que o futuro da literatura galega está (tamén) na tradución, editoriais como Factoría K dannos agradables sorpresas. Polo pronto, eu papei a triloxía da Materia Escura en galego, o cal é unha agradable sorpresa para quen le maior e principalmente traducións.

Ter que ir buscar “A Materia Escura” á sección de literatura infantil e xuvenil, e que se compare coas Crónicas de Narnia significa que, ou ben alguén non leu os libros mais que pola contracapa, ou ben que a estratexia do autor funcionou: escribamos algo absolutamente prorrevolucionario e subversivo, engadamos despois animaliños que falan para despistar e… voilá! Pasará por libro infantil e chegaremos a milleiros de adolescentes ávidos de ideas para os que non se escriben libros de filosofía.

Porque a Materia Escura son, antes ca ningunha outra cousa, novelas de tese. E a tese é bastante explícita dende o segundo volume (supoño que por iso non fixeron as outras partes do filme). Sen facer spoiler, e resumindo: a relixión debe ser eliminada, se é preciso pola forza, se o ser humano quere ser verdadeiramente libre e vivir conforme a súa natureza. Sen confundir o de “natureza” con ningún tipo de paranoia biocrática ou heterocéntrica, porque para Pullman a natureza humana defínese como a autoconsciencia e a capacidade para explicar (e modificar) o mundo no que vivimos. A ciencia, nunha palabra.

Por iso a imaxinería steam punk está especialmente xustificada nesta saga, porque a tecnoloxía (zepelíns e luz eléctrica, pero tamén supercomputadores e ferramentas) tamén forma parte do que caracteriza ao ser humano, e será o que permita cambiar para sempre a nosa visión do mundo. Como dixo Bakunin, “se Deus existise, tería que ser destruído”.

Produciuse un erro inesperado

Produciuse un erro inesperado

Cando tiña dez ou once anos, a miña profe de ximnasia (perdón, Educación Física) tiña un método de humillación pública favorito, que consistía en facernos subir por unha corda con nós e despois deixarnos caer sobre un montón de colchonetas. Supoño que en realidade non era tanto, pero a min parecíame altísimo. Parecíamo mentras subía, porque me mancaba nas mans coa corda, e parecíamo aínda mais cando tiña que saltar dende aló arriba. Pero saltaba, claro. Custárame demasiado desfacerme do estigma da chapona paquete como para botalo todo pola borda por unha corda de nós.

Así que alí estabamos, vendo como cada un de nós subía e caía dende o teito do ximnasio, cando unha das rapazas caeu cun golpe que soou especialmente seco e a profe achegouse algo alarmada (pregúntome até que punto aquel exercicio tipo marines era legal) e preguntoulle se estaba ben. E a nosa compañeira contestou cun galimatías incomprensible. Coma cando xogabamos a cantar en inglés de mentira, que en realidade non dicías nada, só imitabas o son.

Ao primeiro non nos decatamos do que pasaba, pero a mestra púxose lívida, volveu preguntarlle, sacudíndoa polos ombros, e ela volveu falar incomprensiblemente, e entón todos caímos na conta de que non estaba de coña, e sobre todo, de que non se decataba de que non estaba dicindo nada con sentido. Foi bastante arrepiante, así que non quero nin pensar como sería para a profe de adestramento militar, digo de educación física. Por sorte, aquilo durou só un par de minutos e a nena volveu falar normal, estrañadísima de que todos a miraramos con cara de pánico e de que a profe, que en xeral era unha borde, estivera tan contenta de que non lle pasara nada, en vez de berrarlle por inútil.

Cando cheguei á casa, abalanceime sobre o meu “Érase una vez el cuerpo humano” en busca de respostas, pero non as atopei, porque aquilo excedía a miña obra de cabeceira, e eu daquela aínda non tiña unha Anatomía de Grey, que era o que me facía falla. Pero na miña pequena mente atea había un razonamento novo:

1. O golpe fixera que algo dentro do cerebro se desconectara momentaneamente, e ese algo tiña que ser o centro da fala.
2. Se a fala podía desconectarse, entón seguro que outras funcións tamén.

Moito despois souben que iso tiña o fermoso nome de afasia fluente, e que a miña intuición era correcta. E tamén souben doutras funcións desconectadas, coma no caso de Phineas Gage, ao que lle atravesou unha barra de ferro o cranio e milagrosamente sobreviviu. Pero cando se recuperou, a súa familia comprobou horrorizada que, literalmente, non era a mesma persoa. O tipo tímido e recto volvérase unha especie de psicópata desalmado. Comezaron a chamarlle “no more Gage”, porque realmente, xa non era Gage.  O que se desconectou foi a personalidade, os valores, a moral. Así de simple. O que somos é unha pequena porción na parte anterior do cerebro, un circuito que nalgún momento da evolución comezou a ser consciente de si mesmo, e sen el somos iguais ca un reptil ou unha planta de interior, no que a personalidade se refire. Se algúen se pregunta que é ou canto pesa a alma, eu xa teño a miña propia resposta: é unha rede reverberante de neuronas, e pesa mais ben pouco, aínda que non sei se exactamente 21 gramos.

 

O primeiro paxaro

O primeiro paxaro

En breve asistirei a unhas xornadas sobre darwinismo e evolución e estou toda emocionada, aínda que teña que facer un chanchullo no curro porque non conta como formación científica (!!!!). Deben  de pensar que o da evolución xa está moi trillado e xa o sabemos, ou algo así.  E como as ideas revolotean ao noso redor coma libeliñas xigantes do triásico  tardío, e fan mais ruido que un caza de combate, hoxe atopeime de novo coa imaxe que me obsesionou parte importante da miña infancia, convencéndome de que na realidade pasaban cousas tan alucinantes que non había necesidade ningunha de recurrir ao sobrenatural para facela mais interesante.

A imaxe, por se alguén non a coñece aínda, é un dinosauro converténdose en paxaro, case case diante dos nosos ollos. O becho en cuestión chámase Archaeopterix e eu imaxínoo con plumas verdes e azuis aínda que a saber. O malo dos fósiles é que son en branco e negro.  Esta imaxe foi suficiente para que a miña imaxinación ardera como combustible (fósil) e me fixera fan a morte da evolución, que permite que aos dinosauros lles saian plumas e sobrevivan a un cataclismo peor que calquera que saia na Biblia que fai que se extinga a meirande parte da vida do planeta, menos un rato diminuto que come ovos (mamá) e este vestixio da familia que estaba destinada a dominar o mundo e posiblemente a evoluir até acadar a intelixencia, cos seus grandes cerebros, os seus ollos con visión 3D e os seus polegares opoñibles.

Pero a dominación mundial é como a tele, hoxe es imprescindible e mañá ninguén se lembra de ti, e con sorte saes en Luar, e os dinosauros supercomplexos e superespecializados, os que tiñan tódalas bazas para ser a primeira especie con autoconciencia, eran demasiado fráxiles para o tema este do meteorito. Así que tivemos unha oportunidade que non nos tocaba, e polo que se ve soubemos aproveitala, namentres que os gañadores virtuais se convertían en devoradores de alpiste ou en polo ao curri.  Quen o ia dicir, co que prometían. Outro xoguete roto de Evolución Triunfo, edición Cretácico.

P.D: as gaivotas do meu barrio están facendo ultimamente o camiño inverso, e como sigan comendo do lixo, van rematar por converterse en auténticos dinosauros.

O Psiquiatra Vermello

O Psiquiatra Vermello

A morte de Castilla del Pino, hai tres días, deixoume unha sensación agridoce. Houbo un momento no que o admirei moitísimo, porque me parecía doblemente meritorio que un home da súa idade entendera e compartira determinadas reivindicacións, como o feminismo, habendo tantos esquerdistas de salón que o consideran unha “loita secundaria” que non debe desviarnos da verdadeira revolución (a dos homes). Despois, asinou o manifesto “Por la lengua común” e descubrín que había outras moitas reivindicacións que non entendía.

Coa morte todo se suaviza, aínda que eu mesma penso que non debera ser así, e agora pesa mais a admiración que a mágoa polo que non entedía.  Ser psiquiatra durante o franquismo, que empregou a disciplina como xeito de control social de disidentes políticos ou sexuais, debeu ser unha loita constante contracorrente. E un poñer en risco a propia vida, en moitos casos.

Pero o que mais me gustaba de Castilla del Pino era a valentía para dicir cousas politicamente incorrectas sen despeitearse. Por exemplo, que a morte do seu pai foi liberadora, ou que a dos seus fillos foi dolorosísisma, pero non estragou o seu proxecto vital.  Son cousas que seguramente moita xente sinta, pero que son difíciles de dicir. Un non está obrigado a querer a ninguén, nin a ter unha determinada orde de prioridades na vida.

Da súa obra, quedo coa idea do perdón. Da non obrigatoriedade do perdón, para ser mais exacta. En contra dos psicólogos de mesiña de noite que falan da necesidade de perdoar para seguir adiante (da obriga de perdoar, dende unha óptica herdada do cristianismo), Castilla del Pino fala da opción do perdón. Ninguén pode dicirche se debes ou non perdoar. Hai cousas que son imperdoables. Hai persoas ás que non queres perdoar. Hai que ser valente para decidir que non perdoas e non sentir culpabilidade. A obrigatoriedade do perdón convirte aos agredidos en culpables, subvirte de xeito perverso os papeis. Supoño que el pensaría en parte nos vencidos da Guerra Civil e na obsesión dos gañadores  con obrigarnos a perdoar, e que deixemos dunha vez de remover nas feridas.

Futurismo now

Futurismo now

Imaxina que entras nunha sala branca e luminosa, déitaste nunha camilla, pechas os ollos e lembras, de forma incriblemente vívida, un feito da túa vida, case como se o experimentaras de novo. Un recordo aleatorio, arbitrario (un día no que camiñas cara ao colexio e chove, por exemplo) ou o recordo que ti escollas. O día no que pasou aquilo que cambiou a túa vida. Podes lembralo todo, as cores, os aromas, as sensacións, incluso cousas que nese momento non fuches consciente de percibir. Que recordo escollerías?

Isto podería ser o argumento dun filme de ciencia ficción (de “Días Estraños”, por exemplo) ou podería estar a piques de ocorrer. Están pasando cousas asombrosas cunha técnica cirúrxica para o tratamento do Parkinson, a estimulación cerebral profunda.  A técnica en si semella xa bastante sci-fi, porque consiste en implantar uns electrodos na parte inferior do cerebro do paciente, namentres este sigue consciente, para que poda contar o que sinte en cada momento. O cerebro non ten sensibilidade, porque a natureza non preveu que puidesemos chegar aí dentro. Se os electrodos tocan no sitio xusto, a persoa con enfermidade de Parkinson deixa de tremer. Tamén se emprega para diminuír o apetito en pacientes con obesidade, estimulando outra zona. Pero de casualidade, durante o proceso, o electrodo tocou nun punto do cerebro que gardaba un recordo. Un, concretamente. Aleatorio e banal. Así que o operado (esperto, recordade) di “ei, estame pasando unha cousa rarísima. Estou lembrando moi intensamente un día que estaba nun parque cuns colegas, cando tiña vinte anos. Lembro até que roupa levaba, se tiña frío ou calor. É como se pasara onte. Non, é case como se estivera pasando agora”. E, cerebralmente, está pasando.

Aínda non temos a tecnoloxía para escoller os recordos, nin para que a ECP sexa inocua, pero a posibilidade que se abre é tremendamente suxestiva e estraña. Pagaríamos por eses recordos? Poderíanse rexistrar, gravar? Estimularía tamén a memoria anterógrada, a nosa capacidade de fixar recordos novos? A ciencia ficción está comezando a ser ciencia a secas.  P.D: grazas, meu.

Schhhhh…

Schhhhh…

A frase que acompaña este cartaz (que tirei daquí) di algo así como: “Se tiveras unha idea que vai sacudir á sociedade, gardaríala para ti mesmo?”.

Hai un par de días cumplíase o 200 aniversario da morte de Darwin, e este ano temén se conmemoran os 150 anos da publicación de A Orixe das Especies, o libro que cambiou o mundo para sempre. Non sei de quen é a cita (axuda, por favor!) que di que Copérnico sacou ao ser humano do centro do Universo, Darwin díxolle que era como os outros animais e Freud quitoulle a última ilusión, a de ser dono da súa propia mente. Tres caídas bíblicas, a cal mais dolorosa. Se teño que escoller, coido que o peor golpe no ego humano foi o que nos infrinxiu a teoría da evolución, a xulgar cando menos polas reaccións que aínda hoxe suscita.

De Darwin xa falaron outros blogs mellor ca min, así que vou adicar este post aos creacionistas, que son a xente mais divertida do mundo. Porque recoñeceredes que discutir unha por unha, con argumentos a cal mais disparatados, as probas da evolución das especies, require un certo sentido do humor. Non vos perdades, por exemplo, “Dinosauros, toda a verdade“. Os argumentos son basicamente os mesmos que atopou Darwin cando publicou a súa obra: a complexidade irreductible e as características do universo.

O primeiro argumento ven dicindo que unha estrutura viva complexa, como por exemplo un ollo (Darwin estaba obsesionado co tema do ollo, e parecíalle o punto mais feble da súa teoría) require dun deseño intelixente, porque se falla calquera dos seus compoñentes deixa de ser funcional. Por suposto, na natureza hai múltiples exemplos de ollos de diferentes tipos, mais e menos complexos e que funcionan mellor ou peor, co cal este argumento non se sostén.

O segundo, asegura que se o Universo fose só un chisco diferente a como é, non podería existir a vida, e polo tanto as condicións previas están coidadosamente seleccionadas polo creador. Isto é o que en lóxica (cantos de vós sodes do plano de estudos de BUP?) se denomina tautoloxía, un argumento circular: aínda aceptando que isto sexa así, cousa que non sabemos, obviamente a vida existe nestas consicións, e se foran outras non existiría e non estariamos falando disto.

Pero o que fai do creacionismo unha pseudociencia non é que teñan unha inmensa paciencia para refutar o irrefutable, senón que poñen o carro antes dos bois. Se tratas de falsar unha hipótese á que chegas mediante a fe, e non mediante a lóxica, e ignoras as probas que tes en contra, autmaticamente deixas de facer ciencia e pasas a facer trucos de feira. Ocorre o mesmo que co omnisciente argumento para convencernos da existencia de deus: non podes probar que non exista. Claro que non, porque diso vai a ciencia, queridos, de demostrar cousas que existen. Se non, tamén existirían as sereas e Alf. Aquí do que se trata é de aproveitarse da escasa formación científica que ten a poboación en xeral para sementar dúbidas absurdas. A crenza é unha cousa, á marxe do que eu opine, e outra é o engano.

Corpo aberto

Corpo aberto

Unha noite, en certo pub, o grandísimo Quico Cadaval ensinounos a diferenza entre posesión e corpo aberto, que toda persoa minimamente culta debera coñecer, sobre todo porque nunca se sabe cando pode ser unha posuída, e convén ter claros os conceptos. Aínda que a explicación de Quico era moito mais desternillante, e incluía un coche, unha pipa e unha escena tipo Tarantino, basicamente a diferenza radica en que a posesión ocorre sen o consentemento do posuído, namentres que no corpo aberto, un vivo préstase a albergar a alma dun morto, pero mantendo o control sobre os seus propios actos.

Pois ben, en Estocolmo conseguiron reproducir, ciencia mediante, algo moi semellante á idea xenuinamente galega de corpo aberto. Cando o vin, imaxinei inmediatamente algo semellante a Como ser John Malkovich, reptando por un túnel até o cerebro do elixido para rematar na cuneta da autopista New York-New Jersey. Pero non. A cousa é tan sinxela como acoplar unhas cámaras á cabeza do “posuído”, que se moven conforme uns sensores na cabeza do “posuidor”, de xeito que, ao mover a cabeza, abarcamos o campo de visión do outro no canto do propio. Se nese campo entra algo que contacta co corpo do posuído, e a zona correspondente ao corpo do posuidor é estimulada correlativamente, a sensación de que estamos noutro corpo é total. É incrible o doado que resulta enganar ao noso cerebro.

Aínda que as aplicacións aínda non están moi claras, a min véñenseme á cabeza pelis como Días estraños e a posibilidade de vivir experiencias alleas como se foran propias, pero sen o risco potencial que entrañan. Facer puenting, ir ao espazo, viaxar… Pero coido que o mais desconcertante pode ser sinxelamente a experiencia de ter outro corpo, incluso un corpo doutro sexo ou outra cor. Se cadra unha das posibles aplicacións é didáctica.

Neurodoping

Neurodoping

Hai unhas semanas topei con esta noticia na prensa, e levo dende entón dándolle voltas. Para os vagos que non abrides os enlaces: Jonathan Eisen, un biólogo estadounidense, lanzou á marea de Internet unha broma con moita chicha. Un suposto organismo oficial controlaría que os científicos non utilizaran sustancias dopantes que permitiran mellorar o rendemento intelectual. Segundo a noticia, un 20% dos cieníficos, nunha enquisa realizada por Nature, recoñecían tomar sustancias para incrementar a concentración ou diminuír a necesidade de sono.

Aínda que só sexa unha broma (pouco inocente, por outra banda) abre unha pregunta interesante. Por exemplo, tomar anfetaminas para un exame é igual que copiar? Pero se se descubrise unha sustancia que aumenta a intelixencia, esa intelixencia sería “de segunda”? Ou se cadra non unha sustancia, senón algún tipo de implante informático que funcione como unha ampliación de memoria? (Este post comeza a parecer unha ovella eléctrica).

En calquera caso, un 20% paréceme unha cifra ridícula. Eu estaría por asegurar que o 100% toman sustancias que melloran o rendemento, aínda que sexan megadoses de cafeína. É iso doping?

Despois de moito pensalo, teño a miña resposta, que non ten por que ser válida para ninguén mais: non é doping porque o coñecemento non é un deporte. Nas competicións deportivas, o único que está en xogo é a propia victoria, pero non se acada nada que sexa valioso en si mesmo. No que toca a ciencia, un descobremento pode cambiar a vida das persoas, e iso é valioso con independencia de quen (ou en que estado, ou con que axudas) o consiga. Velo como unha mera competición é pervertir por completo o sentido da investigación científica.